Deputación de Lugo

Besteiro apoia a continuidade de Ferrín á fronte da RAG 'pola súa defensa tenaz do galego e o impulso que lle deu á institución'

Imaxe deputación de lugo
O Presidente subliñou “o traballo extraordinario e entusiasta de Méndez Ferrín na segunda Academia da Lingua máis antiga de España, que, creo, debe seguir”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mostrou este xoves o seu apoio á continuidade de Xosé Luis Méndez Ferrín á fronte da Real Academia Galega (RAG), pois “está a facer un traballo extraordinario e entusiasta na segunda Academia da Lingua máis antiga de España, que creo, debe seguir”.

Á marxe da “súa calidade humana e literaria”, Gómez Besteiro puxo en valor a xestión de Méndez Ferrín na RAG por dúas razóns. Por un lado, “porque sempre percibín a súa defensa tenaz e incansable da identidade e da lingua galega, precisamente cando é máis necesaria, cando está a ser cuestionada e hai movementos en contra da nosa cultura. Creo que estamos vivindo un momento de menosprezo á lingua e á cultura galega, fundamentalmente por parte da acción política do Goberno da Xunta de Galicia, e tamén, en ocasións, por parte da política do Estado”, argumentou o Presidente. A segunda razón exposta polo mandatario provincial é o impulso que Méndez Ferrín lle deu á institución dende a súa chegada á presidencia en 2010: “Ten un proxecto para a Real Academia Galega; unha academia galega máis útil e mellor para a sociedade á que ten que servir. Eu creo e confío nese proxecto”.