Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a formación medioambiental nos cursos de verán da Universidade de Santiago de Compostela

Imaxe deputación de lugo
Sonsoles López Izquierdo inaugurou o curso “As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares lucenses”, financiado pola institución provincialExpertos procedentes da USC, da Universidade de León e do Centro Tecnológico Forestal de Cataluña abordarán temas coma a clasificación destas especies, a importancia económica do seu cultivo e os diferentes modelos produtivos postos en marcha noutras Comunidades

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo participou este luns na inauguración do curso “As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares lucenses”, nun acto que tivo lugar no Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), ubicado no Campus lucense. Enmarcado dentro da programación da “Universidade de Verán 2013”, esta acción formativa conta coa financiación da Deputación de Lugo, a través da Área de Medio Ambiente.

López Izquierdo destacou o compromiso da institución provincial co medioambiente, xa que “dende as administracións temos que dar exemplo, sensibilizando á poboación acerca da importancia da conservación do noso medio natural, para o que é fundamental a educación e formación, e apostando por un xeito diferente de facer as cousas, atendendo a criterios nos que predomine o compromiso coas persoas e co medio”. Do mesmo xeito, lembrou que “a Deputación de Lugo sempre camiña ó lado da educación, porque entendemos que esta nunca é un gasto, senón unha inversión imprescindible para xerar futuro, máis que nunca nestes tempos de dificultade económica, cando é tan importante aforrar coma investir, apostar polo crecemento e blindar as políticas sociais”

De feito, esta colaboración responde á aposta que mantén a institución provincial lucense dende hai anos non só co medioambiente senón coa educación de grao superior, a pesares de non ter competencia directa na materia. Exemplos disto son a creación da única Escola de Imaxe e Son pública e con matrícula gratuíta da provincia, ou a posta en marcha de diferentes programas de bolsas de emprego dirixidas a mozos titulados, co fin de favorecer a súa inserción laboral.

Plantas e fungos medicinais

Este curso ofrecerá unha visión sobre as plantas e fungos medicinais dende diferentes aspectos, afondando naquelas que se poden atopar en Galicia e, particularmente, nos territorios incluídos dentro das Reservas da Biosfera lucenses, as de Terras do Miño e Ancares. O aproveitamento racional destas especies poden supoñer un importante factor de crecemento económico complementario doutras actividades nestes espazos, contribuíndo ó desenvolvemento do rural. Grazas a esta formación, os asistentes aprenderán as claves para explotar estes recursos de xeito sostible, mediante a recoleción controlada ou a domestación do cultivo de especies que contan cunha maior demanda.

As actividades desenvolveranse entre os días 29 de xullo e 1 de agosto, durante os que están previstas varias conferencias e a cargo de destacados expertos. O encargado de dar comezo á programación será o Vicerreitor Adxunto de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago e Director do Ibader, Pablo Ramil Rego, quen falará acerca da utilización das plantas medicinais ó longo da historia. Outros expertos abordarán temas coma a clasificación das especies de interese medicinal, a influencia dos factores ambientais nestas, a importancia económica do aproveitamento das plantas medicinais nos mercados nacionais e internacionais, o seu procesado industrial ou o seu cultivo ecolóxico. Expertos procedentes doutras institucións, coma o Centro Tecnológico Forestal da Cataluña ou a Universidade de León amosarán os modelos de cultivo de plantas medicinais que xa se teñen postos en marcha nestas dúas Comunidades Autónomas.

Para os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela, a carga das citadas xornadas será de 30 horas, que terán recoñecemento como créditos de libre configuración ou créditos optativos.