Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras da Residencia e Centro de Día de Trabada que atenderá ós maiores e creará emprego

Gómez Besteiro explicoulle ó Alcalde o plan de obras nas que a Deputación inviste 1,2 millóns de euros e creará 20 postos de traballo no municipio As instalacións, situadas no centro para dinamizar os negocios da zona, contemplan 24 habitacións con posibilidade de que sexan dobresA de Lugo é a única deputación galega que está a construír unha rede pública de residencias e centros de día despois de que a Xunta, responsable destas competencias, lle negase o seu apoio 

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou en Trabada o plan de obras da residencia da terceira idade e centro de día que hoxe mesmo comezou a construír a Deputación de Lugo. A Xunta, responsable destas competencias en Galicia, negouse a colaborar como fai noutras provincias, discriminando unha vez máis ós veciños de Lugo.

Gómez Besteiro destacou o forte investimento que acomete a Deputación con estas obras nas que inviste 1,2 millóns de euros, pero asegurou “paga a pena para poder atender como merecen os nosos maiores, e para crear aproximadamente 20 postos de traballo na comarca ademais de ser unha fonte de ingresos para o Concello de Trabada. Poucas administracións hoxe están apostando como a Deputación de Lugo polo benestar social máis o emprego". Segundo explicou o Presidente da Deputación “con obras coma esta conseguimos que o envellecemento da poboación sexa unha oportunidade de emprego nunha provincia como a nosa na que é prioritario fixar poboación no rural e plantarlle cara ó despoboamento”. De feito, as instalacións estarán situadas no centro da vila co obxectivo de dinamizar a economía local da zona.

As prazas residenciais e as do centro de día distribuiranse segundo as necesidades dos veciños de Trabada. No proxecto figuran 24 habitacións, con posibilidade de que sexan dobres. É dicir, poderían habilitarse 48 prazas residenciais. A Deputación definirá finalmente en función das demandas, tendo en conta que, segundo os expertos, hoxe son moitos os maiores que non queren abandonar as súas casas e prefiren ser atendidos nun centro durante o día e seguir residindo nos seus fogares pola noite. De aí a dobre configuración destas instalacións como centro de día e residencia, unha oportunidade que a Deputación ofreceu desde o principio a todos os concellos onde vai construír unha destas instalacións.

As necesidades de persoal inclúen coidadores sociais, médicos, ATS, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, entre outros. Hai que ter en conta que, segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contratar a un mínimo de coidadores por número de prazas, así como 1 médico e 1 ATS que presten atención ás 24 horas.

Para esta obra o Concello achega 200.000 euros, os servizos urbanísticos e os terreos necesarios. As obras dan comezo logo de esperar case un ano a que a Xunta lle concedese o informe favorable a este proxecto.
Sen apoio da Xunta
As obras destas instalacións en Trabada enmárcanse dentro da primeira fase do plan de implantación de residencias e centros de día públicos na provincia que desenvolve a Deputación. Nesta fase inicial tamén se inclúen obras para dotar de residencias e centros de día ós concellos de Castroverde, Fonsagrada, Navia de Suarna e Ribas de Sil.
A Deputación desenvolve este ambicioso plan, único en Galicia, en solitario despois de que a Xunta inexplicablemente rexeitase colaborar. A negativa aínda é máis grave despois de que o goberno de Feijóo, responsable destas competencias en Galicia, afirmase que "estos centros non son necesarios en Lugo" e prefira concertar prazas con centros privados da provincia.
Esta situación impide, polo de agora, á institución luguesa executar o 100% do seu plan, que comprende un orzamento de 15 millóns de euros. Sen embargo, a Deputación non renuncia a el, polo que irá incorporando cantidades orzamentarias para seguir avanzando en solitario ata que a Xunta recapacite na súa discriminación á provincia.

Xunto á de Trabada, a Deputación tamén iniciou hai un mes as obras de construción da Residencia e Centro de Día público de Castroverde. Estes traballos engádense ós da Fonsagrada, onde o organismo provincial tamén está a executar as obras do centro para a terceira idade. Proximamente, a institución adxudicará tamén os proxectos de Pol e Pedrafita do Cebreiro para, a continuación, contratar os de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Guitiriz é o único caso na provincia no que o seu alcalde rexeitou o centro de día con residencia que tiña asinado a Deputación coa anterior rexedora.