Deputación de Lugo

A artesá Alexandra Marks abre a programación de cestería de primavera do CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
O primeiro curso comezará mañá e rematará o venres, 28

A artesá Alexandra Marks será a encargada de abrir a programación de cestería de primavera do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Desde hoxe ata o venres, 28 de marzo, os asistentes, ademais de profundizar na identificación de materiais e ferramentas, coñecerán a técnica da elaboración do cesto perigourdain francés e a súa similitude coas técnicas de cestería de Burkina Faso. O obradoiro impartirase de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Está dirixido a cesteiros profesionais, artesáns doutras disciplinas e ó público en xeral. Dispón de 40 horas de formación e unha capacidade para 8 alumnos.Este curso inclúese dentro da programación de primavera formada por outros 9 obradoiros que se impartirán no centro de cestería do río Rato, a mellor escola de España e de Europa pola variedade de técnicas que imparte. En total 10 cursos diferentes nos que os asistentes traballarán con materiais moi diversos: vimbio, palla, silva e esparto. Deste xeito, desde hoxe ata o 20 de xuño, docentes de Galicia e de España amosarán as súas técnicas ós alumnos participantes. Ademais de Alexandra Marks, destacan outros artesáns como Lois Walpole, especializada na cestería de reciclaxe, ou Dolores González, a única cesteira que queda en Galicia que traballa a modalidade de cestería de palla sobre cartón. Para a realización destes talleres, e co obxectivo de poñer en valor os oficios artesanais, a Deputación, a través do Centro de Artesanía e Deseño, achega 21.300 euros. Obradoiros portátilesOs obradoiros portátiles de tapiz, cestería e instrumentos continúan esta semana nos colexios da provincia. Os alumnos de Primaria e Secundaria están a ser os destinatarios desta iniciativa que busca recuperar os oficios artesanais desde a etapa escolar dándolles ós rapaces a oportunidade de aprender e coñecer oficios de grande tradición na provincia.Neste senso, desde o martes 25 ata o xoves 27, os alumnos do CEIP de Currelos de Lugo descubrirán as distintas técnicas de tapiz. Coincidindo nos mesmos días, os estudantes do colexio Cervantes de Lugo poderán profundizar nun dos oficios artesanais máis coñecidos, a cestería; oportunidade que compartirán os días 28 e 29 os alumnos do CEIP de Baralla.Asimesmo, os estudantes do colexio Vista Alegre de Burela aprenderán cales son os pasos a seguir para a elaboración de instrumentos musicais. Será os días 25, 26 e 27 de marzo.