Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo acusa á Xunta de desmantelar os servizos sociais nos concellos con menos de 20.000 habitantes

Antonio Veiga urxe unha xuntanza coa Subdirección Xeral de Servizos Sociais para estudar o convenio de cofinanciamento de servizos comunitarios proposto polo Goberno galego“Non estamos dispostos a apoiar un convenio que case non coñecemos e que pon en risco de exclusión a milleiros de lucenses do rural”Lara Méndez denuncia que a Xunta reduce en 800.000 euros os fondos dedicados a políticas de emprego na provincia

O Vicepresidente da Deputación e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, xunto á Vicepresidenta Segunda e delegada do departamento de Emprego, Economía Sostible e Demografía, Lara Méndez, denunciaron hoxe a falla de vontade de diálogo do Goberno galego sobre un tema tan sensíbel como é a prestación de servizos sociais na provincia e a creación de postos de traballo.

Na tarde do pasado luns, 21 de maio, a Subdirección Xeral de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta remitiu á Deputación de Lugo unha proposta de colaboración entre ambas institucións sobre a coordinación da cofinanciación de servizos sociais e comunitarios municipais e a contratación de traballadores e traballadoras en paro e sobre a que se urxía dar unha resposta inmediata, pondo como data límite antes do mércores 23 de maio. É dicir, hai tan só 4 días e vía email, a Xunta informou por primeira vez a esta Deputación da existencia dun convenio para o cofinanciamento dos servizos sociais e emprego en Lugo, que o Goberno galego fixo de xeito unilateral malia o calado deste documento, rachando co máis elemental principio de colaboración interadministrativa e lealdade institucional, así como a máis pura lóxica e sentido común.

O Executivo lugués destaca que estamos a falar dun convenio de colaboración que debería ser froito do consenso das administracións e, máis aínda, cando afecta a ámbitos tremendamente sensibles para os cidadáns, como son os servizos sociais e o emprego. Non obstante, a Xunta preferiu, primeiro, facer este convenio sen ter en conta á Deputación, segundo, informar da súa existencia por correo electrónico e, terceiro, dar un prazo de 2 días para contestar ó mesmo, cando este documento se recibiu hai 4 días, facendo imposible que os servizos provinciais estuden esta proposta.

Neste senso, Antonio Veiga subliñou que “é imposíbel valorar un asunto tan relevante para a provincia de Lugo e para milleiros de lucenses en tan pouco tempo, mais cando descoñecemos en toda a súa fondura o documento e aínda non obtivemos resposta sobre as alegacións que se formularon ao marco de traballo por parte desta Deputación o pasado ano”. “Estamos –continuou o vicepresidente- ante unha nova mostra da falla de vontade e capacidade de diálogo do Partido Popular que pretende que asinemos un convenio sen estudalo previamente e sen valorar detidamente as repercusións que ten para os nosos veciños e veciñas”.

Contido do convenio

Veiga explicou que no convenio remitido pola Xunta semella que a Deputación ten a obriga de financiar en solitario todos os servizos sociais nos concellos de menos de 20.000 habitantes, é dicir, en todos menos no de Lugo. De ser isto así, ¿que sentido ten asinar un convenio de colaboración? Ademais, tal e como remarcou Veiga, “esta cuestión é asunto dun recurso contencioso-administrativo polo empeño da Xunta de tentar regular o financiamento dos servizos sociais en Galiza cun Decretazo en non pola Lei. Semella que o que pretende o Executivo de Feijóo con este convenio é alterar as cuestións do recurso contencioso máis que solucionar os problemas dos lucenses, que cómpren da colaboración das administracións públicas”.

Tamén é particularmente sorprendente, o feito de que non se cuantifique o orzamento das achegas de cada administración. Tal e como está redactado, a Deputación tería que comprometerse a realizar unha transferencia sen saber exactamente a canto ascende, cuestión que non semella moi lóxica nin propia dun bo xestor. É preciso remarcar que a Xunta propón ademais un convenio de colaboración con cargas financeiras a metade de ano, é dicir, co Orzamento da Deputación xa pechado e en execución, con 2,2 millóns de euros para servizos sociais, un 12% máis que no 2012. De novo, falla de previsión e de xestión por parte da Xunta. É evidente que a estas alturas do ano a Deputación xa convocou as axudas nesta materia.

En relación ás políticas activas de emprego, Lara Méndez denunciou que “a Xunta propón conceder 400.000 euros nesta materia, cando o ano pasado achegaba 1,2 millóns de euros procedentes de fondos europeos, que o Goberno galego nunca aclarou como se xestionarían, poñendo en perigo a perda deste investimento. Cremos que a rebaixa en 800.000 euros dos fondos para esta prestación se deben á falla de resposta ás serias dúbidas que o ano pasado formulamos e que probablemente poñían de manifesto unha deficiente xestión dos fondos da Unión Europea por parte da Xunta”.

Sen financiamento no 2012

A Deputación lembra o acontecido con este convenio no 2012: o Goberno Provincial reclamou en reiteradas ocasións á Xunta, ata cunha proposta no Pleno, que contestase aos informes técnicos remitidos para poder asinalo. A Xunta non contestou as nosas peticións. Non quixo consensuar este documento coa Deputación de Lugo cando si o fixo coas restantes Deputación galegas. Isto supuxo, que o Executivo de Feijóo financiase con máis de 13 millóns de euros os servizos sociais e o emprego de todos os cidadáns de Galiza menos ós de Lugo. É dicir, empregou as necesidades sociais dos veciños con fins claramente partidistas.

A forma de actuar da Xunta este ano, realizando un convenio de colaboración de xeito unilateral, sen consenso entre as administracións afectadas, informando do mesmo por correo electrónico hai tan só 4 días e impoñendo un prazo de resposta de 2, demostran que o Goberno galego non ten intención algunha de coñecer as necesidades dos lucenses en materia de servizos sociais e emprego nin de financiar estas prestacións tampouco no 2013.

Consenso e diálogo

Este Goberno Provincial entende que o diálogo, e non a imposición, é a vía que debe rexer as relacións entre os organismo públicos para a mellora das prestacións aos cidadáns. Neste senso, Veiga asegurou que “é necesario manter unha relación franca entre iguais, e se coincidimos en que os principais obxectivos polos que traballar son o emprego e o benestar, urxe convocar unha xuntanza para garantir unha solución que incida de xeito positivo na calidade de vida dos lucenses. Non apoiaremos un convenio de colaboración no que se volve deixar desamparados aos concellos de menos de 20.000 habitantes, que son todos agás o de Lugo. Pola contra, a área de Benestar Social da Deputación continuará cofinanciando o Servizo de Axuda no Fogar básico que atende ao redor de 15.000 habitantes e da emprego a 2.000 persoas”.

A creación de emprego é a máxima prioridade do Goberno Provincial. Por este motivo, no Orzamento da Deputación para 2013 dedícanse 7,5 millóns de euros: 4 millóns para accións de fomento do emprego -un 63% máis que en 2012- e os 3,5 correspondentes ó Pacto Provincial polo Emprego, o proxecto que acadou máis financiamento en Galicia do Fondo Social Europeo.