Deputación de Lugo

102 traballadores e 54 máquinas traballan de xeito ininterrompido para despexar de neve estradas de toda a provincia

Imaxe deputación de lugo
As maiores dificultades concéntranse nos Concellos da Montaña e no Courel, aínda que o amplo dispositivo despregado pola Deputación actúa tamén na Terra Cha e incluso na Mariña oriental, onde tivo que abrir paso a 5 pequenos camións na CP 5207, de Ribadeo a Vilela

O amplo operativo despregado pola Deputación de Lugo ante o temporal de neve que está a a sufrir a provincia traballa de xeito ininterrompido dende as 6 da mañá deste mércores para despexar as estradas e garantir a circulación e a seguridade dos condutores. O dispositivo de emerxencias, activado onte pola mañá debido as previsións meteorolóxicas adversas, está composto por 102 operarios e 54 máquinas, que están desprazados por toda a provincia.

As maiores dificultades concéntranse nos Concellos da Montaña e no Courel, aínda que o dispositivo mobilizado pola Deputación actúa tamén na Terra Chá, a comarca de Sarria, Quiroga e incluso na Mariña oriental. De feito, tivo que abrir paso a cinco camións de pequenas dimensións, principalmente de reparto, na CP 5207 de Ribadeo á parroquia de Vilela.

O operativo continuará traballando ó longo de toda a xornada “para manter na mellor situación posible as estradas, tendo en conta que as precipitacións de neve son continuas e que temos 45 estradas por riba dos 1.000 metros e 120, por encima dos 800”, explicou o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez. As previsións meteorolóxicas apuntan a que a masa de aire frío de orixe ártica que está a afectar á provincia comezará a remitir esta tarde e mañá a cota de neve ascenderá ós 800 metros.

O operativo activado forma parte do Plan Invernal 2012-2013 que puxo en marcha a Deputación de Lugo a primeiros de novembro e que permite actuar coa máxima axilidade en casos de temporais ou sucesos puntuais, para conservar e manter sempre en perfectas condicións a rede viaria provincial, a máis extensa de España, con máis de 4.000 quilómetros de lonxitude.