Deputación de Lugo

Arrincan as xornadas gratuítas de cociña con produtos autóctonos

Imaxe deputación de lugo
A Faragulla Wine Bar de Chantada acolle a primeira das Masterclass de Cociña Autóctona, na que se abordará a “cociña de proximidade”, con provedores e produtos da zonaMáis información sobre lugares e datas de celebración das vindeiras xornadas en www.deputacionlugo.org

Esta tarde dan comezo as xornadas de Masterclass de Cociña Autóctona, revolucionario proxecto posto en marcha pola Deputación de Lugo, cofinanciado nun 80% por fondos europeos do plan Lug02, que busca a potenciación do consumo e comercialización dos produtos autóctonos de calidade da provincia, explorando as súas posibilidades gastronómicas da man de prestixiosos chefs e mestres panadeiros lucenses.

18 lucenses, principalmente profesionais do sector hostaleiro e estudantes do ramo, participarán, no Faragulla Wine Bar de Chantada, no curso “Cociña de proximidade” impartido polo chef e dono do restaurante Mogay, Antonio Lorenzo Gay. Este profesional amosará o potencial turístico dos establecementos gastronómicos que empregan na súa cociña produtos de calidade da zona comercializados por proveedores locais. Este xeito de traballar consegue ofrecer unha cociña con alimentos de frescura garantizada ó tempo que reduce os custes de transporte. Para esta clase maxistral os asistentes empregarán carne de porco celta de Sarria, verduras cultivadas en Chantada e ovos de pitas de curral criados polos propios donos de A Faragulla para elaborar tres delicias culinarias: crocante de centeo con pisto manchego, falso canelón de touciño e gambón con bechamel lixeira, e revolto de patacas con touciño feito ás brasas.

As oito clases prácticas restantes programadas continuarán ata finais de ano en varios Concellos da provincia, en función dos produtos de tempada. Durante as catro horas de duración de cada unha delas, cociñeiros de prestixio ensinarán ós participantes a elaborar diferentes receitas empregando produtos autóctonos, coma hortalizas, legumes, derivados da matanza ou caza e pesca. Terán especial importancia aqueles produtos que posúan a marca de calidade LugoSabe e os ofertados na plataforma de comercio electrónico, www.losproductosdelugo.com, ambas creadas e impulsadas pola Deputación de Lugo.

As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deben anotarse canto antes chamando ó número de teléfono 982-22-13-47, onde serán atendidas de 10:00 a 14:00 horas, ou enviando un correo electrónico a lugo2@deputacionlugo.org. Do mesmo xeito, poderán atopar información sobre as datas e lugares de celebración das vindeiras xornadas na web www.deputacionlugo.org.