Deputación de Lugo

Esgotadas en só un día as 50 prazas do seminario on line sobre márketing dixital, dirixido a traballadores, empresas e autónomos

Imaxe deputación de lugo
Os interesados en reservar as últimas vacantes no curso semipresencial, destinado a persoas desempregadas, poden facelo na web www.deputacionlugo.org A acción formativa a distancia terá lugar entre o 10 de xuño e o 30 de agosto, e a mixta desenvolverase do 2 de setembro ó 8 de outubro Repítese a gran acollida doutras recentes iniciativas da Deputación relacionadas coas novas tecnoloxías, tras cubrirse nun tempo récord de 6 horas as primeiras 200 prazas do congreso #INLUGO e acumular xa case 200 descargas a App A Deputación no teu móbil

As recentes iniciativas impulsadas pola Deputación de Lugo sobre as novas tecnoloxías e a economía do coñecemento están a ter unha gran acollida entre os veciños da provincia: as primeiras 200 prazas dispoñibles para o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO esgotáronse nun tempo récord de 6 horas; a App A Deputación no teu móbil acumula xa preto de 200 descargas; e os cursos de marketing dixital para os que se abriu o prazo de inscrición o pasado mércores están a piques de cubrir as súas 75 prazas. De feito, as 50 do seminario on line, destinadas a traballadores en activo, empresas e autónomos, esgotáronse en tan só un día, e quedan unicamente media ducia libres no da modalidade semipresencial, destinada a persoas sen emprego. Os interesados poden inscribirse na páxina web www.deputacionugo.org

O curso a distancia de marketing dixital terá lugar entre o vindeiro 10 de xuño e o 30 de agosto, e o semipresencial, con 25 prazas e para lucenses no paro, desenvolverase entre os días 2 de setembro e 8 de outubro. Neste último caso, as clases presenciais terán lugar na sede do Centro de Innovación Social, no mesmo edificio da Escola de Imaxe e Son (EIS), situado na rúa Frei Prácido Rei Lemos.

Trátase de 2 seminarios organizados pola Deputación a través do Centro de Innovación Social In Lugo e financiados nun 80% pola Unión Europea a través do programa Innova-TE. Ambos son de nivel de iniciación, con 150 horas lectivas cada un, e levan por título Marketing de contidos dixitais na era das TIC. O In Lugo proporcionaralles o material didáctico necesario ós alumnos, que contarán con titorización e axuda durante todo o curso.

As ferramentas e estratexias de marketing dixital que se amosarán nos cursos teñen dous obxectivos fundamentais: por un lado, mellorar a competitividade das empresas, ampliar mercados, fidelizar clientes e aforrar custes, o que contribúe a aumentar o volume de beneficios; e por outro, sacarlles o máximo partido para mellorar o currículo e as posibilidades de inserción laboral. Algúns dos contidos do temario son as campañas on line, blogs e microblogs, a importancia da fidelización on line, a marca no marketing dixital, a eficacia da creatividade fronte á crise, novas estratexias creativas na rede ou a web como tenda 24 horas. Ademais de contidos teóricos, os asistentes coñecerán experiencias reais de éxito, e como elaborar un plan de marketing dixital e poñer en marcha as súas distintas fases.

Un milleiro de participantes en 2012

Con estas novas accións formativas, o Centro de Innovación Social continúa coa súa intensa labor encamiñada a eliminala fenda dixital na provincia, favorecelo equilibrio territorial e aproveitar as TIC para impulsar o desenvolvemento socioeconómico.

Preto de 1.100 veciños e empresas da provincia participaron o pasado ano nas accións formativas, todas gratuítas, organizadas polo In Lugo. Houbo obradoiros e xornadas, eminentemente prácticas, en 22 Concellos da provincia, encamiñadas a mostrar ós lucenses como sacarlle o máximo partido ás TIC na súa vida persoal e laboral, ademais de impulsar o tecido empresarial para manter e xerar emprego. O uso de buscadores web, o comercio electrónico, a formación en community manager, a creación de blogs e páxinas web, e o deseño de campañas de marketing on line foron as xornadas que tiveron unha maior aceptación.