Deputación de Lugo

Éxito do plan Satelíz@TE co que a Deputación dotará gratis de Internet vía satélite a centos de familias e empresas do rural

Preto de 250 familias xa formalizaron a súa solicitude e son máis de medio milleiro as consultas realizadas por veciños, asociacións e PEMES interesadas en contar con este servizoGómez Besteiro destacou que a institución provincial segue traballando para estender o uso das TIC, “mellorando a calidade de vida dos veciños e fortalecendo o tecido empresarial”Os interesados poden inscribirse ata o día 30 de agosto no teléfono 982-02-02 ou entrando en www.satelizate.deputacionlugo.org

O plan Satelíz@TE, posto en marcha pola Deputación de Lugo, xa leva rexistradas preto de 250 solicitudes feitas por veciños, asociacións e PEMES do rural da provincia, para optar a este plan co que a institución provincial permitiralles contar con conexión vía satélite de xeito gratuíto. O feito de residir nas chamadas “zonas de sombra”, non lles permitía contar con outro tipo de cobertura, polo que este ambicioso plan conseguirá que, finalmente, poidan facer uso das novas tecnoloxías. A boa marcha deste programa queda de manifesto non só co gran número de solicitantes que xa teñen formalizado a súa inscrición, senón co medio milleiro que levan solicitado información acerca dos trámites necesarios para quedar incluídos no plan ou cumprimentando o seu impreso de solicitude.

Segundo destacou Gómez Besteiro, na Deputación de Lugo “estamos moi satisfeitos coa marcha do Satelíz@te, porque exemplifica a liña na que queremos seguir traballando: estendendo o uso das novas tecnoloxías na provincia, mellorando a calidade de vida dos nosos veciños e fortalecendo o tecido empresarial”, co fin de crear emprego e fixar poboación no rural.

Lugo, Ulloa e Mariña á cabeza
De todas as solicitudes presentadas ata o momento destacan especialmente o número procedente dos Concellos da comarca luguesa, cun total de 77, seguida polas comarcas da Ulloa, Terra Chá e Mariña, con 42, 38 e 36, respectivamente.

Por Concellos, destacan especialmente os de Palas de Rei e Lugo, rexistrando 31 solicitudes cada un deles. Hai que ter en conta que, no caso do Concello lucense, queda excluído do Satelíz@te o perímetro urbano, definido como tal no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Tras estes casos, destaca o número de solicitudes chegadas dende os municipios de Outeiro de Rei (18), Xove (16), ou Cospeito, Antas de Ulla e Friol (11 solicitudes en cada un deles).
Financiación ó 100%
Cada beneficiario do programa Sateliz@te, que conta cun orzamento total de 385.000 euros, recibirá unha axuda que cubrirá o 100% do custe da antena, a súa instalación e os equipamentos precisos para a conexión á rede de banda longa, como pode ser un router. A contía máxima de cada subvención será de 500 euros. O usuario deberá asumir despois o mantemento do servizo, aínda que a Deputación garantirá tarifas vantaxosas, pois pactou os prezos subministro operadoras de telecomunicacións. A velocidade de Internet da que dispoñerán será dun mínimo de 2 Mb, mentres que o máximo dependerá do tipo de contrato que o usuario formalice coas empresas colaboradoras coas que contará a institución luguesa, aínda que podería chegar ós 20 Mb. Os destinatarios das axudas poden ser particulares, asociacións sen ánimo de lucro, ou ben pequenas e medianas empresas, que residan ou desenvolvan a súa actividade na zona rural da provincia e que non dispoñan de cobertura de banda longa de polo menos 2 megas mediante outra tecnoloxía.
Con este novo plan da Deputación de Lugo, serán centos de familias e empresas lucenses afincadas no rural as que poderán contar cun servizo de Internet realmente operativo, posto que ata o de agora estes estaban pagando por un servizo do que non dispoñían realmente. O Satelíz@te permitiralles facer compras, realizar trámites administrativos dun xeito rápido e sinxelo e acceder a todo todo tipo de información cunha conexión rápida e fiable.

Os interesados poden inscribirse ata o 30 de agosto chamando ó 982-26-02-02 ou entrando na web www.satelizate.deputacionlugo.org . En setembro resolverase o proceso de selección dos beneficiados do Sateliz@ate para, nese mesmo mes, iniciar a súa execución e rematar o total das actuacións antes de finais de ano.