Deputación de Lugo

A Deputación acusa á Xunta de deixadez de funcións na xestión das festas de Interese Turístico

Imaxe deputación de lugo
A Deputación exíselle á Xunta unha liña de axudas específica que garantan a calidade destas celebracións como reclamo turístico, ámbito no que a entidade provincial non ten competencias directasA falta de axudas son recortes, dos que a Xunta pretende responsabilizar a outras administracións, para encubrilosO ocorrido coa festa da Maruxaina é un exemplo da “mala xestión do Goberno do PP” con estes eventos

A Deputación acusa a Xunta de realizar recortes encubertos e deixadez na xestión das axudas para as festas de Interese Turístico Galego. Este ano varios dos eventos que contan con esta declaración na provincia de Lugo quedaron sen axuda da Xunta. Dende o organismo provincial insisten, “a Xunta é a máxima responsable da xestión destes eventos porque é ela a que outorga a declaración que ademais é de ámbito autonómico”. Por este motivo, solicitan dende a Deputación unha liña de axudas específica que garanta a calidade dos eventos.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, asegura que “se a Xunta non xestiona adecuadamente esta figura córrese o risco de dar unha mala imaxe, perxudicando ó turismo e á economía local”. A Deputación considera que a Xunta está a acometer recortes encubertos na xestión das festas e pretende responsabilizar da mala xestión a outras entidades. Para Lara Méndez, “a Xunta non pode pedir á Deputación que invista a mesma cantidade que o Goberno Autonómico, pola diferencia de orzamento e máis porque a entidade provincial non ten competencias directas en materia turística”.

A Deputación colabora cos organizadores destes eventos que se converten nun importante revulsivo económico para a zona onde se celebran. No último ano, e pesar da crise económica, a Deputación investiu en axudas para a celebración de eventos de carácter socioeconómico ó redor de dous millóns de euros. As axudas da Deputación son de carácter económico ou en forma de colaboración con algunha das entidades que xestiona o organismo provincial. Trátase de eventos nos que se promociona a economía local, coa venta e posta en valor de produtos autóctonos lucenses, e coa intención de potenciar sectores que se teñen revelado coma claves de crecemento comarcal ámbito no que a Deputación, si conta con competencias.

Deixadez de funcións da Xunta
Lara Méndez considera que o ocorrido coas festas de Interese Turístico é unha mostra máis da mala xestión e deixadez da Xunta nas súas competencias. “A Deputación está a facerse cargo de aspectos que non lle corresponden para que a calidade de vida dos veciños non se vexa perxudicada, pero a entidade provincial non se pode responsabilizar de todos os ámbitos que a Xunta abandona.”

Esta falta de interese da Xunta na xestión destas axudas se ven a sumar a outras medidas de recortes encubertos noutros ámbitos que inciden directamente no benestar dos lucenses. Tal é o caso do abandono de infraestruturas tan importantes para Lugo como o Corredor da Costa, o retraso da posta en marcha da unidade de hemodinámica e radioterapia no Hospital Lucus Agusti, o peche de unidades escolares no rural lucense ou a falta de colaboración na xestión de servizos sociais.

A Maruxaina exemplo de mala xestión
A Maruxaina foi unha das citas que este ano quedou sen axuda da Xunta, un claro exemplo da mala xestión e deixadez do goberno autonómico. A Xunta lle denegou a achega económica ó Concello de Cervo por solicitar axuda para un concepto non subvencionable, pero non lle advertiu do erro nin lle deu posibilidade de rectificar “o que demostra a falta de interese do goberno do PP en dar a axuda”.