Deputación de Lugo

Un centenar de persoas, o 70% desempregadas, inician cinco novos cursos do plan de emprego Fórmate en Verde

Imaxe deputación de lugo
O perfil dos alumnos destas accións formativas, que arrancan a vindeira semana, é o dun home que se atopa no paro, de entre 25 e 40 anos de idade, que posúe formación básica, e con terras en propiedade que pode dedicar á produción ecolóxica Con este programa, a Deputación impulsa unha actividade que se está a revelar como alternativa sólida para saír da crise na provincia, pois, segundo o CRAEGA, Lugo foi de novo en 2012 a primeira provincia en volume de facturación, acadando os 9,34 millóns de euros

Un centenar de persoas, o 70% delas desempregadas, iniciarán a vindeira semana cinco novos cursos do plan de emprego Fórmate en Verde, impulsado pola Deputación de Lugo con fondos europeos para xerar postos de traballo e fixar poboación no rural. O perfil dos alumnos que arrancan as novas accións formativas sobre produción ecolóxica é o dun home que se atopa no paro, de entre 25 e 40 anos de idade, e con terras en propiedade que pode dedicar á produción ecolóxica. A práctica totalidade posúe estudos, na súa maioría básicos, aínda que destaca a presenza de mozos con titulacións universitarias, como enxeñería agrónoma, licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, ou mesmo Arquitectura ou Socioloxía.

O feito de que a gran maioría sexan desempregados e que posúan terras propias significa que este programa, non só servirá para consolidar ou reconverter explotacións xa existentes, senón que confirma a súa verdadeira capacidade de inserción laboral.

Co programa Fórmate en Verde, a Deputación potencia unha actividade que se está a revelar como unha alternativa sólida para saír da crise na provincia de Lugo, sobre todo para a xente nova. Así o indican os datos do Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que, no seu balance do pasado ano 2012, confirma á provincia de Lugo como a primeira de Galicia en volume de facturación, con 9,34 millóns de euros, e a segunda –despois de Ourense-, en cantidade de hectáreas, con máis de 6.400.

Tamén pon de relevo as grandes expectativas de crecemento do sector o feito de que, dende comezos da crise, en 2007, a facturación subiu un 20% ó ano en Galicia. Disparouse ademais o número de hectáreas dedicadas á agricultura orgánica, medrando un 90% na última década, así como a cantidade de operadores, pasando dos 217 do ano 2003 ós 607 inscritos no CRAEGA ó peche de 2012, o que supón un incremento do 64%.

As novas accións formativas

Os cursos do Fórmate en Verde que arrancan a vindeira semana son os seguintes:

O luns, día 8, empezan dous cursos presenciais de agricultura ecolóxica, que continuarán ata o 21 de maio, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Un deles, con 25 alumnos, impártese na Casa da Cultura de Ribadeo, e outro, con 22 participantes, no Edificio Multiusos de Chantada.

O martes, día 9, comezan dous cursos de gandería ecolóxica, con 18 inscritos cada un. A Granxa Gayoso Castro acollerá un deles ata o 20 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas. O outro será on line e rematará o 9 de xullo.

Entre o próximo mércores, 10 de abril e o 29 de maio, impartirase un curso a distancia de xestión forestal con 18 participantes.

Estas 5 novas accións formativas, que reúnen a 101 alumnos, engádense ós 4 cursos con 81 alumnos que dende mediados de marzo se están a impartir en Viveiro, Castro de Rei e Monforte de Lemos no marco do Fórmate en Verde.

Toda esta información, así como a listaxe de participantes, pódese consultar na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org

Os interesados aínda poden anotarse

As persoas interesadas en beneficiarse desta oportunidade de futuro poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas e as seguintes accións formativas iniciaranse de maneira progresiva, a medida que se vaia completando a selección e organizando os grupos. Para anotarse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible.

Desta oportunidade de futuro poden beneficiarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verte, financiado ó 80% pola Unión Europea a través do programa medioambiental Lug02, ten tres eixos:

- Formación: que pode ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre este mes de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 100 empresas e 800 produtos e servizos.