Deputación de Lugo

O Pleno aproba, coa negativa do PP, instar á Xunta a que cofinancie en Lugo servizos sociais e emprego como nas restantes provincias

PSOE e BNG esixen que se manteñan as áreas sanitarias da Costa e Monforte mentres o PP confirma a creación dunha área integrada en Lugo e se abstén na votación para demandar ó Goberno galego que non elimine compentencias, servizos e especialistas na Mariña e na Zona Sur O Goberno Provincial subliña que os Deputados populares “non defenden os intereses dos lucenses nesta institución senón os do seu partido. Son delegados da Xunta de Galicia” José Luis Raposo, Alcalde de Pedrafita, tomou posesión como Deputado, converténdose no 3º membro do Goberno de Gómez Besteiro da Montaña, en mostra do seu compromiso coa zona, que require de actuacións específicas para a igualdade de condicións e oportunidades ós veciños

O Pleno aprobou, cos votos a favor dos Deputados de PSOE e BNG fronte á negativa dos representantes do PP, instar á Xunta a que cofinancie en Lugo os servizos sociais e as políticas activas de emprego ó igual que fai nas restantes provincias galegas. O Deputado socialista Álvaro Santos explicou que o Goberno Provincial levou á sesión de hoxe unha moción neste senso tras coñecer que o Executivo autonómico concedeu no 2012 máis de 13 millóns de euros para estas prestacións na Coruña, Pontevedra e Ourense mentres “outorgou cero euros a esta provincia, discriminando claramente ós lucenses”. Santos, que convidou ó Partido Popular a apoiar esta iniciativa en beneficio dos cidadáns, subliñou que “a súa negativa só pode entenderse do seguinte xeito: “o Partido Popular de Lugo négase a que os seus compañeiros na Xunta cofinancien os servizos sociais e o emprego dos lucenses mentres llo cofinancian ós restantes galegos; o Partido Popular de Lugo antepón os intereses do Goberno galego ás necesidades dos lucenses; o Partido Popular de Lugo trata os seus propios veciños como cidadáns de segunda ou terceira clase ó negarlles o financiamento autonómico que si reciben os restantes cidadáns, ó igual que tamén lles negan Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia, Medicina Nuclear ou Ciruxía Pediátrica. A súa negativa pon en sería dúbida a quen representa o PP nesta Deputación, ¿ós veciños desta provincia ou á Xunta de Galicia?; así como os intereses que defenden, ¿os dos lucenses ou os de Raquel Arias e Alberto Núñez Feijóo?”, sentenciou o Deputado.

Coa moción do Goberno Provincial, a institución luguesa demanda ó Executivo autonómico:

1.- Asinar coa Deputación de Lugo, ó igual que fixo cos restantes organismo provinciais en Galicia, o convenio para cofinanciar estas prestancións, “dándolle o mesmo trato ós veciños desta provincia como os da Coruña, Pontevedra e Ourense”.

2.- Que explique porque non respostou ás 4 peticións da institución luguesa para asinar este convenio e cofinanciar en Lugo, como nas outras provincias galegas, as Axudas no Fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes e o emprego. “Non respostaron as nosas peticións nin ós informes xurídicos enviados dende esta Deputación pero si tiveron en conta as apreciacións dos nosos técnicos para asinar os convenios coas outras Deputacións”.

3.- Que manteña o financiamento para as Axudas do SAF Básico no 2013 “logo de recortalas a cero euros o ano pasado e só nesta provincia porque si as cofinanciou nas restantes provincias galegas”.

“Póñanse de acordo”

O Goberno Provincial fai esta terceira demanda logo de que o Executivo Central establecese no Anteproxecto de Lei para a Reforma da Administración Local que son as Comunidades Autónomas as que deben financiar os servizos sociais nos Concellos. En Galicia e mediante un Decreto, Feijóo impuxo ás Deputacións esta competencia sen concederlles por lei o financiamento autonómico necesario, suxeito á sinatura de convenios coa Xunta. Ante esta situación, o Deputado exclamou ós representantes do PP, “póñanse de acordo porque, na actualidade, mentres os lucenses aínda seguen agardando polos cartos da Xunta do 2012 para as Axudas no Fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, coruñeses, pontevedres e ourensán esperan, ser saber cal será o resultado, o financiamento autonómico para 2013. É imprescindible coñecer quen vai a financiar os servizos sociais. En Lugo no 2012 foi a Deputación, cun orzamento 100 veces inferior ó da Xunta, quen asumiu en solitario as Axudas no Fogar en 66 municipios. Para este ano, temos presupostado 1,7 millóns de euros, cantidade proposta pola propia Xunta de Galicia no borrador do convenio que nos remitiron e coa que, a diferencia do que fan vostede, nós cumprimos”

