Deputación de Lugo

A Deputación denuncia que a Xunta non limpa as árbores nas marxes das estradas, provocando sinistros na rede viaria provincial

Martínez subliña que o Goberno galego non cumpre a Lei de Estradas, feito que supuxo que nos últimos dous anos se producisen unha decena de accidentes, un deles cunha vítima mortalLogo de reiteradas peticións, o Deputado insta de novo á Xunta a levar a cabo as tarefas de roza e poda de arboredo que establece a Lei. “Non se trata de talar árbores sen máis, senón de garantir a seguridade dos cidadáns, preservando a riqueza medioambiental”O responsable de Xestión Territorial fixo esta reclamación hoxe logo de supervisar os traballos de limpeza de estradas que realiza a Deputación con motivo dos últimos temporais e constatar que na práctica totalidade dos 4.000 quilómetros provincias hai pólas e árbores nas estradas

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, denunciou este xoves que a Xunta non cumpre coa Lei de Estradas de Galicia que, no seu artigo 35, obriga á Administración galega, concretamente á Consellería de Medio Rural, a limpar as árbores que se sitúan a unha distancia mínima de 7 metros dende as marxes das estradas. “Levamos anos solicitando ó Executivo autonómico que asuma as súas responsabilidades na seguridade dos viandantes da rede viaria provincial e, en todas as ocasións, a Xunta fixo caso omiso ás nosas peticións, malia saber que esta situación está a provocar graves incidentes nas estradas”, subliñou Martínez. O Deputado lembrou que no 2011 un mozo faleceu nun sinistro na CP-1611, de Castroverde a Gomeán, tras saírse da vía e colisionar contra unha árbore. Nos últimos dous anos, segundo as reclamacións patrimoniais presentadas ante a institución luguesa, producíronse polo menos unha decena de accidentes na rede viaria provincial debido á existencia de pólas na calzada.

Ante esta situación, o responsable do departamento provincial de Vías e Obras instou á Xunta a levar a cabo as tarefas de roza e poda de arboredo que establece a Lei. “Non se trata de talar árbores sen máis, senón de garantir a seguridade dos cidadáns, preservando a nosa riqueza medioambiental”, remarcou.

Martínez fixo esta petición hoxe tras supervisar os traballos de limpeza que, nos últimos días, está a realizar a Deputación na rede viaria provincial logo dos últimos temporais, puidendo constatar que que, na práctica totalidade dos 4.000 quilómetros, hai árbores e pólas caídas nos viais.

Tal e como se pode comprobar na documentación remitida, o organismo provincial xa reclamou á Xunta en reiteradas ocasións nos últimos anos que limpe as marxes das estradas, tal e como dicta a Lei, “por seguridade vial e para evitar posible danos materiais e mesmo vítimas mortais”, apunta a institución luguesa nos escritos remitidos á Conselleira de Medio Rural, nos que a Deputación tamén se pon a disposición do Goberno galego “para unha mellor efectividade das tarefas a realizar”.