Deputación de Lugo

A Deputación acorda un convenio coa Axencia Tributaria de Galicia para axilizar o pago de subvencións

Manuel Martínez subliña que “con este acordo recortaremos o prazo no abono de axudas en 1 mes e aforraremos cartos e tempo ós cidadáns, evitándolles desprazamentos” xa que será agora o organismo provincial quen recompile a documentación obrigatoriaA Xunta de Goberno acorda as bases dunha nova edición de Km0 Termalismo no Camiño, que se publicarán no BOP, para que os balnearios da provincia interesados se sumen a esta iniciativa que impulsa a economía medioambiental, o turismo e o benestar

A Xunta de Goberno aprobou este venres un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Axencia Tributaria de Galicia para a axilización dos trámites administrativos obrigatorios na concesión de subvencións. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que “con este acordo gañaremos axilidade no pago de axudas ós cidadáns, ós que ademais tamén lles aforraremos cartos e tempo ó evitarlles que sexan eles os que deban desprazarse para pedir os permisos legais necesarios no abono de subvencións”.

Martínez explicou que os beneficiarios de axudas públicas teñen que achegar os certificados que acrediten estar ó correntes dos pagos á Seguridade Social, á Axencia Tributaria, á Axencia Estatal e á propia Deputación para recibir o importe correspondente. Co convenio acordado hoxe, será o organismo provincial quen pida e reciba directamente esta documentación, “gañando rapidez e axilidade no abono de subvencións, chegando a recortar este prazo en 1 mes”, remarcou.

O voceiro exemplificou cos subvencións do Plan de Comunidades Veciñais, que “este Goberno Provincial xa está a pagar en nun tempo récord de 2 meses, que superaremos con este acordo. A diferencia, o Partido Popular, os que presumen de ser bos xestores, tardaban anos en aboar estas axudas. Cando nos chegamos á Deputación, tivemos que liquidar subvencións anteriores ó 2004”.

Precisamente, a Xunta de Goberno aprobou as contas xustificativas de dúas obras da última anualidade do Plan de Comunidades Veciños, que a institución está a piques de liquidar. Trátanse de actuacións executadas en núcleos rurais de Antas de Ulla e As Nogais, dotadas de 15.700 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación.

Volve Km0 Termalismo no Camiño

A sesión acordou as bases que rexerán unha nova edición de Km0 Termalismo no Camiño, a programación coa que a institución impulsa a economía medioambiental, o turismo e o benestar na provincial. Martínez adiantou que nos vindeiros días o Boletín Oficial da Provincial publicará esta documentación para que os balnearios interesados en sumarse a esta iniciativa formulen a súa inscrición. “Poñemos en marcha, deste xeito, un proxecto en apoio ós balnearios da provincia, que xeran un volume anual de 7 millóns de euros, uns 200 postos de emprego directos -cifra que se incrementa ata os 300 na tempada alta que transcorre dende marzo a setembro- e que reciben a visita de 120.000 persoas anualmente”, destacou o Deputado.

Martínez engadiu que “a maiores, o feito de que os balnearios lucenses estean na zona de influencia dos Camiños Xacobeos Primitivo, Francés e de Inverno ó seu paso por Lugo, favorece a posibilidade de dar a coñecer a riqueza e recursos naturais, culturais e paisaxísticos da provincia. A afluencia de miles de usuarios destes centros termais favorece á hostalería e a outros sectores estratéxicos para o tecido socioeconómico de Lugo, como o comercio, a artesanía, ou a actividade agroalimentaria. Os seus visitantes comen en restaurantes da zona, consumen produtos autóctonos e visitan os museos e o patrimonio paisaxístico, cultural e arqueolóxico dos Concellos nos que atopan estes centros e, por extensión, os do resto da provincia. É dicir, están a contribuír á dinamización das zonas rurais onde se sitúan, combatendo o despoboamento demográfico”.

Segundo os datos manexados polo “Observatorio Nacional del Termalismo y Desarrollo Rural”, a comunidade galega é a primeira potencia española en oferta termal, por número de centros e pola calidade dos mesmos. O chamado turismo de saúde ten un importante peso específico dentro do sector, representando preto do 11% do PIB e empregando a máis de 100.000 persoas en toda a comunidade.

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou iniciar o proceso de expropiación dos terreos necesarios para a execución das obras do POS 2012 en Castroverde, que consisten no acondicionamento e mellor do camiño Congosta-Pagos de Cabanela; e o xustoprezo de 10.458 euros establecido polo Xurado de Expropiacións de Galicia polos terreos adquiridos para as obras na estrada “Burela-Vilaestrofe-Rúa, no Concello de Cervo, “unhas actuacións do POL 2006, é dicir, herdanza do PP, que liquida este Goberno Provincial.