Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a V Feira de Artesanía e Etnografía do Incio

A institución provincial fai unha achega económica de 3.000 euros para financiar o evento e envía tamén a dous artesáns do CENTRAD para que participen nas exposiciónsEsta edición, que se celebra o vindeiro domingo día 1 de setembro, está adicada ó traballo da madeira e de cestaríaRepresentación de oficios artesanais, exposicións de traxes tradicionais ou unha demostración de traballos forestais con motoserra son algunhas das actividades das que se poderá desfrutar na xornada

O Deputado de Cooperación e Asistencia cos Concellos, Álvaro Santos, e Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, presentaron este martes nos Xardíns do Pazo de San Marcos a V Edición da Feira de Artesanía e Etnografía do Incio, que este ano versará sobre os traballos relacionados coa madeira e coa cestaría. A Deputación aporta 3.000 euros para financiar o evento e tamén ofrece a dous traballadores artesanais do Centro de Artesanía e Deseño, do organismo provincial, para que fagan unha demostración en vivo do seu traballo.

Álvaro Santos salientou que este tipo de eventos son “fundamentais” para incentivar o sector artesanal, “ un sector punteiro para a economía lucense como é a artesanía para xerar riqueza” e que “este é un dos traballos máis complexos e por desgraza, dos que máis esta a sufrir nestes tempos de crise” valorou Santos. O representante provincial tamén quixo salientar a “ actitude de cambio constante e renovación dos artesáns” xa que “ estanse a reinventar, tanto en procedementos como en materiais, para facer accesible os seus produtos a todos os públicos”. O organismo provincial continúa na súa liña de apoio a este tipo de festas xa que pon de manifesto importancia dos oficios artesanais que son “un factor de xeración de emprego e riqueza de primeiro nivel, especialmente nas zonas rurais”
A Alcaldesa non quixo deixar pasar a oportunidade sen agradecerlle a Deputación “ por toda a colaboración ofrecida, tanto en medios materiais, como económicos e humanos, sen os que non sería posible facer esta feira, que pon O Incio no mapa e que da a coñecer o noso comercio local, con produtos artesanais e de calidade”

Programación da Feira
A V Feira de Artesanía e Etnografía do Incio é un evento no que se reivindica o papel dos traballos artesanais, un dos oficios con máis peso na provincia lucense. A xornada abre as súas portas ás 11:30 horas da maña con postos de artesanía, etnografía e alimentación entre outros. Ó longo da maña, poderase participar das representacións de oficios tradicionais como poden ser a cestaría, o traballo da madeira, da lá ou da pedra. Tamén hai un espazo reservado na sala multiusos do Concello onde haberá unha exposición de traxes tradicionais a cargo do Centro de Artesanía; ademáis haberá unha exposición de madeira, cestas e instrumentos musicais entre outros cedidos tamén polo CENRTAD. De seguido está preparada unha demostración de traballos forestais con motoserra como as podas en altura, a talla de figuras ou a corta de árbores.

Ás 12:00 horas, teñen programado un pasarrúas cos gaiteiros do Incio. Ó remate dará comezo o xantar típico galego. Pola tarde, ás 16:30 horas os máis picariños poderán aprender como é o traballo da cestaría da man dun obradoiro deseñado para os eles. Ás 17:00 dará comezo espectáculo A.M.E.N do Padre Merino na praza do Incio. Posteriormente, sobre as 18:30 horas arrancará a exhibición de agility da man da Asociación Canina A Esmorga.

Por último, ás 20:00 horas actuará Paco da Ferrería e haberá tamén un concurso de baile. Unha hora despois, o evento darase por finalizado coa entrega de premios onde se sortearán 3 vales de 100 euros cada un e que se poderán utilizar en calquera establecemento do Incio. O sorteo dos vales celebrarase entre todas as persoas que se acheguen o vindeiro día 1 ata a Feira do Incio.