Deputación de Lugo

A Deputación inviste outros 3,4 millóns de euros na conservación da rede viaria provincial ata 2014

Martínez subliñou que “facemos un novo gran esforzo económico para o mantemento dos máis de 4.200 quilómetros da que é a rede viaria provincial máis extensa de España mentres a Xunta, cun orzamento máis de 100 veces superior ó da Deputación e con 5.500 quilómetros baixo a súa responsabilidade, mantén bloqueado o proceso de transferencia de vías dende 2009”O voceiro destacou que “durante máis de 24 anos, o PP mantivo desatendida a rede viaria provincial, deixándoo un estado tercermundista, e agora adícanse a mentir e criticar o seu estado. Non somos iguais. Nós nos eludimos as nosas competencias. No Orzamento de 2013 xa achegamos 5,5 millóns de euros para as vías provinciais ós que agora engadimos estes 3,4 millóns”Iníciase o proceso de contratación das obras pendentes de executar na estrada do Marco de Álvare ás Rodrigas con 576.000 euros, “presuposto que, xunto ás case 200 fincas expropiadas, garante o remate destas actuacións, desmontando a campaña de difamación e de panfletos do PP”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que a Xunta de Goberno vén de aprobar o inicio do proceso de adxudicación da conservación da rede viaria provincial para o que resta de 2013 e para todo o ano 2014 por valor de 3,4 millóns de euros. Martínez salientou que “con estas actuacións, este Goberno Provincial fai un novo gran esforzo económico para garantir, dentro das nosas posibilidades, o mantemento da que é a rede provincial máis extensa de España. Temos case 4.200 quilómetros de vías baixo a nosa responsabilidade mentres a Xunta de Galicia, cun orzamento máis de 100 veces superior ó da Deputación, ten 5.500 quilómetros. Nembargantes, isto a Feijóo dálle exactamente igual, sendo unha nova mostra de discriminación ós lucenses, xa que, dende que chegou ó Goberno galego, mantén bloqueado o proceso de transferencia de viais”

O Deputado engadiu que “durante máis de 24 anos, o Partido Popular mantivo desatendida a rede viaria provincial, deixándoa nun estado tercermundista, e agora adícanse a mentir e criticar o seu estado. Por exemplo, estes días solicitaron a mellora da vía da Fonsagrada a Navia, unhas actuacións que o PP prometeu facer co plan dos 50 millóns de euros, cando non tiñan nin cartos nin terreos, polo que nunca executou. Polo contra, este Goberno Provincial ten o presuposto necesario, estando á espera de que a Xunta, concretamente o Xurado de Expropiacións, resolva este proceso para poder iniciar estes traballo. Outro exemplo, a estrada de Burgo a Palas de Rei, obxecto de críticas dos populares. Tamén neste caso, o PP prometeu estes trabalos, co plan dos 50 millóns de euros, pero non os executou. Nós levamos anos esperando a que a Xunta, concretamente a Consellería de Cultura, aprobe o proxecto, tras presentarlle 3 diferentes que nunca lle valeron. Non somos iguais. A diferencia do que fai o PP, nós nos eludimos as nosas responsabilidades. Por este motivo, no Orzamento deste ano xa achegamos 5,5 millóns de euros para a mellora das vías provinciais, presuposto ó que se engade agora estes outros 3,4 millóns de euros”.

Neste senso, sobre o “esforzo inversor nas estradas provinciais”, Martínez avanzou que se están executando o Plan de Rebacheo en vías de 19 Concellos tras concluír cos estes traballos noutros 23 municipio, ó tempo que lembrou a execución do primeiro plan de sinalización de toda a rede viaria provincial, con máis de 2 millóns de euros, ou o acondicionamento con aglomerado en quente de 1.000 quilómetros, “algo nunca visto co PP”

Presuposto por zonas

A Deputación mantén distribuída a rede viaria provincial en 8 zonas, cando anteriormente existía 13 zonas, acadando un servizo máis centralizado e, polo tanto, unha atención máis eficaz. Por este motivo, a contratación da conservación distribúese do seguinte xeito, sendo maior os recursos para as zonas que, polas condicións climatolóxicas, requiren máis atención:

- Zona 1: 408.980 euros para a conservación dos 530 quilómetros de estradas provinciais nos Concellos de O Vicedo, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.

