Deputación de Lugo

A Deputación amosa ós rapaces o proceso de elaboración dun pano de feltro

As instalacións do Obradoiro de Cestería acolleron esta mañá o rapado dunha ovella como parte dun obradoiro de feltro para cativos que organiza o CENTRAD Os obradoiros infantís continuarán a semana do 19 ó 23 de xullo e do 26 ó 30 de agosto

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial (CENTRAD) achegou esta mañá ós nenos que participan nos obradoiros infantís a posibilidade de asistir ó rapado dunha ovella. A acción inclúese nun obradoiro de feltro no que 15 rapaces poderán coñecer e participar no proceso completo de transformación do material ata conseguir o seu propio pano.

Trátase dunha actividade indicada para cativos de entre 11 e 15 anos e que se desenvolverá durante toda a semana nas instalacións do Obradoiro de Cestería, situado na zona do río Rato. Durante 5 días os pequenos levarán a cabo todo o proceso de elaboración do feltro, dende o lavado, tinguido e cardado do material ata conseguir, cadanseu propio pano de feltro.

A Deputación pretende con estes obradoiros achegar a artesanía ós máis pequenos dunha forma divertida, con actividades indicadas segundo os grupos de idade e desfrutando ao tempo do aire libre. A iniciativa serve tamén, para axudar a nais e pais a conciliar a sua vida laboral e familiar no tempo das vacacións escolares dos cativos.

Máis actividades

A Deputación organiza tamén para os rapaces no tempo de verán actividades no Centro de Interpretación Terras do Miño. Mañá e pasado se celebra alí un obradoiro titulado “Os moradores do vento, as aves do noso contorno”. Trátase dunha actividade dirixida a rapaces de entre 10 e 18 anos en horario de 11 da mañá a 2 da tarde. Nela, os participantes tomarán contacto coa ornitoloxía dun xeito ameno e participativo. O obradoiro comprende actividades como o recoñecemento de aves polo seu canto, voo ou costumes de alimentación, pero ademáis os rapaces colocarán caixas nido e comedeiros no contorno do río Rato. Aínda quedan prazas libres que se completarán ata chegar ao cupo de 25. Os interesados poden achegarse mañá ata o Centro de Interpretación Terras do Miño, nas inmediacións do río Rato.