Deputación de Lugo

A Deputación denuncia que a Xunta financiou con máis de 13 millóns os servizos sociais e o emprego de todas as provincias menos Lugo

O Goberno galego asinou convenios cos organismo provinciais da Coruña, Pontevedra e Ourense, concedéndolles máis de 8 millóns de euros para as Axudas no Fogar e máis de 5 millóns de euros para a contratación de desempregados en ditas provinciasO Executivo autonómico inclúe nos convenios as alegacións da Deputación de Lugo pero, sen embargo, elude respostar a esta institución provincial, deixando sen financiamento ós lucensesDocumentación oficial da Xunta corrobora que esta administración recortou o seu orzamento para servizos sociais e que aprobou un Decretazo para que as Deputacións o compensen

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, denunciou hoxe que a Xunta financiou con máis de 13 millóns de euros os servizos sociais e as políticas de contratación de desempregados de todas as provincias galegas menos a de Lugo. “É unha mostra máis de como Feijóo discrimina ós lucenses, establecendo cidadáns de primeira e segunda clase e do partidismo que aplica o Goberno galego, colaborando só con administracións da súa mesma cor política”, subliñou Martínez.

Estes máis de 13 millóns de euros corresponden ós convenios que o Executivo autonómico asinou coas Deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense -non así coa de Lugo- para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e a contratación de traballadores e traballadoras desempregadas, tal e como dictan os seus títulos. Cos convenios na man e dando conta das cifras oficiais que neles figuran, Martínez destacou que a Xunta concedeu ás institucións coruñesa, pontevedresa e ourensá máis de 8 millóns de euros para as Axudas no Fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes e máis de 5 millóns de euros para a contratación de desempregados destas provincias. “Pola contra, Feijóo outorgou cero euros para prestar servizos sociais ós veciños de 66 municipios lugueses e outros cero euros para combater o paro nesta provincia”, remarcou.

Segundo se pode constatar nos convenios, con data do 11 de xullo de 2012, a Xunta aprobou conceder á Deputación da Coruña 3,8 millóns de euros para as Axudas no Fogar e 1,9 millóns de euros para desempregados. En total, Feijóo outorgou á provincia coruñesa máis de 5,7 millóns de euros. Posteriormente, con data do 18 de xullo de 2012, o Goberno galego acordou dar á Deputación de Pontevedra preto de 2,5 millóns de euros para as Axudas no Fogar e 2 millóns de euros para parados. En total, Feijóo concedeu á provincia pontevedresa 4,5 millóns de euros. Finalmente, con data do 19 de xullo de 2012, o Executivo autonómico aprobou outorgar á Deputación de Ourense 1,7 millóns de euros para as Axudas no Fogar e 1,2 millóns de euros para desempregados. En total, Feijóo deu á provincia ourensana 2,9 millóns de euros.

Inclúense as alegacións da Deputación de Lugo

Martínez explicou que a Xunta remitiu á Deputación de Lugo un borrador deste convenio, que foi avaliado polo servizo xurídico provincial. Froito deste estudo e a comezos do mes de xullo, a institución luguesa enviou ó Goberno galego varios informes técnicos, nos que se daba conta de cuestións de urxente solución para continuar coa tramitación do texto, apuntan estes profesionais. O voceiro indicou que o Executivo autonómico nunca respostou ó organismo lugués pero, sen embargo, si incorporou ós convenios que asinou cas restantes institucións provinciais as alegacións presentadas pola Deputación de Lugo. “É dicir, Feijóo non nos resposta pero sí nos dá a razón, recollendo as nosas peticións nos textos asinados con todas as provinciais galegos menos ca de Lugo.

Algúns exemplos que amosan o anterior son: a Deputación de Lugo propoñía que as cantidades achegadas por Xunta e Deputacións para a prestación de servizos sociais nos Concellos de menos de 20.000 habitantes fosen obxecto de estudo entre administracións co obxectivo de atender as diferentes necesidades de cada provincia. “Feijóo estivo de acordo coa nosa aportación e, por exemplo, negociou esta cuestión coa Deputación de Ourense. Fíxense, previamente, no borrador do convenio remitido ó organismo ourensá, o Goberno galego determinaba que dita Deputación debería achegar 1,3 millóns de euros para as Axudas no Fogar. Por certo, a mesma cantidade que o Goberno galego fixou para a Deputación de Lugo e que, por este motivo, recollemos no noso Orzamento para 2013. Pero, finalmente, Feijóo decidiu recudir a achega da Deputación de Ourense ata os 850.000 euros, incrementando a partida do Executivo autonómico ata os 1,7 millóns de euros”.

O servizo xurídico da Deputación de Lugo tamén advertiu á Xunta que se debería especificar no convenio que esta colaboración era froito do Decreto sobre Servizos Sociais, normativa que non se mencionaba no borrador pero sí nos textos finalmente asinados coas restantes institucións provinciais, tal e como se pode corroborar.

Memoria dos convenios

Segundo documentación oficial da propia Xunta de Galicia, o Goberno galego elaborou unha memoria explicativa dos convenios coas Deputacións Provinciais con data do 26 de xuño, na que apunta, textualmente, que “a administración autonómica viuse obrigada a recortar o financiamento destinado a servizos sociais comunitarios.... Por este motivo, abriu negociacións cos organismos provinciais (non así co de Lugo) para que as Deputacións compensen a parte do cofinanciamento.... e promoveu a aprobación polo Consello da Xunta do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento”. Esta memoria corrobora o que vén denunciando a Deputación de Lugo: o Goberno galego recortou o seu investimento en servizos sociais (cuestión que a Xunta desmente malia que isto figura na súa documentación oficial), e impuxo ós organismos provinciais novas competencias mediante o Decretazo de Servizos Sociais. Trátase dunha normativa que obriga a estas institucións a asumir competencias que ata entón eran da Xunta pero que, sen embargo, non obriga á administración autonómica a conceder ás Deputacións o financiamento correspondente para así facelo. Por este motivo, o Executivo autonómico pode, legalmente, asinar convenios nesta materia con todas as Deputacións menos coa de Lugo. O Goberno galego fixo todo isto sen consenso xa que en ningún momento houbo diálogo entre a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia malia a decena de solicitudes formuladas por Gómez Besteiro a Núñez Feijóo para manter un encontro no que tratar, entre outros asuntos, a prestación de servizos sociais.

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno aprobou a contratación dos traballos de deseño e posta en marcha de 2 portais web: un sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño e outro sobre a dos Ancares. Estas actuacións contan con 100.900 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europeo, é dicir, 80.700 euros son fondos europeos do programa Lug02. “Con estas novas páxinas web seguimos a poñer en valor estes espazos naturais co obxectivo de xerar novas oportunidades económicas na provincia”, salientou Martínez. Na mesma liña, a sesión acordou a cesión á Deputación do uso do Castelo de Doiras para organizar nestas instalacións actividades de promoción da riqueza medioambiental, histórica e etnográfica dos Ancares. Ademais, aprobáronse as contas xustificativas de 12 obras do Plan de Comunidades Veciñais, dotadas de 111.300 euros, financiados ó 100% pola Deputación. Son actuacións de mellora nas dotacións públicas de zonas rurais dos Concellos de Baralla, Cervo, Friol, Monterroso, Paradela e Sarria.