Deputación de Lugo

A Deputación interpón un Contencioso contra o Concello de Guitiriz por 'facer a sabendas obras ilegais' na Rúa do Mercado

Imaxe deputación de lugo
Solicitará como medida cautelar ó xuíz a paralización dos traballos, pois considera “un perigo para as persoas” a reapertura ó tráfico desta vía, que é de titularidade provincial, ó non estar adaptada para a circulación continua de vehículos a motor“Esta é unha mostra máis da actitude irresponsable e de confrontación do Alcalde, que busca o conflito permanente dende o mesmo día da súa toma de posesión, en vez de a colaboración institucional”, subliñou o Deputado de Xestión Territorial

A Deputación de Lugo interporá este mesmo martes un recurso Contencioso Administrativo contra o Concello de Guitiriz por “executar a sabendas obras ilegais” na Rúa do Mercado, pois a entidade local chairega non conta coa preceptiva autorización da institución provincial, que é a entidade titular da vía. Segundo anunciou o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, na mesma demanda, a institución luguesa require ó xuíz como medida cautelar a paralización dos traballos iniciados onte polo Concello guitiricense, pois considera “un perigo para as persoas” a reapertura da vía, xa que non está adaptada para a circulación continua de vehículos a motor trala remodelación acometida pola Deputación.

O delegado de Xestión Territorial subliñou que a institución provincial levou levou a cabo hai dous anos a peonalización da Rúa do Mercado en “total consenso co Concello”. Sen embargo, co cambio de mandato, o actual Alcalde, Xosé María Teixido, “rompeu unilateralmente ese acordo institucional sen ningún tipo de xustificación e, como se pode constatar, tamén coa oposición dos veciños, e agora quere reabrir ó tráfico a rúa. Os acordos e consensos entre administracións non se poden romper así como así, porque cambien os gobernantes, hai que gardar un mínimo de respecto institucional”. Deste xeito, engadiu Martínez, “esta é unha mostra máis da actitude irresponsable e de confrontación dun rexedor que tan só busca o conflito permanente dende o mesmo día da súa toma de posesión, en vez de a colaboración institucional”.