O PP confirma unha única área sanitaria

PSOE e BNG aprobaron esixir á Xunta que manteña as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as súas competencias, servizos, especialistas, así como as condicións laborais dos seus traballadores. O PP lugués abstívose na votación da moción presentada polo Goberno Provincial ó tempo que confirmou, durante a súa intervención no Pleno deste martes, que o Executivo autonómico si creará unha Área de Xestión Sanitaria Integrada en Lugo. A postura dos populares sorprendeu ós restantes Deputados, tendo en conta que Alcaldes e representantes do PP, caso de José Insua, defenderon que estas Comarcas teñan a súa propia área sanitaria. Para socialistas e nacionalistas a decisión de Feijóo conlevará unha “sanidade máis cara e menos universal” porque 120.000 lucenses (os 70.000 usuarios do Hospital da Costa e os 50.000 do de Monforte) terán que desprazar polo menos 100 quilómetros ata chegar ó seu hospital de referencia, o HULA, para acceder a determinadas especialidades médicas que non haberá nos centros da Costa e de Monforte xa que contarán con menos profesionais. Ó tempo que o Partido Popular negou que isto fose a ocorrer, intencións que PSOE e BNG non creron tendo en conta que no 2009 o PP de Lugo asegurou que tampoco se ía a crear unha Área de Xestión Sanitaria Integrada que na actualidade está en marcha segundo desvelaron os propios populares, os Deputados do PP preferion absterse na votación desta moción para instar ó Goberno galego a que non merme a calidade sanitaria na Mariña e Zona Sur da provincia. PSOE e BNG manteñen, ademais, que o feito de se centralice no HULA a xestión sanitaria luguesa suporá a eliminación dos investimentos prometidos para os hospitais da Costa e Monforte. No caso do da Mariña, o Goberno galego prometeu en reiteradas ocasións a súa ampliación, actuacións que o PP lugués asegurou hoxe, unha vez máis, nas que “xa se está a traballar”, malia que no Orzamento da Xunta para 2013 só figuren 50.000 euros para estes traballos, facendo imposible a súa execución.

Autovía Lugo-Santiago

Tampouco o Partido Popular quixo demandar ó Executivo Central que impulse a execución da Autovía Lugo-Santiago cunha dotación económica que permita acelerar a posta en marcha da A-54, “vital para a vertebración da Galicia interior”. Socialistas e nacionalistas sacaron adiante en solitario esta moción coa que a Deputación tamén esixe a Fomento que arranxe os desvios por estradas provincias danados como consecuencia das obras. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, aclarou que “non pedimos que outros melloren a nosa rede viaria provincial, iso xa o facemos nós porque, a diferencia de vostedes, nós non eludimos a nosas responsabilidades. Demandamos ós seus compañeiros no Goberno Central que reparen os danos que provocaron nas 3 estradas desta institución que puxemos a súa disposición para a execución das obras no treito de Guntín a Palas de Rei da A-54 porque pararon estes traballos, deixando uns desvíos perigosos polos que queren manter o tráfico a lo menos ata o 2015 malia estar en risco a seguridade dos usuarios”. O Goberno Provincial levou esta moción ó Pleno logo de que o Ministerio de Fomento comunicase oficialmente a esta institución que non concedería fondos estatais nin este ano nin no 2014 para as actuacións no treito de Guntín a Palas desta autovía, adxudicadas polo anterior Executivo de España no 2009 para que estiveran listas o vindeiro ano. Ante esta situación e a postura dos populares, Martínez salientou que “como boto de menos cando Fomento traía investimentos para esta provincia e vostedes pedían máis e máis. A realidade é que este Ministerio aplicou este ano, con 28,6 millóns de euros menos, o maior recorte das últimas décadas na provincia, o que representan un 20% menos con respecto ó exercicio anterior. Malia e todo, vostedes non queren apoiar esta moción e reclamar ós seus compañeiros que impulsen a autovía Lugo-Santiago, para a que nin tan sequera temos xa data de apertura, porque non defenden os intereses dos lucenses senón os do seu partido político. Tratan de ser delegados da Xunta”, sentenciou.