- Zona 2: 416.845 euros para a conservación dos 618 quilómetros de estradas provinciais no Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.

- Zona 3: 423.258 euros para os 668 quilómetros de estradas provinciais en Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.

- Zona 4: 418.055 euros para os 680 quilómetros de estradas provinciais en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.

- Zona 5: 421.685 euros para os 332 quilómetros de estradas provinciais en Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.

- Zona 6: 421.080 euros para os 334 quilómetros de estradas provinciais en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

- Zona 7: 406.560 euros para os 313 quilómetros de estradas provinciais en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.

- Zona 8: 422.895 euros para os 738 quilómetros de estradas provinciais en Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

Obras en Riotorto

A sesión acordou iniciar o proceso de contratación das obras pendentes de executar na estrada do Marco de Álvare ás Rodrigas, no Concello de Riotorto, achegando, para elo, 576.000 euros. Martínez subliñou que “este orzamento, xunto ás case 200 fincas expropiadas, garante o remate destas actuacións. Este Goberno Provincial cumpre coa palabra dada ós veciños a diferencia do que fai o PP, que prometeu realizar estas obras, cando non tiña cartos nin terreos, enmarcándoas no famoso plan dos 50 millóns de euros. O PP debe pedir desculpas ós cidadáns e a esta institución polas mentiras e calumnias que realizou ó respecto destas obras na CP 5501: primeiro, enganou ós cidadáns prometendo estes traballos que nunca fixo; logo, debido á paralización temporal destas actuacións polos problemas económicos da anterior adxudicataria que está en concurso de acredores, voltou a mentir ós veciños, asegurándolles que este Goberno Provincial non ía a facer estes traballos; e despois, calumniou a esta institución, dicindo que permitira un desfase nestas obras de 190.000 euros, empregando borradores técnicos que atopou nas papeleiras ou mesas da Deputación, cando a documentación oficial, procedente da liquidación destas actuacións, concluíu que existía un saldo a favor do organismo provincial de 37.000 euros. Queda desmontada a campaña de difamación e de panfletos do PP sobre estas obras en Riotorto”.

Outros acordos

O voceiro adiantou que a Deputación porá en marcha, unha vez máis, o Barco Muralla de Lugo para que esta aula móbil medioambiental promocione os recursos naturais lucenses en destacadas citas da provincia durante a época estival (feiras, festas gastronómicas ou festivais), aproveitando a visita de centos de cidadáns e xerando riqueza. A Xunta de Goberno contratou estas actuacións, enmarcadas no proxecto medioambiental Lug02 e dotadas de 57.600 euros, cofinanciadas nun 80% pola Unión Europea. Tamén se acordaron as contas xustificativas de 2 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en núcleos rurais de Sarria e O Valadouro, “coas que dotamos de novas prestacións ós veciños e aforramos 11.700 euros a ditos Concellos, ó asumir a totalidades dos custes”. A sesión deu conta da aprobación dunha subvención da Consellería de Traballo, por valor de 36.600 euros, para a celebración da acción formativa “Auxiliar de Enfermería en Xeriatría”, dirixida a desempregados lucenses. O organismo provincial segue á espera de que o Goberno galego resolva a solicitude de 16 cursos, que a institución luguesa quere celebrar nas 13 Comarcas lucenses, para a inserción laboral de 250 lucenses nos chamados empregos brancos (xeriatría, enfermería, nutrición, celador..). Neste senso, a sesión tamén aprobou concorrer ás axudas que convocou a Xunta o pasado 16 de maio para a celebración de obradoiros de emprego na rama Sanitaria e de Servizos Socioculturais.