Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugurou a mostra Pasado e presente da olería en Lugo, coa que a Deputación homenaxea ós cacharreiros lucenses

A inauguración na Capela de Santa María desta colección de 140 pezas das catro comarcas oleiras lucenses foi un emotivo recoñecemento ós últimos artesáns tradicionais da provincia e a García Alén, pola súa contribución á conservación do saber dos cacharreirosDarío Xohán Cabana, Xosé Otero Canto e Marica Campo foron algún dos intelectuais que deron lectura a poemas musicados con partituras das cantigas de Alfonso X no transcurso da homenaxe ós que Gómez Besteiro definiu coma “salvagarda dunha arte antiga” A mostra permanecerá aberta ata o 3 de marzo no horario habitual de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas, e domingos, de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o comisario da exposición, Higinio Flores, inaugurou esta tarde na Capela de Santa María a mostra Pasado e presente da olería en Lugo, nun acto organizado a modo de homenaxe ós oleiros da provincia. Esta exposición, que amosa 140 pezas de olería procedentes das catro comarcas oleiras lucenses –Samos, Gundivós, Sober e Mondoñedo-, está pensada para dar a coñecer entre as xentes de hoxe esta antiga manufactura de carácter funcional e práctico que situou á provincia no mapa galego, pola calidade e variedade dos obxectos creados.

A exposición está formada por 140 pezas tradicionais das catro comarcas oleiras que existían na provincia de Lugo –Gundivós, Samos, Bonxe e Mondoñedo-, a maior parte das cales proceden de coleccións particulares, e entre as que destacan algunhas que ben poderían formar parte de museos pola súa orixinalidade e antigüidade. É o caso de dúas “ámboas”, recipientes para almacenaxe de líquidos e cereais, realizadas en Samos nas primeiras décadas do século XVIII.

Tendo en conta a intención de dar a coñecer a extraordinaria importancia e calidade destes artesáns do barro, a mostra ten carácter didáctico: xunto ás pezas expostas, hai numerosos paneis explicativos que facilitan a comprensión de aspectos coma os usos, características e técnicas de produción das diferentes pezas. Tamén hai material audiovisual que facilita ós asistentes a comprensión do proceso de elaboración empregado, por exemplo, nas zonas de Bonxe e Gundivós.

Homenaxe ós oleiros e a García Alén

O acto comezou coa homenaxe a Luciano García Alén, quen estivo representado pola súa filla. Tras detallar parte dos méritos acadados por este médico que adicou gran parte da súa vida a percorrer Galicia recompilando abundante información sobre a técnica dos oleiros e das características das pezas típicas de cada zona, o que plasmaría nunha obra “A alfarería de Galicia”, que dende 1983, ano da súa publicación, ata hoxe segue a ser un referente para todos aqueles que teñen interese no mundo da olería galega. Tras unha pequena semblanza dos seus méritos, María García recibiu unha pequena mostra de pezas oleiras de factura moderna, elaboradas por continuadores do oficio na actualidade.

Tras o doutor Alén, chegou o momento do recoñecemento ós seis artesáns ós que Gómez Besteiro definiu coma “a salvagarda dunha arte antiga”. O Presidente da Deputación de Lugo fíxolles entrega das distincións de “Artesán de honra da provincia de Lugo”, polo inestimable labor en prol da supervivencia do gran patrimonio etnográfico e material, identitario da provincia ós oleiros Nicanor Lombao e Manuel Iglesias, de Bonxe; Carlos Iglesias, de Samos; Agapito González, Obdulia Rodríguez e Daniel Rodríguez, de Gundivós.

Esta xeración de oleiros ten a súa continuidade con xente nova que na actualidade está traballando para recuperar e dignificar este oficio case desaparecido: Elías González Prieto e Tomás López González, de Gundivós; Josefa Lomba Ferro de Bonxe e María jesús López Lage, de Mondoñedo, tamén tiveron o seu momento de recoñecemento.

Música e poesía

Tras a entrega destas distincións, foi o momento da poesía e a música, coa lectura de poemas por parte de xentes da cultura coma José Otero Canto e Marica Campo, que deron lectura a composicións propias, ou o escritor Darío Xohán Cabana, que fixo o mesmo con poemas de Manuel María, que foi chairego de pro e estivo fortemente vinculado ó mundo da olería. Tamén Francisca López leu outro poema do poeta da Terra Chá en representación do persoal do Centrad, do que esta é Coordinadora de Deseño. Esta lectura de poemas contou cunha banda sonora especial para a ocasión: os artesáns do obradoiro do Instrumento Musical do Centro elaboraron unhas pequenas caixas de música en forma de zanfonas da época de Alfonso X, coas que interpretaron dúas das famosas Cantigas, as número 100 e 77, sendo esta última a única que fala de Galicia e, en concreto, da provincia de Lugo.

Datas e horarios da exposición

Pasado e presente da olería en Lugo permancerá aberta ata o 3 de marzo no horario habitual de visitas da Capela de Santa María: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas, e domingos, de 11:00 a 14:00 horas.