Deputación de Lugo

O Presidente recibe a Mayor Zaragoza, ‘exemplo de como loitar pola xustiza social e a liberdade dando voz ós máis débiles’

Gómez Besteiro mantivo un encontro co ex director xeral da UNESCO tras asistir á súa conferencia no Campus universitario sobre educación, cultura da paz e dereitos humanos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este luns no Pazo de San Marcos a Federico Mayor Zaragoza, director xeral da UNESCO durante 12 anos, quen viaxou a Lugo para ofrecer o relatorio de clausura do IX Curso de Primavera do Campus universitario lucense, unhas xornadas monográficas que organiza anualmente a facultade de Humanidades e que nesta edición abordan a crise no mundo Occidental, as súas causas e consecuencias. Gómez Besteiro mantivo un encontro na Deputación co alto funcionario internacional español despois de asistir á conferencia que este ofreceu en Humanidades sobre educación, cultura da paz e dereitos humanos no século XXI. O mandatario provincial destacou que a dilatada traxectoria de Mayor Zaragoza é un exemplo de “como loitar pola xustiza social, a igualdade e a liberdade dándolle voz ós máis débiles, algo que nestes tempos de crise é máis importante ca nunca porque son os que o están a pasar peor, os que están a sufrir as maiores desigualdades”.

Mayor Zaragoza, copresidente do grupo de alto nivel da Alianza de Civilizacións para a ONU, e presidente da Fundación Cultura e Paz e da Comisión Internacional contra a Pena de Morte, recibiu como obsequio institucional unha bufanda confeccionada de xeito artesanal e dous libros editados polo organismo provincial: A Deputación na Época Isabelina e Camiño do Mar, un traballo de investigación sobre a ruta xacobea que percorre a costa lucense.

O ex director da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura completou a nómina dos 20 poñentes que interviñeron na novena edición do Curso de Primavera da USC, un foro aberto no que tamén participou o director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, así como numerosos profesores e investigadores da Universidade compostelana e tamén da Universidade Autónoma de Madrid.