Deputación de Lugo

Lugo contará co centro referencial da UNED no noroeste de España no curso 2014-2015

A Xunta de Goberno Provincial aprobou solicitar ó Concello de Lugo a bonificación do 95% do imposto de construcións, instalacións e obras para pedir a vindeira semana a licenza dos traballos de acondicionamento do bloque 1 do Hotel MiñoÉ o derradeiro permiso imprescindible e legal para executar estas actuacións logo de acadar o de estradas do Ministerio de Fomento, o de augas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o informe favorable da Xunta, que tardou case 2 anosA institución resolveu obras que adxudicou o PP sen cartos nin terreos no Corgo e realiza o proxecto para executar con todas as garantías estas actuacións tras finalizar coas expropiacións

Lugo contará co centro referencial da UNED no noroeste de España para o curso académico 2014-2015. Así o avanzou este venres o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, tras a Xunta de Goberno Provincial, na que se aprobou solicitar ó Concello de Lugo a bonificación do 95% do imposto de construcións, instalacións e obras para pedir a vindeira semana a licenza dos traballos de acondicionamento do bloque 1 do Hotel Miño. Martínez destacou que “é o derradeiro permiso imprescindible e legal que necesitamos para executar estas actuacións logo de acadar o de estradas do Ministerio de Fomento, o de augas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o informe favorable da Xunta, polo que tivemos que esperar case 2 anos”.

Simultáneamente á espera por estas licenzas, a Deputación realizou os traballos que non requiren permisos doutras administracións, avanzando no proxecto que fará que se sitúe na cidade luguesa a sede da UNED de referencia en Galicia e Asturias, destacando tamén fronte á de León, Zamora e Salamanca. Estas actuacións consistiron na demolición do bloque 2 e na súa adecuación para levar a espazo o aparcadoiro de 1.900 metros cadrados da universidade. A institución achegou a estes traballos preto de 90.000 euros. Asimesmo, acondicionou o bloque 3, situando alí o Arquivo Provincial. Agora, arranxará o bloque 1, que será o edificio principal da UNED e nova sede na capital luguesa.

Estas últimas actuacións, contan cun orzamento de 1,3 millóns de euros, dos que o organismo provincial achega 1 millóns de euros e a cantidade restante a UNED. Concretamente, son 300.000 euros, que adiantou a Deputación á universidade, pero que devolverá en varias anualidades. Martínez destacou as vantaxes desta iniciativa, apuntados as seguintes: 1.- Económica. Aforraranse os 105.000 euros anuais que, actualmente, se desembolsan no alugar do edificio Forcam, propiedade da Cámara de Comercio, para as clases. 2.- Espacial. Gañarase espazo para acoller ós alumnos en constante aumento, xa que, segundo datos oficiais, a Uned luguesa incrementou nun 15% o número de matriculados no 2013 con respecto ó ano pasado, acadando os 2.212. Trátase do maior crecemento en volume de alumnos de Galicia. 3.- Adaptación do centro ó novo marco universitario europeo; 4.- Consolidación da existencia da Uned en Lugo coa permanencia da sede.
Características
Cos obras no bloque 1 do Hotel Miño, a Deputación acadará un edificio de 1.993 metros cadrados útiles, distribuídos en 4 prantas: Na pranta baixa (446 m2), situarase unha biblioteca de acceso libre, con conexión a Internet de 10 megas e cuxa extensión triplica a existente. Ademais, localizarase o departamento de orientación, formación e emprego (COIE), así como o de atención ó alumnado. Na primeira pranta (536 m2), habrá 6 aulas compostas por tabiques móbiles facendo posible que en tempadas de maior afluencia de estudantes, por exemplo durante a celebración de exames, quede unha soa sala con capacidade para 200 persoas. Tamén neste espazo, se localizará a sala de reunións e a de dirección. Na segunda pranta (536 m2), estarán as restantes 12 aulas -isto significa que a UNED contará cun total de 16 aulas-, así como a área de informática. A terceira pranta (475 m2), que hoxe é a terrraza, converterase no espazo que acolla o salón de actos e os laboratorios.
Hotel Miño
O Hotel Miño foi adquirido polo organismo provincial en 1984. En 2007, a anterior corporación provincial acordou a súa posta á venda, operación que non chegou a formalizarse debido ó incumprimento do comprador. Posteriormente, voltouse por á venda en 2 ocasións, nas que non se presentaron ofertas. Finalmente, ante a petición da Asociación Provincial da Hostelalería dun centro de formación en Lugo, a Deputación púxoo a disposición da Xunta sen obter resposta algunha. Agora, Deputación e Concello de Lugo dan a este patrimonio público unha finalidade pública, levando alí as instalacións da UNED na capital luguesa.

Obras no Corgo
“En herdanza da nefasta xestión de Partido Popular”, avanzou Martínez, a Xunta de Goberno acordou a resolución de dous contratos de obras, “que adxudicou o PP sen cartos nin as expropiacións legais co famoso plan dos 50 millóns de euros”. Trátanse de melloras na estrada de San Cristobal-Aday, no Concello do Corgo, que as adxudicatarias non puideron realizar ó non contar os terreos necesarios. Por este motivo, acordaron coa Deputación a resolución dos contratos e a devolución das garantías depositadas, que ascenden ós 5.600 euros e ós 38.104 euros. Martínez adiantou que “estamos agora refundindo estas actuacións nun só proxecto, xa que o PP deixounas desglosadas en dous, por un lado o movemento de terras e por outro o rego asfáltico, para executar con todas as garantías e de xeito legal estes traballos con fondos propios da Deputación, con aglomerado en quente e sinalización. Xa temos expropiado os terreos”.

“Máis herdanza do PP”
“Máis herdanza do PP”, apuntou Martínez, para referirse á sentenza desestimatoria, é dicir, a favor da Deputación, da que se deu conta á Xunta de Goberno. Versa sobre o contencioso contra o organismo provincial “que interpuxo a empresa á que o Partido Popular contratou o servizo de aluger de 19 vehículos, que supoñía un desenvolso anual para a Deputación de máis de 1,4 millón de euros. Ante este importante investimento, e dentro da nosa aposta pola racionalización dos gastos correntes, acordamos resolver este contrato que herdamos dos populares, reducindo nun 65% a contratación externa no Parque Móbil e aforrando 1,1 millóns de euros. A empresa arrendataria non estivo de acordo con esta decisión, pedindo unha indemnización, que tanto o Xulgado contencioso administrativo número 1 de Lugo como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeita porque, dende o momento que este Goberno Provincial acordou resolver este contrato, a Deputación devolveu os 19 vehículos que tiña alugados o PP, non existindo motivo algún para indemnizar a esta entidade”.