Deputación de Lugo

Éxito do deseño lucense nunha Gala Lvcvs Moda solidaria que reuniu a máis de 300 persoas no Museo Interactivo de Historia

A pasarela, coa que se recadaron preto de 7.000 euros para o Fogar do Transeúnte, celebrou a súa 4º edición co apoio de Deputación e Concello, logo da insistencia dos profesionais do sector por contar cun evento que supón importantes beneficios económicos e de promoción O evento presentado pola actriz Camila Bossa, escaparate das creacións de 5 deseñadores, 14 firmas de artesanía e 7 perruquerías, foi seguida por numerosos medios de comunicación grazas ó traballo dos profesionais da Fundación TIC e os alumnos da Escola de Imaxe e Son A colaboración dun centenar de profesionais e de case 20 negocios lucenses interesados en estar presentes no certame contribuíu a facer posible a cita coa moda lucense

A 4ª edición da Gala Lvcvs Moda foi un ano máis escaparate de excepción para os creadores lucenses, que convenceron coas súas propostas ó numeroso público asistente. Máis de 300 persoas encheron o recinto do Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL), convertido nunha impresionante pasarela de moda que conseguiu recadar preto de 7.000 euros, que nos vindeiros días se entregarán ó Fogar do Transeúnte da capital luguesa.

Case 30 firmas lucenses de moda, artesanía e perruquería, así como preto de 20 negocios que decidiron prestar a súa colaboración co evento, reuníronse para organizar unha gala que, dende os seus inicios ven supoñendo un considerable pulo para un sector da provincia coma o do deseño, que ten moitos e destacados nomes. A popular actriz galega Camila Bossa, protagonista de series como Mareas Vivas ou Matalobos, exerceu de presentadora dun evento inspirado nas estrelas, que estiveron presentes tanto no espectacular recinto coma nas creacións exhibidas.

Impulso para o sector

A colaboración dun centenar de profesionais fixo posible o certame, que se reeditou polas insistentes peticións do sector, xa que para este a celebración da Gala vén reportando dende a primeira edición importantes beneficios económicos e de promoción. De feito, algúns dos creadores participantes recoñecen que, tras presentar os seus deseños na pasarela lucense, tiveron que contratar a máis traballadores ante o aumento das súas vendas.

Entre os asistentes, a Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez; a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín; o Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e as concelleiras de Cultura e Benestar Social do Concello lucense, Carmen Basadre e Ana González Abelleira, respectivamente.

Como en anteriores ocasións, o evento contou cunha ampla cobertura mediática grazas ó traballo dos alumnos de Produción e Realización Audiovisual da Fundación TIC, que foron os encargados de gravar todo o que acontecía sobre a pasarela e fóra dela. Novamente, a Deputación tamén editou e distribuíu entre os asistentes un pequeno libreto con toda a información necesaria para adquirir as creacións de deseñadores e artesáns e os servizos das perruquerías.

As propostas dos creadores

Os cinco deseñadores lucenses presentaron as súas propostas, inspiradas polas estrelas que foron o leitmotiv desta edición, presentaron creacións caracterizadas pola luz dos tecidos e dos materiais.

- Luis Areñas para Manuela López: un ano máis, os 12 deseños de Areñas destacaron pola coidada elaboración dos traxes, todos eles moi femininos e favorecedores, pensados para unha muller real, malia que con doses de espectacular fantasía.

- Montse Arias mostrou unha colección composta de 10 modelos de cerimonia e nupciais, inspirados na “dolce vita” e pensados para unha muller moi feminina, alegre e glamourosa.

- Inpe-Abrigo Verde: os 13 modelos presentados por Inés López amosaron a tónica habitual. Pezas base, funcionais e pensadas para sobrevivir ás modas sen renunciar á modernidade. Inspirados na natureza e nos safaris e dirixidas a mulleres de calquera idade.

- Tina Cortón levou á pasarela 12 creacións marcadas pola sinxeleza e o realismo, afastadas do ostentoso, “o que as mulleres queren poñerse”. As cores moradas, grises e laranxas centran unhas creacións versátiles e divertidas.

- René Velasco tamén apostou pola moda real nas 15 creacións presentadas, que incluíron complementos e bolsos. A inspiración da primeira colección que presenta foi o urban chic, marcado pola importancia dos cortes. Deseños para todo o día, que se adaptan facilmente a diferentes situacións só con variar os complementos.

Os 17 artesáns que, baixo 14 firmas, amosaron ó público as súas creacións de xoiería, marroquinería e outros complementos de vestir, conxugaron tradición e modernidade. Prendas de vestir realizadas con fibras naturais tecidas con técnicas de cestería, restos de envases de refrescos, lá, coiro e seda; xoias elaboradas con materiais innovadores como pergamino, liquen, e outras máis tradicionais, como o coral, encantaron ó público asistente pola súa orixinalidade e as horas de traballo empregadas na súa confección.

Unha das novidades deste ano, o desfile de peiteados, non decepcionou e supuxo un espectáculo inédito. Afastados da sinxeleza dos peiteados habituais, 7 profesionais da imaxe presentaron 19 creacións de alta perruquería e maquillaxes, cunha posta en escena espectacular, que incluíu a actuación en directo de dous “graffiteros”. Tamén hai que destacar o estupendo labor do alumnos do IES Muralla Romana, que se encargaron de peitear e maquillar ás modelos participantes nos desfiles de deseñadores e artesáns.

18 empresas colaboradoras

A Gala da moda lucense está consolidada como unha inmellorable oportunidade económica para todos os participantes. De aí o gran interese das firmas lucenses por tomar parte nesta iniciativa. Este ano hai 18 empresas colaboradoras: Adamascada Asesor de Imagen, Area, Arte Floral Rabel, Cuplé, Dick&Paul, Joyería Senén, Messalina, Modesto Santa Eularia, Porta Castelli, Ramón Rebolo, Rochas, Torques, Zapaterías Cortés, Lolita Blu, IES Muralla Romana, Mesón de Alberto, Restaurante Koki García, Cuqui Bakes, Estrella Galicia, Coca Cola e Vriopack.