Deputación de Lugo

A Deputación desmonta, unha por unha, as mentiras do PP sobre as obras provinciais con información técnica e pública

Imaxe deputación de lugo
O Goberno provincial esixe unha rectificación e desculpas públicas do Partido Popular ante esta “manipulación propia de principiantes e ignorancia absoluta sobre a xestión pública”

A Deputación de Lugo desmontou, unha por unha, con información técnica e pública, as mentiras coas que o Grupo Provincial do Partido Popular tratou este venres de poñer en cuestión varias obras do organismo lugués. “Xa non se trata dunha manipulación propia de principiantes, senón que demostra unha ignorancia absoluta sobre a xestión pública”, subliñou o Executivo.

“Ante esta nova metedura de pata, como foron recentemente os ataques do PP á Deputación pola demanda da multinacional de Dubai Gazeley, esiximos, primeiro, unha rectificación e desculpas públicas polas súas mentiras, e, segundo, que aprendan a ser rigorosos, pois estiveron 24 anos gobernando, e algo deberían ter aprendido”, manifestou o Goberno provincial.

1º.- Polideportivo e piscina climatizada de Monterroso

As obras de construción do polideportivo e a piscina climatizada de Monterroso sempre estiveron dentro do prazo legal, pois a Deputación prorrogou o período fixado inicialmente para a execución –de 6 meses- seguindo os informes dos técnicos directores da obra.

No momento en que a adxudicataria entrou en concurso de acredores -causa de resolución de contrato administrativo, segundo figura na Lei de Contratos vixente- na Xunta de Goberno do 15 de febreiro de 2013 procedeuse á resolución do correspondente contrato administrativo.

Tal e como indica para este suposto o Regulamento de Contratos, fíxose polos servizos técnicos provinciais a correspondente liquidación das obras. Esta operación, como indica a referida lexislación, está no trámite obrigatorio que ten a empresa para manifestar a súa conformidade ou reparos á mesma.

2º Estrada Marco de Álvare-As Rodrigas

Por iniciativa da propia Deputación, este mesmo venres a Xunta de Goberno aprobou o inicio da resolución do contrato coa empresa adxudicataria porque incumpriu os prazos contractuais, e co obxectivo de retomar as obras. Polo tanto, a Deputación alégrase de que o PP se lea, por unha vez, a orde do día, xa que é habitual a ausencia dos membros deste partido nos órganos de goberno nos que teñen participación, como mesas de contratación ou consellos de administración.

As obras na estrada de Marco de Álvare ás Rodrigas prometeu realizalas o Partido Popular durante a súa etapa na Deputación co Plan dos 50 millóns de euros, que nunca executou porque non tiña nin terreos nin orzamento, mentindo durante anos ós veciños. Por contra, este Goberno provincial acadou o presuposto necesario, que ascende a 1,5 millóns de euros, e rematou coa expropiación de 194 fincas, a pesar de que a Xunta bloqueou este proceso durante un ano, que foi o tempo que tardou a Consellería de Infraestruturas en resolver estas expropiacións, como máxima responsable. Superadas estas trabas, a Deputación logrou poñer en marcha estas obras. Sen embargo, as dificultades económicas polas que atravesa a adxudicataria obrigaron a súa paralización temporalmente.

3º.- Centro deportivo e piscina climatizada da Pastoriza

Neste proxecto, todos os detalles están aclarados e publicados. A Deputación finalizou as obras da súa competencia o 30 de abril de 2012, consistentes na construción do propio complexo.

As actuacións restantes para que as instalacións poidan entrar en funcionamento son competencia do Concello da Pastoriza, e consisten na dotación de subministro eléctrico e auga. A Deputación ten coñecemento de que estes traballos están completados e tan só falta a publicación no DOG das pertinentes autorizacións que o Concello debe recibir da Xunta de Galicia para a posta en servizo dunha liña de media tensión e un centro transformador, que darán enerxía ó centro deportivo e piscina climatizada. Deste xeito, a entrada en servizo destas dependencias é inminente.

4º.- Piscina de Sarria

O PP, nin escoita ós seus propios Alcaldes. Foi o rexedor sarriano o que, en declaracións públicas realizadas o día 13 abril de 2012, se comprometeu a facer un proxecto e a presentalo ás distintas administracións para climatizar a piscina. A Deputación non ten ningunha noticia do Alcalde a este respecto, polo que, tal vez, o Grupo Provincial Popular debería falar coa Agrupación Popular de Sarria.
Desmontando tamén os pobres argumentos do PP, a firma do contrato administrativo e a propia execución dos traballos de construción da piscina é responsabilidade do Concello de Sarria, como autor da dirección técnica, non da Deputación. É máis, un ano despois de que a Xunta de Goberno do organismo provincial acordase adxudicar as obras adicionais da piscina e lle requirise ó Concello que lle remitise o contrato firmado coa adxudicataria, a entidade local aínda non o enviou.

5º.- Estrada do Alto do Valiño a Valdeporrás

As obras adicionais na estrada do Alto do Valiño, por Vilaxuste, a Valdeporrás, están executadas, recibidas e certificadas con data do 28 de marzo de 2012. Polo tanto, neste caso, xa non é ignorancia, nin falta de interese por parte do Partido Popular, senón mala fe na xestión dos asuntos públicos.

As obras consistiron na colocación de zahorra artificial, material considerado polos técnicos como imprescindible para garantir a calidade do aglomerado asfáltico que se botou posteriormente; na ampliación da plataforma de aglomerado en quente, e no drenaxe das augas subterráneas que apareceron durante a execución das obras.