Deputación de Lugo

8Mulleres despediuse da Capela de Santa María logo de recibir máis de 600 visitas en apenas dous meses

A mostra multidisciplinar coa que a Deputación de Lugo celebrou o Día Internacional da Muller, celebrado o pasado mes de marzo, e que reunía obras de mulleres que reflexionaban sobre o seu mundo e a creación artística, pechou onte as súas portas

A exposición 8Mulleres, inaugurada o pasado mes de marzo na Capela de Santa María, ven de deixar este espazo tras acadar un merecido éxito entre os lucenses e visitantes que se achegaron ata as instalacións situadas na Ronda da Muralla. De feito, foron máis de 600 persoas as que admiraron esta mostra, que formou parte dos actos organizados pola Deputación de Lugo con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, que se celebrou o pasado 8 de marzo.

A exposición inaugurouse precisamente nesa significativa data cun acto no que as propias artistas ofreceron un espectáculo que combinou artes coma a poesía, a danza e a música en vivo. Olalla Castro, Polo, Sandra Lodi, Lola Tourón, Carmen PG Granxeiro, Eva Méndez, María Mata e Cristina Sánchez Legido presentaron as súas propostas artísticas nesta exposición multidisciplinar, que reuniu 40 dos seus traballos máis representativos, realizados con diferentes técnicas: pintura, fotografía, vídeo, cerámica e cestaría foron os vehículos empregados por estas oito mulleres para reflexionar acerca da súa particular visión do mundo e do papel que elas e o resto de mulleres desempeñan na sociedade actual.

Precisamente, as mulleres voltarán a ser protagonistas proximamente neste espazo expositivo da Capela de Santa María, con motivo da inauguración dunha orixinal mostra que reunirá diferentes traballos realizados coa técnica de encaixe de bolillos por mulleres que teñen feito das labores tradicionais un modo de vida.