Deputación de Lugo

A Deputación amosa toda a riqueza medioambiental da provincia co seu Barco Muralla

A primeira cita é esta fin de semana en Guitiriz e o barco percorrerá outras localidades durante todo o mes de agostoA instalación da Deputación é unha aula turístico-ambiental na que se pode desfrutar de información e actividades familiares relacionadas coa naturezaO ano pasado a iniciativa obtivo un grande éxito de participación, coa visita de preto de 10.000 persoas

Un ano máis a Deputación da a coñecer toda a riqueza medioambiental da provincia co Barco Muralla. Trátase dunha aula turístico-medioambiental que percorre as estradas dos concellos lucenses amosando os recursos naturais da provincia. Durante o ano pasado preto de 10.000 persoas se achegaron ata a embarcación para coñecer a través do numeroso material didáctico toda a riqueza medioambiental de Lugo.

Esta fin de semana o barco inicia a súa ruta de verán, comezando por Guitiriz onde xa estivo hoxe e permanecerá ata mañá. É o primeiro dos concellos ós que se achegará a embarcación que ademais visitará durante as fins de semana de agosto as localidades de Burela, Viveiro, Monforte de Lemos e Vilalba.

O Barco Muralla, que se sitúa nas inmediacións da Área Recreativa dos Sete Muíños, está totalmente ambientada como os barcos da mariña lucense. No seu interior hai material e mobiliario náutico que adorna a instalación e predispón ó visitante ó ambiente mariñeiro. Pódense ver no seu interior redes, timóns, brúxulas, nasas, ou balsas hinchables, que de xeito gratuíto cederon as confradías de pescadores da mariña e o Concello de Viveiro. Ademáis esta embarcación leva dous símbolos da provincia aló por onde vaia, por unha banda a muralla da capital e pola outra a costa lucense, gran recurso natural aínda descoñecido para moitos.

En canto ó material informativo, no Barco Muralla, as persoas que se acheguen poden atopar ordenadores, dípticos de información sobre as reservas da biosfera, e iniciativas empresariais ou formativas relacionadas co medioambiente. A Fundación Tic, organismo dependente da deputación, foi a encargada de editar os vídeos que amosan todo o potencial medioambiental da provincia.

Pero ademais este ano, como novidade haberá dous monitores que organizan actividades para as familias nas que o ocio se mistura coa educación no respecto medioambiental. Cativos e maiores realizarán obradoiros de reciclaxe e outras tarefas de concienciación.

Dentro do programa Lug0₂

O Barco Muralla é unha iniciativa que se enmarca dentro do programa Lug0₂ da área de medioambiente, que conta cun orzamento de máis de 120.000 euros e que está financiado n un 80% por fondos europeos. Dende a Deputación consideran que o medioambiente é unha importante oportunidade de negocio para os lucenses que, con iniciativas deste tipo, coidan o seu patrimonio e xeran riqueza dun xeito sostible, de ahí o empeño da entidade provincial por amosar tódalas posibilidades da natureza de Lugo.