Deputación de Lugo

Continua aberto o prazo para inscribirse no programa de termalismo da Deputación

Imaxe deputación de lugo
O programa oferta paquetes de saúde e benestar en balnearios da provincia situados a pé do Camiño de Santiago1.200 lucenses maiores de 50 anos e os seus acompañantes poderán beneficiarse de descontos nos balnearios de Lugo, Pantón, Guitiriz e Palas de Rei dende agosto a decembroSó se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, sen delegar en Concellos ou entidades, presentando no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo a documentación que poderán obter na web www.deputacionlugo.org. Máis información: 982 260 075

Tralo éxito de convocatorias anteriores, este é o terceiro ano que a Deputación pon en marcha o programa Termalismo no Camiño. O prazo continua aberto para que os lucenses maiores de 50 anos poidan desfrutar dunha das 1.200 prazas que se ofrecen para acceder, entre os meses de agosto e decembro, ós tratamentos ofrecidos en catro balnearios da provincia: Augas Santas, Río Pambre, Romano de Lugo e Guitiriz.

Termalismo no Camiño ofrece descontos para desfrutar de balnearios lucenses entre os meses de agosto e decembro dos seguintes paquetes de prestacións:

6 días con 5 noites de estancia
5 pensións completas
Día de entrada (domingo): incluídos cea e aloxamento
Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida
8 técnicas de balneario
1 recoñecemento médico á chegada
De luns a xoves: programa de animación sociocultural

As 1.200 prazas dispoñibles distribúense do seguinte xeito: 650 prazas en Oca Augas Santas Balnearios Golf&Resort; 450 prazas no Hotel Balneario&Golf Resort de Guitiriz; 100 prazas no Hotel Balneario Río Pambre e 30 no Balneario de Lugo Termas Romanas. Cada beneficiario poderá acudir cun acompañante, que poderá participar no programa aínda que non cumpra os requisitos de ter máis de 50 anos e estar empadronado na provincia.

O prazo para presentar as solicitudes xa está aberto. Só se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, sen delegar en Concellos ou entidades, presentando no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo a documentación que poderán obter na web www.deputacionlugo.org, xunto cun certificado de empadroamento e unha fotocopia do DNI.

Unha vez seleccionados, os propios participantes, ou ben un familiar directo, deberán recoller na Deputación (Servizo de Relacións Institucionais) os bonos que presentarán no balneario seleccionado. Estes bonos tampouco se entregarán a ningún representante de Concellos, asociacións ou calquera tipo de entidade allea.


Grande oportunidade para o turismo
A Deputación insiste en que esta iniciativa é de gran importancia para a provincia, xa que a institución considera o turismo de saúde coma un importante elemento de promoción turística nacional e internacional, xunto co Camiño de Santiago. Dende o ente provincial destacan que os balnearios son un perfecto exemplo de modelo de empresa sostible, garantindo o futuro do recurso, fixando poboación grazas á creación de emprego local e dinamizando a economía das zonas nas que se insertan, que son esencialmente rurais, coa afluencia de usuarios en calquera época do ano. Deste xeito, recalcan dende a Deputación, se contribúe á desestacionalización do turismo ó tempo que se ofertan opcións de calidade.

O sector do turismo de saúde arroxa cifras moi positivas no 2013, coma as preto de 150.000 persoas que cada ano visitan Galicia para beneficiarse da súa riqueza mineromedicinal, xa que conta con sete dos oito tipos de augas medicinais que existen, e que xeran unha facturación anual para sector duns 126 millóns de euros.

Máis información: 982 260 075