Deputación de Lugo

Veiga garante que Lugo terá un equipo de baloncesto competitivo e saneado

Imaxe deputación de lugo
A Deputación continúa dando os pasos acordados en Xunta de Goberno para efectivizar a súa saída do accionariado evitando a deslocalización do club

O vicepresidente da Deputación, delegado da área de Deportes da institución e presidente do Club Baloncesto Breogán, Antonio Veiga, agarda que Leite Río continúe sendo patrocinadora do equipo e que, como empresa da provincia, apoie financeiramente ao club da cidade.

Ante as noticias aparecidas nalgúns medios de comunicación sobre as dúbidas de Leite Río para continuar patrocinando o Club Baloncesto Breogán, tal como fixo a pasada tempada e como prometeu que faría durante a tempada que comezará en outubro, Antonio Veiga afirma que “a decisión dunha empresa privada de patrocinar ou non un equipo deportivo é unha decisión unilateral da mesma. Entendemos que se trata dunha decisión puramente empresarial e, como tal, só queda respetala.”

Veiga insiste en que “non hai nada que opinar sobre a decisión dun empresario de Lugo, como Jesús Lence, que esperemos chegue co Breogán ao mesmo trato que chegou con outro equipo de baloncesto que non é o da súa cidade, senón que é de Compostela, e que, por certo, tamén preside outro empresario lucense, Raúl López, quen optou por abandonar os seus cargos de responsabilidade no CB Breogán para asumilas nun equipo doutra localidade como é o Obradoiro.”

Como presidente do Breogán, Antonio Veiga asegura que “a conformación do equipo para a vindeira tempada atópase avanzada e permitirá a Lugo contar cun equipo de baloncesto competitivo. Ademais, seguiremos traballando para que a cidade teña un club saneado pola vía do apoio institucional, pola vía do aval social e buscando un novo ou novos patrocinadores que acheguen fondos privados. A día de hoxe existen conversas, as cales se atopan moi avanzadas, con varios empresarios lucenses que si están dispostos a apoiar economicamente ao equipo.”

Na mesma liña, Veiga puntualizou que o orzamento do CB Breogán para a tempada 2013-2014 xa está fechado, asunto que centrou os esforzos do Consello de Administración do club nos últimos tempos.

Asemade, a Deputación Provincial segue adiante co proceso iniciado para saír do accionariado do equipo dando os pasos acordados pola Xunta de Goberno da institución para efectivizar, coa máxima premura, dita saída garantindo que o club non se deslocalice.