Deputación de Lugo

A Deputación remata as obras de acondicionamento da ponte de Córneas, en Baleira

A institución provincial investiu no arranxo da ponte afundida 30.000 euros A Deputación considera que o afundimento da ponte se debe ao emprego de materiais non adecuados por parte do anterior goberno provincial do PPAs obras consistiron na substitución dos materiais por unha estrutura de formigón máis resistente

A Deputación ven de rematar as obras de acondicionamento da estrada LU-P-0408, ó seu paso polo núcleo de Córneas, no Concello de Baleira. A obra executouse para arranxar unha ponte que se afundíu esta primavera polas fortas choivas.
A Deputación considera que o firme se veu abaixo porque a construción, unha simple tubaxe de chapa que non soportou as choivas, non era a adecuada para este lugar. Dende o momento do afundimento, técnicos da institución provincial se achegaron ata o lugar e fixeron un completo estudo para desenvolver un proxecto adecuado que asegurase a perdurabilidade desta infraestrutura.
Os técnicos da Deputación consideraron que neste caso era preciso substituir a anterior instalación de drenaxe composta de tubos de chapa corrugada, por 4 marcos de formigón máis resistentes. Para a reposición do material se empregaron preto de 10 metros de marcos, dunha anchura de 2,8 por 3 metros. Un sistema de drenaxe e uns materias que os técnicos consideran adecuados para este tipo de construción non como os tubos anteriormente colocados neste punto que non resistiron o inverno. As obras contaron cun orzamento de 29.843 euros.
Unha instalación máis resistente
Dende a Deputación insisten en que este tipo de instalacións, de chapa corrugada, feitas polo anterior goberno provincial non son as axeitadas a pesar de resultar máis baratas. Advirten dende o organismo provincial que están colocadas en varios puntos da rede provincial e que co paso do tempo terminan saíndo máis caras.
De feito, este non é o único punto da estrada provincial que precisou arranxos polo mesmo motivo. O anterior goberno provincial do PP, tamén colocou tubos de chapa noutra obra de drenaxe, neste mesmo concello que tamén se afundiu polas choivas. Neste caso foi en Cubilledo, tamén en Baleira e para arranxalo a Deputación tivo que investir 70.000 euros, ascendendo deste xeito a 100.000 euros o que a entidade provincial tivo que investir só neste concello para repoñer o que dende a institución provincial consideran unha “chapuza” dos populares.
Trátase de actuacións de grande importancia para os veciños que viron interrompidas as comunicacións nestas estradas. No caso da ponte de Córneas, as obras rematan tralas paralizacións sufridas en varias ocasións ata conseguir os permisos legais da Confederación Hidrográfica e do propio concello.