Deputación de Lugo

A Deputación iniciará nas vindeiras semanas as obras das residencias e centros de día públicos de Castroverde e Trabada

O Presidente, acompañado polo Alcalde castroverdense, asinou o contrato para a execución do centro da 3ª idade neste municipio. O luns, fará o mesmo co proxecto de Trabada xunto ó Rexedor mariñán Gómez Besteiro avanzou que “estas obras, que se engaden ás da Fonsagrada, forman parte da 1ª fase de desenvolvemento do plan de implantación de residencias e centros de día públicos no rural lugués, que culminaremos coas de Pol, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Ribas do Sil“A falta de colaboración da Xunta”, que rexeitou concertar prazas públicas que si ofrece a centros privados e que tardou máis de 1 ano en conceder o informe favorable ós proxectos rematados, “impídenos, polo de agora, levar a cabo o 100% do noso plan, pero non imos a renunciar ”

A Deputación comezará nas vindeiras semanas a construír as residencias e centros de día públicos de Castroverde e Trabada logo de adxudicar estas actuacións. E é que o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde castroverdense, Xosé María Arias Fernández, vén de asinar o contrato para a execución do centro da terceira idade deste municipio. Da mesma forma, este luns, 17 de xuño, Gómez Besteiro fará o mesmo co proxecto de Trabada tamén neste caso xunto ó Rexedor de dito Concello, José Manuel Yanes Ginzo. Deste xeito, quedarán resoltas as contratacións de ambos os dous proxectos, facendo posible que, unha vez que transcorran os prazos legais establecidos e as empresas entreguen a documentación correspondente (aproximadamente un mes, segundo estiman os técnicos), a institución comece con estes traballos.

Gómez Besteiro explicou que “as obras dos centros para maiores en Castroverde e Trabada, que se suman as que executamos na Fonsagrada, forman parte da 1ª fase de desenvolvemento do plan de implantación de residencias e centros de día públicos no rural lugués para combater o despoboamento demográfico, no que a Xunta de Galicia non quixo colaborar”. O Goberno galego rexeitou concertar prazas públicas nas residencias e centros de día públicos da Deputación que si ofrece a centros privados porque, segundo manifestou textualmente a Conselleira de Traballo, estas dotacións sociais “non son prioritarias nin necesarias” en Lugo malia ser, xunto con Ourense, a provincia galega máis avellentada. Posteriormente, o Executivo de Feijóo tardou máis de 1 ano en conceder o informe favorable ós proxectos rematados, requisito imprescindible para poder iniciar as obras.

“Non renunciamos ó 100% do noso proxecto”

As trabas que a Xunta interpuxo á Deputación fixo que “se atrasasen os prazos previstos para o desenvolvemento da nosa rede de residencias e centro de día públicos na provincia”. Non obstante, adiantou o Presidente, “proximamente, contrataremos as obras dos centros para maiores de Pedrafita do Cebreiro e Pol coas que, xunto ás de Navia de Suarna e Ribas de Sil, culminaremos esta 1ª fase. A falla de colaboración da Xunta impídenos, polo de agora, levar a cabo o 100% do noso plan pero, a medida que vaiamos incorporando máis cantidades orzamentarias, iremos avanzando porque non renunciamos a el”.

Castroverde e Trabada

O organismo provincial inviste nas residencias e centros de día públicos de Castroverde e Trabada un total de 2,4 millóns de euros (1,2 millóns de euros para cada centro da 3ª idade) mentres que os Concellos achegan 400.000 euros (200.000 por municipio), así como os servizos urbanísticos e os terreos necesarios. Ambos os dous centros para maiores situaranse no centro destas localidade co obxectivo de, ademais de fomentar o benestar social, dinamizar a economía da zona.

As prazas residenciais e as dos centros de día distribuiranse segundo as necesidades dos veciños de Castroverde e Trabada. Para elo, cada centro contará con 24 habitacións con posibilidade de que sexan dobres. É dicir, as prazas residenciais poderían ascender ás 48 por municipio, sumando 96 entre os dous Concellos. De ser así, diminuirían as prazas nos centros de día. Non obstante, a Deputación definirá isto en función das demandas, tendo en conta que, segundo os expertos, hoxe son moitos os maiores que non queren abandonar as súas casas e prefiren ser atendidos nun centro durante o día para durmir nos seus fogares.

A construción destas residencias e centros de día públicos conleva, ademais, a creación duns 40 novos postos de emprego (uns 20 por centro), combatendo o despoboamento demográfico da zona. Por exemplo, os de coidadores sociais, médicos, ATS, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, é dicir, todo o persoal necesario para o funcionamento destas instalacións. Hai que ter en conta que, segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contratar a un mínimo de coidadores por número de prazas, así como 1 médico e 1 ATS que presten atención ás 24 horas.