Deputación de Lugo

A Deputación xa acometeu melloras no firme das estradas de 51 concellos da provincia

A institución provincial leva executado preto do 75% das obras previstas, quedando tan só as estradas de 10 concellos por rebachearNestes momentos se están a realizar tarefas en 6 concellos e nos restantes comezarán as obras nos vindeiros díasO Plan de Rebacheo da Deputación contempla a supervisión de todos os quilómetros de estradas de titularidade provincial

A Deputación Provincial leva acometido obras de reforma do firme nas estradas de 51 concellos. Trátase dunhas actuacións contempladas no Plan de Rebacheo da Deputación que comezou en xuño e está executado nun 73,42% se atendemos ós quilómetros totais e en máis dun 75% se contamos por concellos. Ata o de agora se acometeron melloras en concellos de montaña, da costa, do interior, da Terra Chá e da zona Sur. Xa se revisou o firme dos concellos de Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ourol, O Vicedo, Vilalba, Muras, Xermade, Ribadeo, Foz, Trabada, O Valadouro, Alfoz, Lourenzá, Barreiros, A Pontenova, Pastoriza, Riotorto, Mondoñedo, e Abadín. Tamén xa remataron as obras de mellora en Cospeito, Castroverde, Corgo, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Pol, Láncara, Monterroso, Antas, Guitiriz, Begonte, Navia de Suarna, A Fonsagrada, Becerreá, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, As Nogais, Pedrafita, Caurel, Samos, Incio, Ribas de Sil, Quiroga, Triacastela, Monforte, Pantón, Bóveda, Pobra de Brollón, Sober e Saviñao. Todos estes municipios suman un total de 3.084 quilómetros de estradas provinciais que foron supervisados e postos a punto pola Deputación, no que vai de verán.

Nestes momentos estanse a realizar melloras noutros 6 concellos. En concreto son os municipios de Lugo, Páramo, Palas de Rei, Friol, Cervantes e Chantada, entre todos suman 590,771 quilómetros. Nos próximos días, realizaranse tamén as obras do plan de rebacheo en Baleira, Baralla, Rábade, meira, Portomarín, Sarria, Paradela, Guntín, Taboada e Carballedo. Tan só restan 10 concellos que suman 525 quilómetros, un 12,5% da extensión total.

As tarefas de bacheo consiste no acondicionamento con rego asfáltico de todos e cada un dos puntos que o necesitan. Os traballos, que comezaron a principios de xuño, atenden ás necesidades recompiladas previamente polos técnicos provinciais. Os traballos acométense con cargo ó Plan de Conservación de Estradas 2013, a través do que a Deputación está a actuar no 100 % das vías da provincia.


Aposta da Deputación polas infraestruturas e o emprego
O Plan de Rebacheo da Deputación comprende labores de supervisión e mellora do firme da rede viaria de titularidade provincial. A de Lugo é a máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros. Así que estas actuacións supoñen un importante esforzo da Deputación por manter en bo estado a rede viaria provincial e contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros.

Este plan da Deputación ten unha dobre finalidade, por unha banda a súa finalidade é mellorar a situación das vías urbanas e interurbanas da provincia para, prever riscos, optimizar os servizos e evitar o éxodo rural. Pero por outra banda a institución provincial promove o emprego e impulsa a economía ó contratar para estas actuacións a 23 autónomos e pequenas empresas da provincia, precisamente, para potenciar os seus negocios, contribuíndo ó impulso da economía e ó mantemento de postos de traballo en Lugo ante a crise.