Deputación de Lugo

Aprobado un Plan de Acción de 2 millóns de euros para o desenvolvemento da Reserva dos Ancares lucenses

O Plan conta con 7 liñas de acción para os vindeiros 10 anos que potenciarán factores clave para o desenvolvemento e mellora da calidade de vida nestes territorios Gómez Besteiro presidiu unha reunión na que se ampliou a participación cidadá nos órganos de xestión coa incorporación de 4 novas asociacións ó Órgano de participación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu hoxe as reunións dos Órganos de xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses, que tiveron lugar en San Román de Cervantes, nas que tamén estiveron presentes os representantes das propias Administracións locais e organizacións sociais e profesionais, agrarias, de montes, turismo rural, ecoloxistas ou de defensa do patrimonio, coa excepción do representante do Goberno central. Os puntos destacados da orde do día foron a aprobación inicial do Plan de Acción desta Reserva, así coma a admisión de novas solicitudes de asociacións para a súa inclusión no Órgano de participación.

A institución provincial luguesa comezou o pasado ano a traballar na creación do borrador de Plan de Acción que hoxe se levou a esta e que foi aprobado por unanimidade. Dotado cun orzamento de 2 millóns de euros para desenvolver unha serie de medidas concretas nos vindeiros 10 anos, este Plan conta con sete liñas xerais de acción, encamiñadas á potenciación daqueles aspectos que se teñen revelado coma oportunidades de desenvolvemento para estes territorios reservados: a conservación das tradicións, a potenciación da produción e comercialización dos produtos autóctonos de calidade, o turismo de montaña e a biodiversidade do territorio e o seu estudo.

Por outra banda, este Plan establece unha serie de indicadores concretos para realizar un exhaustivo seguimento do seu cumprimento.

Resultado dun traballo conxunto

Este Plan é o resultado da conxunción de dúas liñas de traballo. Por unha banda, unha liña de carácter máis práctico, consistente na realización, durante o ano 2012, dunha serie de entrevistas cos alcaldes dos tres Concellos da reserva –Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna-, na súa calidade de máximos coñecedores do territorio; ós técnicos dos órganos reitores; e ós representantes dos grupos políticos e de asociacións e organizacións sociais e profesionais agrarias, de montes, de turismo rural, ecoloxistas e de defensa do patrimonio, entre outras. Deste xeito, grazas á implicación do organismo lugués, tanto as administracións coma a cidadanía teñen voz na toma de decisións sobre as accións que se leven a cabo nun futuro nestes espazos naturais.

A segunda liña de traballo, de carácter máis teórico, foi a levada a cabo por persoal técnico que desenvolveu este Plan de Acción en base ós datos manexados. Esta segunda fase de traballo retrasouse máis do previsto inicialmente pola tardanza da Xunta de Galicia en aprobar a ampliación da Rede Natura 2000, paso necesario para facer o desenvolvemento e aprobación conxunta, tanto do plan de acción coma da zonificación da Reserva, temas intimamente ligados. Polo momento, e malia que o Goberno autonómico segue sen dar resposta a esta aprobación da Rede Natura 2000, que vertebra as zonas núcleo da Reserva, o Órgano Reitor decidiu seguir adiante co plan de acción.

Ampliación da participación cidadá

Outro dos puntos tratados na orde do día desta asemblea foi a aprobación da inclusión de catro novas asociacións no Órgano de Participación da Reserva. Este órgano é o encargado de propoñer ideas sobre a conservación e desenvolvemento socioeconómico do territorio das Reservas, así como suxerir actuacións que revirtan na mellora da calidade de vida dos veciños e do seu entorno.

Ata o momento, este Órgano contaba coa participación da Asociación Rurancares, a Sociedade Galega de Historia Natural e o Sindicato Labrego Galego, agrupacións que tiñan presentado as súas candidaturas dentro do prazo establecido durante a reunión do Órgano de Participación celebrada o 28 de outubro de 2011. As novas asociacións -a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA); a Asociación Galega de Custodia do Territorio; a Sociedade Micolóxica Lucus e a Asociación para o Desenvolvemento Rural Ancares-Courel (GDR 5)-, presentaron as súas candidaturas logo de rematado o prazo, malia o que o Órgano Reitor, competente para definir a composición do Órgano de participación, decidiu aprobar a súa incorporación inmediata.

O vindeiro mércores terá lugar a asemblea correspondente dos Órganos de xestión da Reserva de Terras do Miño.