Deputación de Lugo

O Incio, Abadín e A Fonsagrada aforrarán 41.000 euros ó ano co equipamento enerxético da Deputación

Este aforro será posible cun novo contrato derivado do acordo marco que permite a adquisición conxunta de 1.015 subministros para alumeado público e edificios municipais nestes ConcellosOs primeiros 13 dos 37 Concellos sumados a esta iniciativa, coa que o organismo provincial instalará gratis equipamento enerxético, reducirán as súas facturas enerxéticas en 120.000 eurosA Deputación ultima os detalles para a posta en marcha do parque ambiental de Becerreá, no que en datas vindeiras estará finalmente instalado o equipamento de deporte e benestar

A Xunta de Goberno deste venres aprobou un novo contrato de adquisición conxunta de equipamento enerxético, neste caso para os Concellos de O Incio, Abadín e A Fonsagrada. Dito contrato é derivado do acordo marco que permite a contratación conxunta de subministros, posto en marcha pola Deputación de Lugo dentro da súa aposta pola racionalización e optimización do gasto público, aforrando cartos ós Concellos con medidas deste tipo. Esta iniciativa está financiada nun 80% con fondos europeos procedentes do programa Lug02.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “nesta ocasión son 1.015 compoñentes enerxéticos os que se adquirirán para renovar a dotación destes tres Concellos. Lámpadas de baixo consumo, válvulas termostáticas ou programadores de acendido automático do alumeado son algúns destes compoñentes que, ademais, instalaremos gratis tanto en edificios municipais coma en sistemas de alumeado público”. Grazas a estas medidas e á adquisición conxunta de material, O Incio, Abadín e A Fonsagrada “lograrán un aforro de 41.000 euros nas súas facturas enerxéticas, ós que hai que sumar os 10.000 euros por Concello, que é o prezo de mercado dunha auditoría coma a que a Deputación fixo gratuitamente”.

En total, adquiriranse 975 lámpadas de baixo consumo; 6 reloxos astronómicos para programar o acendido do alumeado; 4 descargadores para evitar picos de tensión eléctrica; 1 reductor de fluxo lumínico e 29 válvulas termostáticas para as Casas Consistoriais e alumeado público de O Incio e Abadín, así coma para o centro educativo e alumeado público da Fonsagrada.

Triple aforro para os Concellos
Con O Incio, A Fonsagrada e Abadín xa son 13 (anteriormente foron Cervantes, Pol, Samos, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla e o Valadouro) os primeiros Concellos nos que xa se contratou de xeito conxunto o material enerxético. As actuacións continuarán ata chegar ó total de 37 Concellos -dos 46 que forman parte do Club dos Renovables-, que se sumaron voluntariamente a esta iniciativa coa que a institución provincial realizou auditorías enerxéticas a custe cero, ó asumilas dende a Axencia Provincial da Enerxía. As medidas adoptadas grazas a este acordo marco, só nestes 13 primeiros Concellos acadarase un aforro anual de 120.000 euros.

Martínez explicou que “en base ós traballos realizados pola Axencia Provincial da Enerxía, elaboramos un acordo marco, grazas o cal os Concellos adheridos benefícianse de tres xeitos diferentes: aforran os custes das auditorías; aforran o custe dos equipamentos técnicos e conseguen importantes aforros económicos na súa factura enerxética”

A institución provincial aprobará proximamente novos contratos derivados para a adquisición conxunta de máis subministros enerxéticos nos 24 Concellos restantes adheridos a esta iniciativa: Quiroga, A Pobra do Brollón, Monterroso, O Vicedo, Ribadeo, Palas de Rei, Sober, Portomarín, Láncara, Xove, Navia de Suarna, Riotorto, Guitiriz, A Pastoriza, Castroverde, Becerreá, Ribas de Sil, Guntín, Friol, Meira, Sarria, Trabada, Monforte de Lemos e Viveiro.

Parque ambiental de Becerreá
Outro dos asuntos acordados na Xunta de Goberno celebrada hoxe foi a concesión dunha prórroga de 10 días, solicitada polo adxudicatario, para a dotación de equipamento para o parque ambiental de Becerreá, de xeito que en breve poderá ser aberta ó público, aportando unha considerable mellora nas condicións de vida dos veciños da zona.

Este adxudicación ten un valor de 47.900 euros, financiados nun 80% por fondos europeos, ó tratarse de actuacións de mellora de prestacións sociais nos Concellos. O parque ambiental, ubicado na zona do parque da Carballeira de Xesteda e das piscinas municipais, suporá un amplo espazo no que practicar actividades que favorezan o benestar e contará cunha vintena de aparellos, coma barra de equilibrio, escaleira de trepa, rocódromo, tirolina, etc., pensados para que poidan facer uso deles tanto nenos coma maiores, xa que preto do 40% da poboación do municipio supera os 60 anos.