Lei de Emerxencias

O Goberno Provincial votou en contra dunha moción presentada polo Partido Popular para habilitar un fondo que atenda obras de emerxencia ó ser esta unha cuestión que xa contempla a Lei de Emerxencias de Galicia de 2007. Os voceiros provinciais socialista e nacionalista, Manuel Martínez e Mario Outeiro, respectivamente, explicaron á voceira popular, Elena Candia, que con anterioridade a mencionada ano ambos partidos políticos tamén presentaron varias inciativas neste senso que foron respostadas polo anterior Goberno galego coa creación desta normativa e cun programa de medidas específicas de actuación nesta materia. O actual Executivo autonómico, que xa non ten en marcha o paquete de accións de colaboración do Bipartito, mantén a Lei de Emerxencias que establece que as compentencias nesta materia son da Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias. Apunta o artígo 37: “en caso de que la emergencia afecte a más de un municipio o los recursos de éste no fueron suficientes, la Agencia Gallega de Emergencias, a través del Centro de Atención a las Emergencia 112 Galicia, movilizará los medios necesarios y solicitará de la autoridad competente en la materia de protección civil y emergencias la activación del plan corrrespondiente”. O artigo 26 establece que “los órganos de gobierno provinciales pondrán a disposición de la autoridad que ejerce la funciones (a Xunta) los recursos disponibles que le sean requeridos”. Por este motivo, a Deputación de Lugo, cando así o require o 112, pon a súa disposición os profesionais dos 6 parques comarcais, complexos para os que este ano achega 2,5 millóns de euros, ou os medios para a conservación das estradas provinciais e do Parque Móbil, tal e como aconteceu nos últimos temporais; ó tempo que tamén cofinancia con case 1,5 millóns de euros os 7 Grupos de Emerxencia Supramunicipal na provincia. Martínez sentenciou “non pretendan, ó igual que fan cos servizos sociais, que a Deputación tamén neste caso asuma as compentencias do Goberno galego. Diríxase en todo caso ós seus compañeiros na Xunta ou ben péchena porque ós lucenses non lles vale para nada. Están delatando ós seus compañeiros”.

O PP ten que retirar a súa moción

O Partido Popular tivo que retirar a moción na que reclamaba á Deputación que remitise ó Sergas os certificados sobre os servizos prestados para a institución luguesa polos traballadores dos hospitais San José e San Rafael logo de comprobar que o organismo lugués non poden enviar esta documentación ata que a Xunta non lle remita en primeiro lugar os expedientes destes profesionais. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou que no convenio que Xunta e Deputación de Lugo ratificaron para a transferencia dos hospitais provinciais acordouse remitir ó Sergas todos os expedientes dos traballadores transferidos. “E así o fixemos. Esta Deputación enviou todos os orixinais, conservando na institución provincial unha simple copia dos mesmos”. Posteriormente, solicitouse a emisión de certificacións de servizos prestados para a Deputación de Lugo. Por este motivo, despois de varias reunións entre responsables técnicos de ambas as dúas institucións, acordouse que estas certificacións serían emitidas pola Deputación unha vez que a Xunta remitise os expedientes persoais e orixinais. Deste xeito, a Xunta remitiu á Deputación de Lugo, concretamente o 23 de maio de 2012, os expedientes orixinais de 15 traballadores. Con esta información, a Deputación puido entón enviar as certificacións correspondentes o 11 de xuño de 2012. Dende esta data, a Xunta de Galicia non voltou a enviar ningún expediente orixinal dos traballadores transferidos polo que, sen esta documentación, a Deputación non pode remitir certificación algunha. Gómez Besteiro tamén aclarou que “a propia Xunta, ó ter os expedientes orixinais, tamén podería emitir estes certificados. Non obstante, prefire co faga a Deptuación ó que nós non nos vamos a opoñer”.

José Luis Raposo, novo Deputado

No Pleno de hoxe tomou posesión como Deputado provincial José Luis Raposo, Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, converténdose no terceiro membro do Goberno Provincial da Montaña, xunto a José Fernández (Navia de Suarna) e Manuel Martínez (Becerreá), en mostra do compromiso do Executivo de Gómez Besteiro con esta zona luguesa que, debido á dispersión da poboación e ás condicións orográficas, require de actuacións específicas que garantan a igualdade de condicións e oportunidades ós veciños. José Luis Raposo Magdalena naceu o 11 de xullo de 1957 en Riocereixa, no Concello de Pedrafita. Vencellado ó PSdeG dende 1983, é Alcalde deste Concello da Montaña dende hai 26 anos tras ganar, sempre por maioría absoluta e ata en 7 ocasións, todas as eleccións municipais dende 1987. Actualmente, o Rexedor é membro da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE en Lugo, así como Secretario Xeral deste partido en Pedrafita do Cebreiro. Dende hoxe, integra a Corporación Provincial como Deputado socialista polo partido xudicial de Lugo, sendo parte activa no 2º mandato progresista da historia da Deputación luguesa.