Deputación de Lugo

A Deputación cede á Fundación Rof Codina unha parcela de 1.800 m2 para o centro de experimentación animal

O Pleno aprobará este martes a cesión á Fundación Rof Codina do espazo provincial coñecido como a “Antiga Escola Taller de San Anxo” durante 18 anos

A Deputación cede á Fundación Rof Codina unha parcela de 1.822 metros cadrados, a coñecida como a “Antiga Escola Taller de San Anxo”, para que acolla o CEBIOVET, o centro de experimentación animal. O Pleno Provincial deste martes aprobará esta cesión, permitindo á Fundación o uso deste espazo durante 18 anos.

Este acordo inclúese na aposta da institución pola promoción da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico mediante a mellora de infraestruturas en apoio ó Campus de Lugo, como un medio para conseguir o desenvolvemento social e económico da provincia. Outro exemplo disto, é o investimento de 7 millóns de euros que achega a Deputación para o proxecto de ampliación das instalacións da USC na provincia.

A Fundación Rof Codina ten como obxectivos fundamentais o desenvolvemento de iniciativas de investigación científica e técnica no campo da biodiversidade, os sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal; o asesoramento técnico a entidades, asociacións ou empresas vinculadas ó medio rural; o impulso e apertura de novos mercados de traballo para os alumnos das titulacións relacionadas co campo; así como a realización de actividades docentes e de formación a través de programas de Doutorado, postgrao e cursos de extensión universitaria.