Deputación de Lugo

A Deputación pon en valor a arte dos bolillos cunha exposición e unha reportaxe audiovisual sobre as palilleiras de Sarria

O Presidente e a Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago acordaron organizar conxuntamente ambas actividades culturais para difundir este oficio tradicional O colectivo sarriano entregoulle a Gómez Besteiro unha gravata de encaixe de bolillos en recoñecemento polo apoio amosado ó seu labor

A Deputación de Lugo contribuirá a poñer en valor a arte dos bolillos promovendo dúas actividades culturais en colaboración coa Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago de Sarria. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e a agrupación sarriana, que preside Pilar Rodríguez Díaz, acordaron nun encontro de traballo que mantiveron este martes na Casa da Cultura da vila organizar conxuntamente unha mostra das pezas de encaixe elaboradas pola asociación, así como a gravación dunha reportaxe audiovisual sobre o labor das palilleiras sarrianas.

Para montar a exposición, Gómez Besteiro puxo a disposición do colectivo as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), a través do que a Deputación impulsa un importante labor para a conservación e promoción dos oficios tradicionais, como sinal de identidade da riqueza patrimonial da provincia de Lugo, e como recurso económico. En canto á reportaxe audiovisual sobre o traballo das palilleiras, da gravación e montaxe ocuparanse bolseiros e profesionais da Fundación TIC. Deste xeito, cúmprese un dobre obxectivo: por un lado, potenciar o traballo das palilleiras, un referente da artesanía galega, dando a coñecer as súas técnicas e segredos, e, por outro, mellorar as posibilidades de inserción laboral dos alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanza superiores no eido audiovisual, ó desenvolver proxectos a nivel profesional.

Na reunión de hoxe na que se comezou a traballar en ambas iniciativas, a Asociación de Palilleiras fíxolle entrega ó Presidente dunha gravata de encaixe de bolillos, elaborada de xeito totalmente artesanal, en recoñecemento polo apoio amosado ó colectivo.

A asociación cumpre o seu 10º aniversario

A Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago de Sarria está de aniversario, pois neste 2013 cúmprense 10 anos dende que unha trintena de entusiastas mulleres puxeron en marcha a agrupación, contribuíndo deste xeito á conservación e difusión desta laboriosa técnica de confección artesá. A consolidación desta entidade sen ánimo de lucro produciuse no 2010, cando comezou a organizar a Xuntanza de Palilleiras Vila de Sarria, que logra reunir cada ano a unhas 300 persoas de toda Galicia. A asociación está xa inmersa nos preparativos da cuarta edición da xuntanza, que, segundo avanzaron dende a directiva, terá lugar a finais do vindeiro mes maio, coma sempre, no pavillón deportivo do Chanto.