Deputación de Lugo

A agricultura ecolóxica é a rama máis demandada do plan de emprego Fórmate en Verde, acumulando preto de 400 inscritos

O primeiro curso desta especialidade arrancou este mércores no edificio dos sindicatos de Monforte con 20 participantes, cos que o Deputado de Cooperación mantivo un encontroÁlvaro Santos destacou a importancia que os cultivos biolóxicos teñen na Zona Sur, en especial a produción de viño, sidra e vinagre de sidra, pois, con 600.000 euros ó ano, esta comarca, xunto ó Concello de Baralla, concentran o 70% da facturación rexistrada en Galicia A inscrición continúa aberta, pois Fórmate en Verde conta con un mínimo de 900 prazas. Os interesados deben entrar na páxina www.deputacionlugo.org escoller unha actividade, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a web

Preto de 400 persoas de toda a provincia teñen solicitado xa cursos de agricultura ecolóxica no marco do proxecto Fórmate en Verde da Deputación de Lugo, converténdose esta rama na máis demandada do novo plan de emprego provincial. O primeiro curso desta especialidade arrancou este mércores no edificio dos sindicatos de Monforte de Lemos con 20 participantes, todos da Zona Sur, cos que o Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, mantivo un encontro. Trala agricultura ecolóxica, sitúase en número de inscritos a xestión forestal sostible, con 300 persoas, e a gandería ecolóxica, con preto de 200.

O delegado provincial de Cooperación destacou a aposta “firme e decidida da Deputación polo sector primario como fórmula para saír da crise, xerar emprego e fixar poboación no rural, a maior urxencia que debe afrontar a provincia”. Fórmate en Verde está especificamente destinado a “potenciar a produción ecolóxica como alternativa rendible e con grandes expectativas de futuro”, explicou o Deputado, engadindo neste senso que “o valor da agricultura ecolóxica certificada medrou nun 4.000 por centro na última década na comunidade galega, pasando dos 400.000 euros facturados no ano 2000 ós 21 millóns de euros de 2011”.

A provincia de Lugo conta na actualidade con 341 dos 814 operadores inscritos no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA); é a primeira provincia galega en volume de negocio, con 9 millóns de euros, e a segunda, despois de Ourense, en canto a superficie, con máis de 6.400 hectáreas.

Álvaro Santos destacou precisamente a importancia que hoxe ten a agricultura ecolóxica na Zona Sur, en especial na produción de viño, sidra e vinagres de sidra, pois, con 600.000 euros anuais, esta comarca, xunto ó Concello de Baralla, concentran o 70% da facturación rexistrada en Galicia.

O viño e a sidra son, de feito, os produtos de agricultura orgánica máis demandados, despois dos de bosque e recolleita silvestre, que ocupan o ránking en canto a volume de negocio na provincia de Lugo con 800.00 euros anuais, o 92% de Galicia. Ós produtos silvestres e ó viño e a sidra séguenlle o pan e derivados, con 230.000 euros ó ano facturados na provincia, e os produtos apícolas, con 160.000 euros.

O curso de Monforte

O curso que arrancou hoxe en Monforte continuará ata o 30 de abril. A modalidade desta acción formativa é mixta, isto é, hai unha parte presencial, que se imparte no edificio dos sindicatos da cidade do Cabe, en horario de 10:00 a 14:00, e outra on line.

Dende primeiros de semana xa están en marcha outras tres accións formativas do plan Fórmate en Verde: unha en Viveiro sobre xestión forestal sostible, con 20 participantes, e dúas de gandería ecolóxica, unha presencial na Granxa Gayoso Castro e outra on line, con un total de 50 alumnos.

Un mínimo de 900 prazas

As persoas interesadas en beneficiarse da oportunidade de futuro que supón o plan Fórmate en Verde, financiado ó 80% pola Unión Europea, poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas e as seguintes accións formativas iniciaranse nas vindeiras semanas, de maneira progresiva, a medida que se vaia completando a selección e organizando os grupos. Para inscribirse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible.

O programa está dirixido a desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verde ten tres eixos:

- Formación: que pode ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre este mes de marzo e o de outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado.