Deputación de Lugo

O Goberno Provincial denuncia que 'Feijóo desmantela os Hospitais da Costa e Monforte tras 4 anos e 100 días mentindo ós lucenses'

O voceiro socialista avaliou o resultado das “austericidas” políticas de Feijóo en Lugo dende que está na Xunta, remarcando que “só se dedicou a mentir. Agora crea unha única Área Sanitaria en Lugo, que prometera non facer en 2009, ignorando a profesionais, compañeiros de partido e miles de cidadáns”Martínez remarcou que “Feijóo fixo que para os lucenses a sanidade sexa máis custosa e menos universal porque temos que desprazar máis de 100 quilómetros e ata a outras provincias xa que non contamos con Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia, Medicina Nuclear ou Cirurxía Pediátrica” “Os lucenses gastamos co repago das menciñas máis de 500.000 euros ó mes que se ingresan nas arcas da Xunta que non financia en Lugo servizos sociais e emprego pero si nas restantes provincias”Lugo foi a provincia galega na que máis se incrementou o paro con case 30.000 desempregados. 2.200 traballos perigan co peche de Alimentos Lácteos, Cosmos e Tablicia. “Todo isto, tras destruír os 7.000 empregos que xeraría en Lugo o concurso eólico que Feijóo paralizou por intereses partidistas”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avaliou hoxe o resultado das “austericidas” políticas de Feijóo en Lugo cando está a piques de cumprir 4 anos e 100 de días á fronte do Goberno galego, denunciando que “só de dedicou a mentir ós lucenses. Agora desmantela os Hospitais da Costa e de Monforte coa creación dunha Área Sanitaria de Xestión Integrada en Lugo, que prometera non facer no 2009, ignorando a opinión de profesionais, compañeiros de partido ou miles de cidadáns que saíron, e obrigando ós 120.000 usuarios destas instalacións a desprazarse máis 100 quilómetros ata a capital luguesa para contar con diferentes especialidades sanitarias. Pero non con todas. Os lucenses non temos Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia, Medicina Nuclear ou Cirurxía Pediátrica porque Feijóo prefire que nos desprazemos a outras provinciais galegas, poñendo en risco a nosa saúde e facendo que para os lucenses a sanidade sexa máis custosa e menos universal”.

Martínez engadiu que “os resultados das austéricas políticas de Feijóo supuxo que os lucenses gastemos 500.000 euros ó mes co repago das menciñas, cartos que se ingresan nas arcas autonómicas. Nembargantes, non contamos co financiamento da Xunta para servizos sociais e políticas activas de emprego como os restantes galegos porque, para isto si, Feijóo trata os lucenses como cidadáns de segunda”.

Destrución de emprego

Sobre a situación laboral, o voceiro socialista subliñou que “Feijoo fixo que Lugo fose a provincia galega onde máis se incrementou o paro, con case 30.000 lucenses desempregados na actualidade. Todo fai indicar que esta cifra seguirá a aumentar coas políticas de desertización e da avestruz que Feijóo adopta co tecido empresarial. Nada fixo por solucionar a situación de Alimentos Lácteos malia concederlle subvencións de 5 millóns de euros. Tampouco actuou en con Cosmos ou Tablicia. Por iso, hoxe perigan os 2.200 empregos que xeran estas tres factorías na provincia. Todo isto, tras destruír os 7.000 empregos que se xeraría o concurso eólico en Lugo, que Feijóo decidiu paralizar por intereses persoais e partidistas, tal e como demostrou a xustiza”.

Rural, infraestruturas ou preferentes

Ó respecto do rural, Martínez subliñou que “o único que acadou Feijóo en Lugo foi o peche de 1.7000 explotacións, o desmantelamento de Preescolar na Casa que beneficiaba a 700 cativos ou o peche de 40 unidades escolares”. Sobre as infraestruturas lucenses, “nada sabemos da Ronda Leste, seguimos sen a VAC na Mariña, sen o Porto Seco ou sen mellorar as instalacións portuarias malia as repetidas promesas incumpridas”. O socialista remarcou que “e que podemos dicir cando 14.000 lucenses afectados pola preferentes seguen á espera dunha solución por parte de Feijóo, quen ata recoñeceu ser coñecedor do problema que provocarían estas participacións e, aínda así, nada fixo mentres os veciños investían nelas todos os seus aforros”.

O voceiro sentenciou salientando que “van 4 anos e 100 días de mentiras, de desprezo absoluto ós lucenses, de desgoberno, desmantelamento dos servizos público e de abandono total en Lugo da principal administración galega”.