Deputación de Lugo

Centos de lucenses coñeceron o labor da Escola de Imaxe e Son nas segundas xornadas de portas abertas ABERTIC

Gómez Besteiro destacou a importancia desta iniciativa, coa que “os veciños da provincia coñecen de primeira man o traballo formativo que desenvolvemos na TIC orientado á inserción laboral dos nosos alumnos”A xornada incluíu obradoiros de radio, televisión e fotografía, proxección de traballos, espectáculos e música en directoNumerosos representantes de empresas audiovisuais, centros educativos e asociacións culturais e deportivas participaron nas actividades coas que os alumnos amosaron as tarefas desenvolvidos durante o cursoO Presidente foi o encargado de entregar os diplomas ós titulados da novena promoción da EIS, que cursaron os estudos entre o 2011 e o 2013

Centos de lucenses participaron este xoves na segunda edición das xornadas de portas abertas ABERTIC, organizadas pola Fundación TIC nas instalacións da Escola de Imaxe e Son (EIS) de Lugo para dar a coñecer á sociedade o labor formativo deste centro, o único público da provincia que imparte ensinanzas no eido audiovisual. Nesta iniciativa, que repetiu deste xeito o éxito de público da edición do pasado ano, os alumnos da EIS puxeron en práctica, co apoio de docentes e técnicos, os coñecementos adquiridos durante o curso a través de obradoiros de radio, televisión e fotografía, abertos á participación de todos os que visitaron as instalacións da Escola ó longo da xornada.

O Presidente da Fundación e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, achegouse ó centro educativo para participar no ABERTIC e destacou a importancia deste tipo de xornadas “para que os lucenses coñezan de primeira man o labor que desenvolvemos na TIC, orientado á inserción laboral dos nosos alumnos”. Ademais, o máximo responsable provincial dixo que “deste xeito tamén contribuímos a achegar o mundo das novas tecnoloxías ós habitantes da nosa provincia”.

A sociedade lucense coa TIC

Representantes de produtoras, organizacións relacionadas co mundo audiovisual e medios de comunicación comprobaron in situ o nivel formativo adquirido polos alumnos durante o curso, baseado en prácticas en escenarios reais. Entre outros, Galicia Dixital, Grupo fotográfico Fonmiñá, Miñomedia, Imaxina e Coolfims. Ademais, participaron membros de diversas asociacións culturais e deportivas, como Achádego Teatro, Nova Escena Teatro, Palimoco, Parafono, Breogán ou Azkar Lugo.

Tamén foi destacada a presenza de alumnos e profesores doutros centros educativos que colaboraron cos estudantes da Escola de Imaxe e Son na realización de prácticas de radio, fotografía e televisión. Entre outros, os IES Muralla Romana, Virxe dos Ollos Grande, Lucus Augusti Politécnico e o colexio San Xosé.

Obradoiros de radio, televisión e fotografía

O programa ABERTIC, que se desenvolveu de 11:00 a 20:00 horas, tanto nos exteriores como dentro das instalacións da Escola, comezou coa recepción dos asistentes cun posado no “photocall” situado á entrada, e incluíu obradoiros de radio, televisión e fotografía. Deste xeito, as persoas que se achegaron á EIS tiveron a oportunidade de formar parte dun programa radiofónico con entrevistas en directo, coñecer os segredos da televisión por dentro e retocar fotos e vídeos para compartilos nas redes sociais. Os vídeos que realizou cada participante están subidos na canle que a Fundación TIC ten en Youtube. A xornada contou tamén con representacións teatrais e o traballo dunha unidade móbil con tres cámaras, que foi a encargada da gravación e realización dos eventos da xornada.

Novidades desta edición

Entre as moitas novidades deste ano, destacou a música en directo que ofreceu o grupo lucense de estilo indie/rock “Winter in Berlín” e o Dj Alejandro Losada dende a terraza da EIS.

O obxectivo foi reproducir una mostra do FIBES, o I Festival Itinerante de Balcóns e Espazos Sonoros, unha iniciativa pioneira en Galicia, organizada o pasado 10 de maio polos alumnos de primeiro da Escola na cidade con grande éxito. Os estudantes tamén representaron a primeira escena da obra teatral do sevillano Alejandro Butrón “Apoloxía do cuarto de baño”. Tamén houbo un flahsmob no que competiron alumnos de Realización e Produción.

Na Sala de Proxeccións tivo lugar a proxección ininterrompida de traballos dos alumnos de primeiro, en concreto a recreación de secuencias das longametraxes La vida es bella, Crimen ferpecto, Mi vida sin mí e Full Monty. Tamén se pasaron as reportaxes Pendurando no tempo, que recolle os negocios de Lugo máis antigos, Familias en Desventaxa, Guetos, sobre as desigualdades sociais e a integración, e Online sobre as redes sociais a a súa incidencia nas nosas vidas.

Entrega de diplomas

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC foi a encargado da entrega dos diplomas ós novos titulados en Imaxe e Son da novena promoción, que cursaron estudos no período académico (2011-13).

Ademais, ó igual que o ano pasado, regalouse a todos os asistentes unha carpeta cun DVD cos mellores traballos do curso 2012-13 e información da EIS e o proceso de matrícula para o vindeiro curso.