Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Mondoñedo solventan a situación de illamento da familia de Pausalido ante o abandono da Xunta

A Xunta de Goberno Provincial aprobará o venres unha liña de financiamento que adianta ó municipio 33.000 euros para despexar de xeito inmediato os accesos viarios á vivenda destes veciños Gómez Besteiro cumpre coa palabra dada a Díaz García que solicitou axuda á institución logo de que a Xunta, administración coas competencias, mantivese a esta familia illada 3 meses. “Buscar culpables non serve de nada. Hai que actuar para garantir os mesmos dereitos ós veciños, vivan onde vivan”As máquinas do Parque Móbil inician hoxe o acondicionamento dun novo espazo público na Praza de Alcántara para facer fronte á presión do automóbil no casco histórico de Mondoñedo, aforrando cartos ás arcas municipais ó optimizar os recursos do organismo provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Concelleiro de Servizos de Mondoñedo, Modesto Díaz García, mantiveron este mércores un encontro coa familia de Pausalido que se atopa illada dende decembro, cando as choivas provocaron derrubamentos de terra na zona, cortando os accesos viarios á súa vivenda. Logo de tres meses nos que o municipio mindoniense atendeu as necesidades destes veciños á espera dunha resposta por parte da Xunta como administración responsable das emerxencias en Galicia tal e como establece a Lei, Deputación e Concello de Mondoñedo poñen fin “ó abandono no que se atopa esta familia ante a desidia do Goberno galego”. Gómez Besteiro avanzou que a Xunta de Goberno Provincial aprobará o venres un convenio mediante o cal a Deputación habilitará unha liña de financiamento de 33.000 euros ó Concello, adiantándolle deste xeito o orzamento necesario para asumir os traballos que permitan despexar a zona. Posteriormente, o Concello deberá devolver este presuposto ó organismo provincial. Díaz García subliñou que coa colaboración da institución luguesa o municipio poderá contratar estas actuacións, consistentes na retirada do material acumulado e na construción dun muro de escolleira para evitar que esta situación se repita, para a súa inmediata execución.

Con esta liña de financiamento, o Presidente cumpre coa palabra dada ó Concelleiro que reclamou axuda ó organismo provincial ante a falta de recursos municipais e da resposta da administración galega coas competencias na materia. A Lei de Emerxencias de 2007 di, textualmente, que “corresponde a la Xunta de Galicia la gestión de las emergencias que superen los medios de respuesta de que disponen las entidades locales”. Esta situación fixo que, dende o 16 de decembro, tres persoas dunha mesma familia de Pausalido estivesen illados, recibindo axuda diaria por parte do Concello de Mondoñedo, que puxo á súa disposición medios persoais e técnicos. Durante estes tres meses, dúas persoas da entidade local están pendentes cada día de recoller a unha cativa, ás oito da mañá, cun tractor e un todoterreo, para levala á parada do autobús escolar máis próxima. Pola tarde, volven a recollela. Ademais, encárganse de levar á vivenda o que necesiten, dende comida ata material para atender a explotación gandeira.

“Garantir os mesmos dereitos ós veciños, vivan onde vivan”

O titular provincial subliñou que, tendo en conta que a xestión de emerxencias non é competencia das Deputacións senón da Xunta de Galicia, “a única fórmula que atopamos para poñer fin a esta situación é facer unha transferencia de cartos ó Concello, que terá que devolver en 3 anos, xa que estamos ante problema nunha vía municipal debido ás condicións climatolóxicas, que provocaron emerxencias como esta en toda Galicia. Buscar culpables non serve de nada cando o problema, neste caso unha familia incomunicada, segue aí. Hai que actuar e executar as competencias para garantir os mesmos dereitos e deberes a todos os veciños, vivan onde vivan, na Coruña ou nesta parroquia de Mondoñedo”.

Acondicionamento dun novo espazo público en Alcántara

O Presidente e o Concelleiro supervisaron os traballos que a Deputación iniciou hoxe mesmo en Mondoñedo, “respostando a un proxecto solicitado por Modesto Díaz”. Gómez Besteiro explicou que se trata do acondicionamento brando (ó non ser asfalto) e transitorio (xa que se empregará en determinadas ocasións) dun novo espazo público na praza de Alcántara, concretamente detrás dos xulgados, para facer fronte á presión do automóbil que sofre o centro desta localidade. O Presidente subliñou que a institución luguesa executa estes traballos coas instruccións dos técnicos municipais para respectar o casco histórico. Ademais, faino con medios propios, empregando as máquinas do Parque Móbil Provincial, optimizando os recursos do organismo lugués e aforrando cartos ás arcas municipais.