Deputación de Lugo

A Deputación axiliza a construción do centro de día e residencia pública de Guitiriz, solicitando a licenza de obra ó Concello

Imaxe deputación de lugo
A institución xa pediu este permiso imprescindible para iniciar as obras porque case 60 guitiricenses acoden a centros para maiores fóra deste municipio ou da provincia, nalgúns casos privadosArranca o Plan de Comunidades Veciñais para 2013, que permitirá 200 melloras en dotacións públicas no rural e aforrará 2 millóns de euros ós Concellos xa que a Deputación asume os custesO organismo provincial reduce noutro 30% os custes de consumibles para os equipos de impresión, superando ós 4 millóns de euros de aforro en gastos correntesA Xunta de Goberno inicia os trámites para reiniciar coa máxima axilidade as obras na vía do Marco de Álvare ás Rodrigas e resolve “outra débeda do PP que obriga ós lucenses a pagar 68.749 euros”

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, adiantou este venres que a Deputación xa solicitou ó Concello de Guitiriz a licenza de obra para poder iniciar as obras do centro de día e residencia pública na Casa da Botica. García Porto destacou que “esperamos agora a boa vontade do Alcalde para comezar canto antes coa construción dun centro para maiores público, tendo en conta que, segundo datos oficiais, xa son exactamente 59 as persoas que tiveron que abandonar este Concello para contar coas prestacións de centros de día e residencias, algunhas delas privadas e ata fóra da provincia luguesa”. Deste xeito, 3 guitiricenses residen en xeriátricos de Ourense; 2 en Ferrol; 2 en Betanzos; 1 en Coirós, na Coruña; 25 en Chantada; 10 en Outeiro de Rei; 2 en Lugo; 2 en Láncara, 1 en Viveiro; 2 en Vilalba; 3 en Quiroga; 3 en Pastoriza; e 3 en Castro de Rei.

Ante esta situación, e tendo en conta que o 30% da poboación de Guitiriz supera os 65 anos, a Deputación tivo que rexeitar a proposta do Alcalde, que quería reducir nun 50% as dimensións do centro de día e residencia pública do organismo provincial, recortando a 14 o número de habitacións que serían todas elas, agás 2, compartidas e non individuais, para abrir unha nova rúa. “O obxectivo da nosa rede de centros de día e residencias é favorecer o benestar social e xerar emprego con novos servizos sociais públicos de calidade e non con novas infraestruturas viarias porque entendemos que, deste xeito, combatemos o despoboamento demográfico no rural”, remarcou García Porto. Por este motivo, o organismo provincial mantén o seu proxecto, que inclúe a construción dun centro para maiores público, con 24 habitacións individuais, con posibilidade de que sexan dobres segundo as necesidades dos veciños, por exemplo para un matrimonio; cunha planta baixa dedicada a servizos comúns para as instalacións de día, por exemplo, ximnasio, enfermería ou comedor; e con zonas axardinadas “non con rúas con tránsito viario”.

Arranca o Plan de Comunidades Veciñais para 2013

A Xunta de Goberno Provincial aprobou hoxe as bases e o modelo de solicitude do Plan de Comunidades Veciñais para 2013, poñendo en marcha unha nova edición desta programación, que permitirá executar máis de 200 novas actuacións en dotacións municipais situadas no rural co obxectivo de mellorar as prestacións públicas ós veciños, combater polo tanto o despoboamento demográfico da zona, manter o emprego na provincia coa realización de pequenas obras por parte de autónomos e PEMES lucenses, e aforrar custes ós Concellos xa que a Deputación asume, por segundo ano consecutivo, a totalidade dos custes destes traballos con 2 millóns de euros de fondos propios.

A semana que vén, o Boletín Oficial da Provincia recollerá tanto as bases como o modelo de solicitude do Plan, permitindo xa ó día seguinte desta publicación pedir unha axuda. É dicir, o prazo de solicitude tamén se abrirá a semana próxima e ata a metade do mes de maio. As subvencións están dirixidas a asociacións veciñais sen ánimo de lucro. O súa dotación non superará os 12.000 euros, que deberán ser dedicados a melloras de dotacións públicas municipais nos 67 Concellos da provincia. Por exemplo, abastecementos de auga potable, saneamentos, pavimentacións, redes de sumidoiros, iluminacións, acondicionamento de camiños, arranxo de fontes, instalación de repetidos de TV ou dotación de mobiliarios para locais sociais.

