Deputación de Lugo

A Deputación propón á Xunta a celebración de 16 cursos por toda a provincia para a inserción laboral de 250 desempregados lucenses

O organismo provincial concorre ás subvencións da Consellería de Traballo para levar estas accións formativas sobre benestar social con prácticas en 10 centros para maiores ás 13 Comarcas luguesasNo 2012, o Goberno galego só concedeu á institución luguesa o 20% das axudas solicitadas, permitindo a organización de 3 cursos para 50 parados na zona Centro, na Costa e na MontañaMartínez remarcou que “esperamos que nesta ocasión a Xunta non siga coa dinámica de discriminar ós lucenses e que Feijóo teña en conta que dende que está no Goberno galego se duplicou a taxa de paro en Lugo, con 29.400 desempregados na actualidade, 1.600 máis que o ano pasado”

A Xunta de Goberno Provincial deste venres avanzou nos trámites necesarios, “os establecidos polo Goberno galego”, para que a Deputación poida concorrer ás subvencións que a Consellería de Traballo e Benestar publicou no DOGA do 14 de xaneiro. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou que a sesión acordou propoñer ó Executivo autonómico a celebración por toda a provincia de 16 cursos sobre benestar social, “un dos nichos de emprego en Lugo”, para a inserción laboral de 250 desempregados lucenses.

A proposta que o organismo provincial fai á Xunta establece levar estas accións formativas ás 13 Comarcas luguesas co obxectivo de garantir o seu acceso a todos os veciños interesados. Para elo, a Deputación define organizar un curso en cada unha das seguintes zonas: Mariña Oriental, Mariña Central, Mariña Occidental, Terra Cha, Meira, A Fonsagrada, A Ulloa, Sarria, Os Ancares, Chantada, Terra de Lemos e Quiroga; así como 3, tendo en conta o número de parados, na Comarca de Lugo.

Os cursos tratarán sobre auxiliar de enfermería e xeriatría, técnico en dietética e nutrición, celador sanitario e atención sociosanitaria. Incluirán formación teórica pero serán, maioritariamente, prácticos. Por este motivo, a Xunta de Goberno tamén aprobou os 10 centros da provincia nos que se realizarán as prácticas: Vivenda Comunitaria de Burón (A Fonsagrada); Residencias de Santa María de Valadouro; Residencia Betania (Viveiro); Vivenda Comunitaria Vilaoudriz (Vilalba); Sanyres (Lugo); Residencia de Castro Riberas de Lea; Residencia de Baralla; Residencia de Quiroga; Residencia do Incio; Residencia de Monforte.

A Xunta só concedeu o 20% das axudas solicitas no 2012

Martínez remarcou que “esta é a proposta que lle facemos á Xunta de Galicia: 16 accións formativas nas 13 Comarcas da provincia para contribuír á inserción laboral de 250 desempregados lucenses. Non obstante, a súa celebración depende, en todo caso, de que o Goberno galego conceda á Deputación de Lugo as axudas públicas necesarias”. O voceiro lembrou que en anualidades pasadas a institución luguesa xa concorreu a estas subvencións. “No 2012, o Goberno galego só nos concedeu o 20% das axudas solicitadas, permitíndonos celebrar tan só 3 cursos para lucenses en paro”. Estas accións formativas versaron sobre servizo de atención a domicilio e auxiliar de enfermería. Nelas participaron 50 desempregados de toda a provincia xa que a Deputación distribuínas na zona Centro, na Costa e na Montaña. Tendo en conta as “insignificantes axudas” que o organismo provincial recibiu en convocatorias anteriores, Martínez subliñou que “esperamos que nesta ocasión a Xunta non siga coa dinámica de discriminar ós lucenses, concedéndonos as subvencións públicas necesarias para desenvolver a proposta que lle facemos. Esperamos que Feijóo teña en conta que Lugo suma xa 29.400 desempregados, 1.600 parados máis que no 2012. Espero que o Presidente galego, aquel que dixo que ía rematar co paro en 45 días, sexa consciente de que dende que está á fronte do Executivo autonómico a cifra de persoas sen traballo en Lugo se duplicou”.

Outros acordos

A sesión aprobou as contas xustificativas de 6 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en Lugo, Palas de Rei, Pantón, Trabada e Viveiro, aforrando a estes Concellos 43.000 euros ó asumir as melloras de dotacións públicas municipais situadas en zonas rurais. A Xunta de Goberno acordou achegar 60.000 euros á dotación da nova Casa Consistorial que constrúe a Deputación na Fonsagrada, tendo en conta que este municipio ten o Consistorio máis antigo da provincia. Ademais, aprobouse un Convenio Marco de Colaboración coa UNED para a realización de proxectos de investigación, estudos ou publicacións; para a cooperación a nivel nacional e internacional que favoreza o desenvolvemento de innovadoras iniciativas; e para o asesoramento entre institucións nesta materia. Martínez indicou que “trátase dun Convenio Marco que define as liñas estratéxicas de colaboración entre Deputación e UNED. Este acordou derivará na sinatura de convenios específicos para a realización de distintos proxectos dos que daremos conta”.