Deputación de Lugo

O encaixe de bolillos, protagonista dunha exposición na Capela de Santa María que ofrecerá demostracións en vivo e leccións prácticas

Imaxe deputación de lugo
A mostra Palillando no Camiño reúne uns 200 traballos feitos polas integrantes de oito asociacións de palilleiras procedentes de diferentes comarcas da provincia Os asistentes poderán aprender a técnica coas leccións que as palilleiras ofrecerán todos os domingos de 17:00 a 20:00 horas mentres a mostra permaneza aberta A exposición que se inaugura este xoves é gratuíta e permanecerá na Capela de Santa María ata o 29 de maio, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas

A Capela de Santa María será escenario dunha exposición de homenaxe a un novo oficio tradicional, coma xa fixera hai meses cos oleiros. Neste caso, serán as encaixeiras da provincia as protagonistas de Palillando no Camiño, unha mostra que reunirá uns 200 traballos realizados con esta técnica polas integrantes de oito asociacións de artesanas lucenses, que tamén ofrecerán demostracións en vivo e leccións prácticas ós asistentes. A Deputación dá así novamente un paso para impulsar os oficios tradicionais da provincia, contribuíndo a manter emprego no sector coma xerador de riqueza e conseguir fixar poboación no rural.

As pezas que forman parte desta mostra son, na súa maior parte, de inspiración tradicional de encaixe galego, aínda que tamén haberá pezas realizadas baixo outras técnicas, coma dos chamados tipos ruso, belga (ou binche), ou danés (tonder). Prendas de vestir de adulto e neno, complementos decorativos de fogar e de moda, coma chales, broches, sombreiros, abanos ou mesmo xoias, realizadas en liño, fío e seda, serven de testemuña dun oficio que se mantén con vida na actualidade grazas á implicación e esforzo dunhas 500 mulleres de toda a provincia. Esta mostra será, pois, punto de encontro para todas elas.

Esta mostra será, pois, un punto de encontro para as mulleres da Asociación de Palilleiras de Sarria “Camiño de Santiago”, que nesta ocasión exercen de anfitrionas; Grupo de Palilleiras de Burela e Foz; Asociación Cultural de Quiroga; Grupo “Agulla máxica”, de Lugo; o Grupo “Bosque Sagrado”, que reúne a palilleiras de Vilalba, Cerdido, Santaballa e As Pontes; palilleiras dos Centros Socioculturais lucenses de Lamas de Prado, Trapero Pardo, Milagrosa e Fingoy; Asociación “As Encaixeiras” de Burela e o Grupo “Coas nosas mans” de Xove.

Palillando no Camiño terá un carácter particularmente interactivo, grazas ás dúas novidades que ofrece. A primeira delas será a posibilidade de observar o traballo destas artesanas en vivo, grazas ás demostracións que ofrecerá a todos os que se acheguen ata a Capela, todos os domingos mentres permaneza aberta esta exposición, entre as 17:00 e as 20:00 horas. A segunda é que precisamente os que asistan a estas demostracións na Capela poderán aprender a técnica dos bolillos coas leccións e consellos das palilleiras.

Esta exposición inaugurase este xoves e é totalmente gratuíta. Permanecerá aberta ó público na Capela de Santa María ata o 29 de maio, de luns a venres e de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.