Deputación de Lugo

A Deputación garante melloras na vía de San Cristobal que o Partido Popular contratou sen cartos nin terreos

Imaxe deputación de lugo
A institución expropiou máis de 100 fincas con 390.000 euros, e redacta agora un novo proxecto que contempla a mellora do firme con aglomerado en quente e sinalizaciónMartínez remarca que “mentres o PP contratou obras sen cartos nin terreos, enganando ós veciños, nós actuamos de xeito legal e con todas as garantías para mellorar esta vía”

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, remarcou este luns que o organismo provincial garante a execución de melloras na estrada de San Cristobal-Aday, no Concello do Corgo, que o Partido Popular contratou sen cartos nin terreos, enmarcando estas actuacións no famoso plan dos 50 millóns de euros.

Martínez salientou que “estamos solventando as chapuzas do PP, que realizou dous proxectos de obra nesta vía, deixandándoos adxudicados, a pesares de non contar con orzamento, nin ter realizado, previamente, as expropiacións legais correspondentes”. Isto supuxo, que a empresa contratada solicitase á Deputación a resolución do contrato, pois non puido executar estas obras ó non contar cos terreos necesarios. A institución atendeu a petición da entidade, ó tempo que lle devolveu a garantía depositada de 43.700 euros.

A institución finalizou o proceso de expropiación, adquirindo 108 fincas e investindo 390.000 euros. Agora, os técnicos provinciais están a realizar un único proxecto, que será executado con fondos propios da Deputación. “A xestión deste Goberno Provincial dista moito da do PP”, destacou o responsable do departamento de Xestión Territorial, exemplificando, posteriormente, a “nefasta xestión” dos populares:

- “desglosaron estas actuacións en dous proxectos, un para o movemento de terras e outro para as obras, consistentes en rego asfáltico e sen sinalización. Nós facemos un único proxecto que melloramos con aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical”.

- “adxudicaron estas actuacións sen cartos nin terreos. Nós, en primeiro lugar, reservamos 390.000 euros para levar a cabo as expropiacións previas e legais, que xa concluímos. Agora, estamos a refundir as actuacións que se necesitan levar a cabo nesta estrada nun só proxecto, que contrataremos cando contemos co presuposto necesario, empregando para elo fondos propios da Deputación”.

“Mentres o Partido Popular enganou ós veciños, contratando obras sen cartos nin terreos, este Goberno Provincial actúa de xeito legal e con todas as garantías para, verdadeiramente, mellorar a estrada de San Cristobal-Aday”, sentenciou Martínez.