Deputación de Lugo

A Deputación inaugura na Capela de Santa María 8Mulleres, a exposición coa que conmemora o Día Internacional da Muller

Regina Polín lembrou que, “malia que os logros teñen sido moitos, despois de tantos anos o día 8 de marzo segue a ser un día de reivindicación, cando debería selo de celebración”As artistas Olalla Castro, Polo, Sandra Lodi, Lola Tourón, Carmen PG Granxeiro, Eva Méndez, María Mata e Cristina Sánchez Legido presentan 40 obras en disciplinas como a fotografía, vídeo, pintura, escultura, cerámica e cestaríaCon entrada gratis, a mostra estará aberta ata o 14 de abril, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas, e domingos, de 11:00 a 14:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada das Concelleiras de Benestar Social e Cultura do Concello de Lugo, Ana González Abelleira e Carmen Basadre, respectivamente, inaugurou este xoves na Capela de Santa María a mostra 8Mulleres, unha exposición colectiva que recolle 40 traballos de 8 artistas que comparten o feito de ser mulleres e novas, e que a Deputación de Lugo organiza como parte dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller. Durante a inauguración, as propias artistas ofreceron un variado espectáculo, no que combinaron artes como a poesía e a música en vivo, a cargo de Silvia Viñas.

Tal e como destacou Polín na súa intervención, “malia que os logros teñen sido moitos, despois de tantos anos o día 8 de marzo segue a ser un día de reivindicación, cando debería selo de celebración”. A Deputada fixo referencia, entre outros, a datos que amosan o retroceso que os recortes supoñen para a poboación feminina: o notable incremento do desemprego entre as mulleres con respecto ós homes; as diferenzas salariais; a Lei da Dependencia; o progresivo desmantelamento do sistema sanitario ou as dificultades para a conciliación da vida familiar e laboral que trouxo consigo a reforma laboral vixente, foron algúns dos exemplos citados pola responsable de Deseño e Artesanía. “Sen igualdade non hai piares nos que establecer un verdadeiro sistema democrático e xusto”, subliñou Polín.

8Mulleres é o nome da exposición que fai referencia ó mesmo tempo ás mulleres e ó día 8 de marzo, data na que se conmemora o Día Internacional da Muller. Trátase dunha exposición multidisciplinar, que reúne 40 traballos realizados con técnicas mixtas por 8 artistas lucenses, coas que ofrecen a súa particular visión do mundo e do papel que elas e o resto de mulleres desempeñan na sociedade actual.

As artistas Olalla Castro, Polo, Sandra Lodi, Lola Tourón, Carmen PG Granxeiro, Eva Méndez, María Mata e Cristina Sánchez Legido presentan o froito do seu traballo en diferentes soportes como vídeo, fotografía, pintura, escultura ou mesmo cerámica e cestaría.

Horarios

Con entrada totalmente gratuíta, a exposición poderá visitarse ata o 14 de abril nos seguintes horarios: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas.