Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a comercialización on line dos produtos das Reservas da Biosfera cunhas xornadas formativas

Imaxe deputación de lugo
“O 30% dos españois compra por Internet, e o número non deixa de medrar, igual que a facturación, que alcanza en Galicia os 700 millóns de euros ó ano. As nosas empresas teñen que aproveitar este gran potencial”, subliña o director de Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera O ciclo Técnicas de comercialización dos produtos das Reservas da Biosfera, aberto a calquera persoa que desexe participar, terá lugar entre os días 19 e 22 de marzo, de 16:00 a 20:00 horas, no Centro de Innovación Social In LugoOs interesados en asistir ás xornadas, totalmente gratuítas, poden inscribirse xa entrando en www.deputacionlugo.org cubrindo un formulario e enviándoo dende a propia web. As 25 prazas dispoñibles cubriranse por rigorosa orde de inscrición

A Deputación de Lugo organiza para entre os días 19 e 22 deste mes unhas xornadas formativas co obxectivo de impulsar o comercio on line dos produtos autóctonos das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares como oportunidade económica destes territorios, que comprenden 29 Concellos lucenses. O ciclo Técnicas de Comercialización dos produtos das Reservas da Biosfera, totalmente gratuíto e aberto a calquera persoa que desexe participar, desenvolverase entre as 16:00 e as 20:00 horas. Os interesados en asistir poden inscribirse xa. Para elo, deben entrar en www.deputacionlugo.org cubrir un formulario e envialo dende a propia web. As 25 prazas dispoñibles cubriranse por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas en obter máis información poden chamar ó número de teléfono 982-22-51-86.

O director dos departamentos provinciais de Novas Tecnoloxías e Fondos Europeos, Pablo Rivera, subliña que as empresas da provincia “teñen que aproveitar o gran potencial do comercio electrónico. Segundo o Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, do Ministerio de Industria, o 30% da poboación española compra hoxe por Internet -13 millóns de persoas-, e o número non deixa de medrar, igual que a facturación, que alcanzou en Galicia en 2011, o último ano do que hai datos, 700 millóns de euros, un 25% máis que en 2010”. Entrar no e-comercio, explica Rivera, “implica beneficios cuantitativos para a empresa, pola captación de novos clientes e a expansión xeográfica do mercado, pero tamén cualitativos, pois permite prestar servizos personalizados ó cliente e mellorar a calidade do servizo”.

O director de Novas Tecnoloxías destaca que na provincia de Lugo “hai bos exemplos dos beneficios que pode reportar a venda on line, como pode ser o caso de Bicicletas Guillermo de Monforte, que fai o 70% das súas vendas por internet, ou www.comermarisco.com de Burela, que nada máis introducirse no e-comercio logrou que o 10% das súas vendas fosen on line, e prevé aumentalas nun 25%”.

A aposta da Deputación polo comercio electrónico para fortalecer o tecido empresarial da provincia e xerar emprego ten como buque insignia a plataforma www.losproductosdelugo.com que conta hoxe cunha oferta de 100 empresas e uns 800 produtos e servizos, e que recentemente incorporou a liña de venda de produtos en frío. Entre as firmas adheridas na actualidade, encóntranse preto de 60 radicadas nos 29 Concellos que forman parte das Reservas Terras do Miño e Os Ancares, entre elas, queixerías, firmas de embutidos, mel, conservas e establecementos hostaleiros.

Outros recursos que aproveitar

O comercio electrónico non será, en calquera caso, o único eixo das xornadas sobre as Reservas da Biosfera que organizou a Deputación, pois o propósito da convocatoria é poñer en valor os recursos e potenciais de desenvolvemento socioeconómico cos que contan estes territorios. Deste xeito, ofreceranse coñecementos co fin de formar a monitores que actúen de dinamizadores da actividade social, cultural, turística e económica nos territorios das Reservas. Así, ademais das técnicas de comercialización dos produtos das Reservas, nas xornadas abordaranse cuestións como as características destes espazos, a súa historia, e a súa riqueza natural, etnográfica e cultural.

Os 26 Concellos que forman parte da Reserva Terras do Miño son: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Os da Reserva dos Ancares son tres: Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá.

O colofón

Estas xornadas son o colofón das actividades que se viñeron desenvolvendo durante o último ano co obxectivo de impulsar o desenvolvemento socioeconómico das Reservas Terras do Miño e Os Ancares no marco dun convenio asinado entre a Deputación de Lugo e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Entre as actuacións levadas a cabo, destacan, entre outras, a sinalización do territorio das Reservas; un programa de bolsas de emprego a través do que o organismo provincial formou a 24 persoas como guías medioambientais especializados en Terras do Miño e Os Ancares; exposicións, un concurso de fotografías e diversas xornadas formativas para todo tipo de público.

Máis accións estratéxicas

Xunto a esta serie de accións, a Deputación de Lugo ten en marcha na actualidade outros tres proxectos estratéxicos co obxectivo de impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas e garantir a continuidade das declaracións da UNESCO ante a revisión que este organismo internacional fará neste ano 2013. Trátase das seguintes iniciativas:

- O organismo provincial, en colaboración cos colectivos sociais e profesionais que forman parte dos órganos de xestión das Reservas, está a elaborar o denominado Plan de Acción, un instrumento que marcará as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento destes espazos nos próximos 10 anos.

- Está catalogando, en colaboración coa Universidade de Santiago, o territorio das Reservas en función das súas características ambientais.

- E adxudicou recentemente os traballos para a creación de portais web didácticos para difundir a riqueza natural, cultural e etnográfica de Terras do Miño e Os Ancares entre todo tipo de público: nenos, maiores, profesores, estudantes, científicos ou particulares.