Nova medida de aforro

A sesión acordou una nova medida de redución dos gastos correntes da Deputación para o aforro de cartos. Trátase da contratación de consumibles para os equipos de impresión das dependencias provinciais cunha rebaixa do 30% con respecto ó ano pasado. A institución luguesa achega un máximo de 43.400 euros, diminuíndo os custes en 15.000 euros tendo en conta a pasada anualidade. Isto é posible tras poñer en marcha medidas de racionalización de gasto nesta materia en todos os departamentos provinciais, por exemplo, facer fotocopias só cando sexa imprescindible, sempre en branco e negro e un máximo de 50 unidades (se hai outras necesidades o xefe do departamento ten que dar a súa autorización xustificada); e logo de implantar mecanismos tecnolóxicos co Innova-TE, que permiten a dixitalización de toda a documentación da administracións, poñendo fin ó uso do papel. García Porto remarcou que “estes 15.000 euros de aforro engádense ós máis de 4 millóns de euros que aforramos coas restantes medidas de redución de gastos correntes da Deputación postas en marcha ata o momento”. Estas son as seguintes: rebaixa dos gastos correntes no Orzamento para 2013 en 1,4 millóns de euros, que se engaden ós 2,2 millóns de euros de redución na pasada anualidade, acadando un aforro de 3,6 millóns de euros anuais nesta partida; contratación dos servizos de limpeza e vixilancia na totalidade das dependencias provinciais cun aforro de 120.000 euros con respecto ó ano pasado; redución da factura eléctrica en 130.000 euros ó ano coas medidas postas en marcha dende a Axencia Provincial da Enerxía; rebaixa dos custes de telefonía en 236.000 euros anuais, reducindo a número de operadores e dispositivos móbiles tras avaliar as necesidades dos profesionais da institución con medios do programa tecnolóxico Innova-TE; redución dos custes de material de oficina, como por exemplo papel ou equipos multifunción, en 80.000 euros ó ano, mellorando os pregos de contratación destas prestacións.

Obras en Riotorto

García Porto indicou que a Xunta de Goberno tamén aprobou os trámites necesarios para reiniciar coa máxima axilidade as obras de mellora na estrada do Marco de Álvare ás Rodrigas, que dende hai décadas demandan os veciños da zona ó ser o principal acceso dende Riotorto á N-640 que une coa capital luguesa. Trátanse duns traballos que prometeu realizar o Partido Popular, dirixindo a Deputación durante máis de dúas décadas, co Plan dos 50 millóns de euros, que nunca executou porque non tiña nin terreos nin orzamento, “mentindo durante anos ós veciños”. En contraposición, este Goberno Provincial acadou o presuposto necesario, que ascende a 1,5 millóns de euros, e rematou coa expropiación de 194 fincas a pesares de que a Xunta bloqueou este proceso durante un ano, que foi o tempo que tardou a Consellería de Infraestruturas en resolver estas expropiacións, como máxima responsable. Superadas estas trabas, a Deputación logrou poñer en marcha estas obras. Nembargante, as dificultades económicas polas que atravesa a adxudicataria obrigaron a súa paralización temporalmente. Deste xeito, logo de que o contratista se puxese en contacto co organismo provincial para comunicar oficialmente a situación financeira que padece, feito imprescindible para que esta institución puidese actuar, hoxe a Xunta de Goberno acordou iniciar a resolución do contrato e a liquidación das obras. Isto permitirá que, nas vindeiras semanas, os técnicos provinciais avalíen a parte do proxecto correctamente executada, segundo o acordado coa empresa adxudicataria, para inmediatamente despois licitar estes traballos no punto no que se atopan na actualidade e contratalos de novo, garantindo de todos os xeitos a súa execución porque a Deputación ten os terreos, 194 fincas, e o orzamento para facelo, máis de 1 millón de euros. García Porto remarcou que “si ou si, por moito que lle pese ó PP que durante anos mentiu e non fixo nada e malia as dificultades que se nos presenten, que xa foron varias, este Goberno Provincial vai rematar as obras na vía do Marco de Álvare ás Rodrigas porque así o demandan os veciños e así nos comprometemos a facelo. Nós si cumprimos coa palabra dada a diferenza doutros grupos políticos”.

“Outra débeda máis do PP”

A vicevoceira subliñou que “hoxe tamén resolvemos un dos tantos problemas que non deixou o PP, a consecuencia da súa nefasta xestión na provincia. Tal e como acostumaba facer, todos somos coñecedores que contrataba obras sen ter os terreos, o Partido Popular adxudicou mellora na vía Hospital-Seone do Courel co POL 2003 sen realizar as expropiacións previas e legais. Anos máis tarde viuse na obriga de iniciar o proceso de expropiación co que non estiveron de acordo varios dos donos das fincas afectadas. Por este motivo, o Xurado de Expropiacións establece que a Deputación debe pagar agora, debido á nefasta xestión do Partido Popular nesta provincia, 68.749 euros. Unha débeda máis do PP que asume este Goberno Provincial e que temos que pagar todos os lucenses”.