Deputación de Lugo

A Deputación potencia como 'alternativa de futuro para o rural' a gandería ecolóxica, que move hoxe 7 millóns ó ano na provincia

O Deputado de Cooperación subliñou que, a través do plan Fórmate en Verde, “impulsamos unha actividade na que Lugo xa é punteira”, pois concentra o 60% da facturación que xera o leite ecolóxico en Galicia e o 40% da de carne Álvaro Santos, que inaugurou en Castro un curso de vacún no marco do novo programa de emprego da Deputación, destacou que os produtos biolóxicos con maior demanda son o leite, a carne e os ovos, o que certifica “o potencial de crecemento da gandería ecolóxica” Os interesados aínda poden inscribirse, pois Fórmate en Verde conta con un mínimo de 900 prazas. Para elo, deben entrar na páxina www.deputacionlugo.org escoller unha actividade, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a web

A Deputación de Lugo potencia a gandería ecolóxica como “alternativa de futuro para o rural lucense” a través do seu plan de emprego Fórmate en Verde, unha iniciativa grazas á que un milleiro de veciños da provincia recibirá gratis formación e asesoramento técnico especializado para crear, diversificar ou reconverter empresas vinculadas á produción biolóxica. Así o asegurou o Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, quen inaugurou este martes, na Granxa Gayoso Castro, un novo curso do Fórmate en Verde, neste caso sobre vacún maior ecolóxico.

Santos destacou que, co novo plan de emprego provincial, “impulsamos unha actividade na que a provincia xa é punteira na actualidade, pois a gandería ecolóxica move en Lugo uns 7 millóns de euros ó ano, o 50% da facturación de Galicia”. No caso do leite ecolóxico, con 5,5 millóns de euros, a provincia concentra o 60% do volume de negocio da comunidade galega, e o 40% do de carne (1,4 millóns de euros).

O Deputado destacou así mesmo as “grandes expectativas de crecemento” da produción biolóxica, tendo en conta que, dende comezos da crise, en 2007, a facturación subiu un 20% ó ano en Galicia. Tamén se disparou o número de hectáreas dedicadas á agricultura orgánica, medrando un 90% na última década, así como a cantidade de operadores, pasando dos 217 do ano 2003 ós 814 inscritos no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) a data de febreiro deste ano, dos cales 341 (o 42%) son da provincia: 213 de produción vexetal e 128 de produción animal. Tamén confirma o potencial da gandería ecolóxica, o feito de que, segundo datos do CRAEGA, os produtos ecolóxicos con maior demanda son o leite, as carnes e os ovos, indicou Álvaro Santos.

Curso na Granxa Gayoso

O curso que arrancou hoxe na Granxa Gayoso Castro ten 25 alumnos, a maioría procedentes da Terra Chá, pero tamén da Zona Sur e das comarcas de Lugo e A Mariña. As clases impartiranse ata o 20 de maio, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Xunto a esta acción formativa, hoxe comezou tamén outro curso on line da mesma temática –vacún maior ecolóxico- que continuará ata o 19 de xuño e conta con 25 participantes, a metade deles da Terra Chá e os restantes da Zona Sur, A Mariña, A Montaña e a comarca de Lugo.

Entre mañá mércores, 20 de marzo, e o 30 de abril, terá lugar outro curso de agricultura ecolóxica de modalidade mixta, isto é, unha parte presencial, que se impartirá na Casa Sindical de Monforte, de 10:00 a 14:00 horas, e outra on line. Nesta acción formativa participan 20 persoas, todas da Zona Sur.

Dende o luns xa está en marcha ademais un curso en Viveiro sobre xestión forestal sostible, que continuará ata o vindeiro 30 de maio, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nos claustros de San Francisco.

Un mínimo de 900 prazas

As persoas interesadas en beneficiarse da oportunidade de futuro que supón o plan Fórmate en Verde, financiado ó 80% pola Unión Europea, poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas e as seguintes accións formativas iniciaranse nas vindeiras semanas, de maneira progresiva, a medida que se vaia completando a selección e organizando os grupos. Para anotarse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible.

O programa está dirixido a desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verde ten tres eixos:

- Formación: que pode ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre este mes de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado.