Deputación de Lugo

Últimas prazas do segundo aforo habilitado pola Deputación para participar no congreso #INLUGO, pioneiro en Galicia

Imaxe deputación de lugo
Tras cubrirse en 6 horas a capacidade do Salón de Actos, o organismo provincial decidiu dispoñer o Salón de Plenos para que poidan asistir ás xornadas o maior número posible de persoas interesadas. A inscrición segue aberta en www.deputacionlugo.org ou www.inlugo.comUnha trintena de persoas aspiran os galardóns #INLUGO, que premiarán o bo emprego de Internet e as novas tecnoloxías de persoas, proxectos ou organizacións lucensesEsgotadas en tan só dous días as 75 prazas dos dous seminarios sobre marketing dixital para traballadores en activo, empresas, autónomos e desempregados que organizou a institución luguesa co fin de impulsar a actividade das PEMES e favorecer a inserción laboral

As persoas interesadas en asistir esta fin de semana ó Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO aínda poden reservar nas páxinas web www.deputacionlugo.org ou www.inlugo.com as últimas prazas do segundo aforo habilitado pola Deputación para participar no evento. Tras cubrirse nun tempo récord de 6 horas a capacidade do Salón de Actos –preto de 200 persoas-, o organismo provincial decidiu dispoñer o Salón de Plenos para que poidan asistir ás xornadas o maior número posible de interesados. Para a participación, totalmente gratuíta, respectarase rigorosamente a orde de entrada das solicitudes.

O #INLUGO reunirá por primeira vez en Galicia os vindeiros venres, día 7, e sábado, día 8 de xuño, a máis de 30 recoñecidos profesionais de sectores como o xornalismo, turismo, tecnoloxía, emprego, marketing on line ou acción social, cuxos blogs e redes sociais contan con miles de seguidores. En varias conferencias e debates abordarán os cambios nos hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que provoca Internet.

Tamén están acaparando a atención os Premios #INLUGO, para os que xa presentaron as súas candidaturas unha trintena de aspirantes. Con esta iniciativa, a Deputación quere recoñecer as persoas, proxectos, organizacións ou empresas da provincia que están a destacar polo bo emprego de Internet e as novas tecnoloxías en ámbitos como o comercio, ocio e restauración; educación e formación; deporte e saúde; cultura ou tecnoloxía. Os interesados tamén poden seguir presentando as súas candidaturas en www.deputacionlugo.org e www.inlugo.com. Os gañadores recibirán un trofeo e dispositivos tecnolóxicos de última xeración cedidos por Telefónica.

Aposta pola economía do coñecemento

#INLUGO está cofinanciado nun 80% pola Unión Europea, e conta para a súa organización co apoio de InterQué, entidade integrada por profesionais cunha ampla traxectoria das Novas Tecnoloxías da Información, responsables do desenvolvemento de proxectos de éxito como Bitacoras.com, a maior rede social blogger do mundo hispano, con máis de 350.000 usuarios rexistrados e máis de 1 millóns de blogs indexados; ou Laburo, o 1º metabuscador hispano de emprego.

Baixo o eslogan “Internet cerca de ti”, #INLUGO será encontro de referencia en Galicia, reunindo por primeira vez a profesionais coma Mario Tascón, gurú dos medios dixitais e tweetgrafólogo; Pilar Portero, activista do xornalismo 2.0; Alfonso Alcántara, referente no emprego e coaching 2.0; Wicho, creador do blog máis popular en España; Francisco Polo, o ciberactivista de referencia con change.org; Clara Grima, a profesora blogueira das matemáticas; Victoriano Izquierdo, recoñecido fotoblogger con Pixel Fugaz; ou Gonzalo Moreno, Minube, a Comudade de Viaxeiros, entre outros recoñecidos profesionais.

Boa acollida dos cursos de marketing dixital

Por outra banda, e mostra da gran acollida que teñen entre os lucenses as iniciativas da Deputación relacionadas coas novas tecnoloxías e a economía do coñecemento, as 75 prazas dispoñibles para os dous seminarios sobre marketing dixital organizados polo organismo provincial a través do Centro de Innovación Social In Lugo esgotáronse en tan so dous días. Trátase dun curso on line con 50 prazas dirixido a profesionais, que terá lugar entre o vindeiro 10 de xuño e o 30 de agosto, e outro semipresencial con 25 prazas para lucenses no paro, que se celebrará entre os días 2 de setembro e 8 de outubro. Neste último caso, as clases presenciais terán lugar na sede do Centro de Innovación Social, no mesmo edificio da Escola de Imaxe e Son (EIS), situado na rúa Frei Prácido Rei Lemos.

Trátase de 2 seminarios de nivel de iniciación con 150 horas lectivas cada un, que levan por título Marketing de contidos dixitais na era das TIC e están financiados nun 80% pola Unión Europea a través do programa Innova-TE. O Centro de Innovación Social proporcionaralles o material didáctico necesario ós alumnos, que contarán con titorización e axuda durante todo o curso.

As ferramentas e estratexias de marketing dixital que se amosarán nos cursos teñen dous obxectivos fundamentais: por un lado, mellorar a competitividade das empresas, ampliar mercados, fidelizar clientes e aforrar custes, o que contribúe a aumentar o volume de beneficios; e por outro, sacarlles o máximo partido para mellorar o currículo e as posibilidades de inserción laboral. Algúns dos contidos do temario son as campañas on line, blogs e microblogs, a importancia da fidelización on line, a marca no marketing dixital, a eficacia da creatividade fronte á crise, novas estratexias creativas na rede ou a web como tenda 24 horas. Ademais de contidos teóricos, os asistentes coñecerán experiencias reais de éxito, e como elaborar e poñer en marcha un plan de marketing dixital.