Deputación de Lugo

A exposición Pegadas para a Terra abre a programación do Centro de Interpretación Terras do Miño do 3º trimestre

López Izquierdo avanzou as actividades previstas para os meses de verán durante unha visita á mostra que reflexiona sobre o medioambiente e os dereitos humanosA programación que inclúe novidades coma un curso de “cociña solar”ou gymkanas medioambientais, arrinca o 2 de xullo cunha ruta para nenos polo Rato Todas as actividades son gratuítas e abertas a públicos de todas as idades. Máis información e inscricións en www.deputacionlugo.org

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou hoxe a programación que a institución provincial ten organizadas para os meses de xullo, agosto e setembro nas instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño no Rato, durante a visita que realizou á exposición Pegadas para a Terra, que abre hoxe as súas portas precisamente neste Centro.

Acompañada pola artista Asunción Bermúdez, responsable desta mostra que analiza o papel de diferentes colectivos e persoeiros en prol da defensa do medioambiente e os dereitos humanos, López Izquierdo destacou que nesta nova tempada de actividades potenciaranse aquelas que se realicen ó aire libre, “porque un dos valores deste Centro é o de estar situado nun entorno natural privilexiado, a un paso do centro da cidade”

A Deputada subliñou que “as actividades programadas nos meses anteriores acadaron unha estupenda acollida, sumando máis de 700 participantes”. Algunhas das actividades postas en marcha, coma o curso de “Botánica doméstica: plantas medicinais e plantas das nosas hortas e campos”, superaron as previsións máis optimistasm de xeito que “a resposta por parte dos veciños amosa que estamos no bo camiño e anímanos a seguir traballando na nosa aposta por converter ó Centro de Interpretación nun espazo de referencia en formación e educación ambiental, así coma de divulgación científica”

Máis actividades no exterior

Novamente, dentro das actividades programadas haberá conferencias, obradoiros e cursos, dirixidos a públicos de todas as idades, con especial relevancia daquelas que celebren no exterior. Unha das actividades máis novidosas será o curso que amosará as posibilidades de cociñar alimentos coa luz do sol, “Cociña solar”, para obter receitas saudables e sen custe enerxético.

En canto ás actividades dirixidas a nenos, son as seguintes:

- 2 e 3 de xullo: rutas polo Rato, para nenos de 6 a 12 anos
- 6 e 7 de xullo: obradoiro “A miña amiga Terra”, tamén para nenos de 6 a 12 anos
- 9 e 10 de xullo: obradoiro “Os moradores do vento, as aves do nos entorno”, para nenos de 10 a 18 anos
- 23 e 24 de xullo: obradoiro “Os espías verdes”, para nenos de 3 a 6 anos
- 27 de xullo: obradoiro “Xoguetes naturais”, tamén para nenos de 6 a 12 anos
- 28 de setembro: obradoiro de “Cociña saudable”, para nenos de 6 a 12 anos

Os nenos tamén poderán participar nas actividades pensadas para gozar en familia:

- 16 e 17 de xullo: obradoiro “Un rato de natureza”
- 20 e 21 de xullo: obradoiros de relaxación
- 30 e 31 de xullo: obradoiro O río Rato ós ollos dun científico
- 29 de agosto: Encontro de Cociña Solar
- 14 e 15 de setembro: Gymkana medioambiental

Os maiores terán a súa propia programación:

- 22 de xullo e 21 de agosto: a natureza e o mito
- 7 e 8 de setembro: Herbas máxicas
- 21 de setembro: Ruta etnográfica
- 22 de setembro: Ruta etnográfica

No mes de setembro chegarán as conferencias de divulgación científica, os días 12 de setembro, na que o catedrático da Escola Universitaria de Formación do Profesorado, Uxío Otero, disertará sobre “Os valores educativos da natureza” e 26 de setembro, cando diversos poñentes falarán acerca dos “Valores e potencialidades da Reserva da Biosfera de Os Ancares lucenses”

Os interesados participar, poden inscribirse a través na páxina web www.deputacionlugo.org. O Centro de Interpretación, escenario destas actividades, amplía o seu horario operativo.

Pegadas para a Terra

Asunción Bermúdez é a responsable da mostra que, dende hoxe e durante os meses de verán, poderá admirarse nas instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño. Pegadas para a Terra rende unha homenaxe a persoeiros históricos e movementos sociais que teñen destacado pola súa defensa do medio ambiente e dos dereitos humanos. Percorrendo as instalacións, os asistentes poderán aprender máis acerca de asociacións coma Greenpeace ou o Movemento Chipko –que trata de concienciar á sociedade sobre a importancia das especies arbóreas mediante os “abrazos”-, ou xentes coma Mahatma Gandhi, Chico Mendez ou Wangari Muta Maathai, a primeira muller africana en recibir o Nobel da Paz.

A visita é gratuíta e poderá realizarse no horario habitual do Centro: de luns a xoves, abrirá as súas portas de 9:30 a 14:30 horas; os venres, de 9:30 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas. As fins de semana o horario será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas os sábados e de 11:00 a 14:00 horas os domingos.