Deputación de Lugo

A TIC difundirá en directo na súa web os campionatos de baristas de Foz que se celebrarán a vindeira semana

Lara Méndez, Javier Jorge Castiñeira e os organizadores dos eventos presentaron esta mañá o VI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o I Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que se celebrarán os vindeiros días 5 e 6 de febreiroOs campionatos reunirán a 15 escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal nun programa que inclúe por 1ª vez o I Campionato Internacional de CataA colaboración entre a TIC e o instituto de Foz é froito dun convenio entre ambas entidades para promocionar as ensinanzas de hostalería do IES mariñano e completar con prácticas a formación dos alumnos na Escola de Imaxe e Son

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez; o Alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira; o xefe de estudos do IES de Foz, Rafael Borrás; e o coordinador dos certames, José Ríos, presentaron esta mañá no IES de Foz o VI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, e o I Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que se celebrarán os vindeiros días 5 e 6 de febreiro, neste centro educativo.

A Fundación TIC, dependente da Deputación, difundirá por “streaming”, isto é, en tempo real, todo o que aconteza durante o desenvolvemento das probas, que será gravado polos alumnos de 2º curso do Ciclo Superior de Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS). Coa axuda do profesorado da Escola, estes retransmitirán as diferentes probas a través da páxina web da Fundación TIC, www.fundaciontic.org, para que todos os interesados poidan ver en directo os campionatos dende calquera dispositivo móbil. Ademais, os que se acheguen ata o instituto focense a vindeira semana poderán seguir as probas e demostracións dos participantes sen perder detalle, grazas ás dúas pantallas de plasma dispostas nas instalacións. Coma noutras edicións, o material audiovisual que se obteña empregarase para a edición dun DVD, que se entregará posteriormente ó IES de Foz.

Lara Méndez felicitou ó instituto focense polo éxito desta iniciativa, que dende hai anos e durante uns días converte a Foz en capital nacional desta disciplina, “fomentando a formación e impulsando emprego no sector hostaleiro”, ó tempo que constitúe unha nova oportunidade de que os alumnos da EIS poidan facer prácticas reais como complemento á súa formación teórica. O coordinador do evento, José Ríos, destacou esta nova colaboración posto que “grazas á Fundación TIC é posible ver todos os detalles das probas e seguilas en directo desde calquera parte do mundo”, ademais de ser o único certame nacional que dispón deste despregue de medios, “isto non se consigue en ningún campionato; é moi raro que haxa máis dunha cámara, así que para nós é un orgullo contar cos alumnos da EIS”, subliñou Ríos.

Desenvolvemento do programa e novidades

Alumnos de ata 15 escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal tomarán parte no VI Campionato Internacional de Baristas, no que os participantes terán que amosar a súa profesionalidade e bo facer á hora de preparar un café. As demostracións arrincarán o martes, día 5, ás 9:00 horas e rematarán ás 15:00 horas coa entrega de trofeos e diplomas.
O mércores, día 6, desenvolverase o I Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que reunirá a catorce talentos desta disciplina, entre os que estará presente o gañador dos Campionatos Galego e Nacional de Baristas, o chantandino Damián Seijas. Este profesional ofrecerá tamén unha demostración de latte art, o arte de preparar orixinais deseños na superficie do café, disciplina que Daniel domina á perfección. Ademais, os asistentes poderán gozar con degustacións de café ámbolos dous días do campionato.

Coma novidade, a programación ábrirase o día 4 co I Campionato Internacional de Cata de Escolas de Hostalería, que consistirá en catro probas: avaliación sensorial de sabores básicos; cata de café; proba de aromas e unha proba escrita sobre a historia do café e o seu cultivo. Haberá trofeos para o primeiro, segundo e terceiro posto.

Apoio ó sector hostaleiro da provincia

A colaboración entre a TIC e o instituto de Foz é froito dun convenio entre ambas entidades, que ten como finalidade promocionar no exterior as ensinanzas de hostalería que se imparten no IES mariñano, ó tempo que os estudantes do único centro da provincia que imparte ensinanzas superior da familia do audiovisual completan a súa formación. A gravación forma parte da programación de prácticas reais da Escola de Imaxe e Son de Lugo, para as que os alumnos dispoñen dos medios técnicos necesarios para desenvolver un traballo profesional que contribúa á súa inserción laboral.