Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a Festa da Malla de Meira que chega a súa XXII edición

A cita celebrarase este domingo 25 de agosto e pretende recordar como antigamente todos os veciños traballaban conxuntamente con métodos artesanaisA Deputación colabora dende hai anos con esta celebración, pioneira en Galicia e declarada de Interese Turístico Nacional dende 2006 Esta fin de semana ademais pódense ver unha exposición de traxes rexionais e máis o barco Muralla que a Deputación achega a esta localidade

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez e o presidente da Asociación de Amigos da Malla de Meira, Manuel Pardo, presentaron o programa de actividades que se inclúen dentro da XXII Festa da Malla desta localidade. A cita está catalogada como de Interese Turístico Nacional e a comprende, ademais da exhibición con máquinas antigas para mallar o pan, numerosas actividades para tódolos públicos.

A Deputación considera que este tipo de iniciativas poñen en valor a historia e etnografía da provincia ó tempo que serven de reclamo turístico para visitantes e veciños. Lara Méndez felicitou ós organizadores por saber conxugar a historia e tradición galega con momentos lúdicos, unha combinación que se converte nun claro dinamizador da economía da zona.

Pola súa banda o presidente da Asociación de Amigos da Malla de Meira, agradeceu a colaboración da Deputación para desenvolver a Feira e explicou que para a realización da malla se sementaron máis de 2.500 metros cadrados de trigo. Varios veciños se encargarán da súa malla na Praza Maior ó longo de todo o día, para que todo aquel que así o queira os poida ver traballar e incluso participar. O obxectivo é, segundo os organizadores, ter unha xornada de convivencia recordando tempos pasados polo que empregan para estas labores métodos tradicionais e maquinaria antiga. As persoas que se acheguen ata Meira poderán ver na praza do Concello unha mostra de maquinaria agrícola que amosa a evolución dos traballos no campo.

Exposición de traxes tradicionais do CENTRAD e visita do Barco Muralla
A Deputación colabora cos organizadores achegando ata Meira outras iniciativas para esta fin de semana. As persoas que se acheguen pola antes do 26 de agosto poderán ver unha colección de traxes rexionais dos fondos do Centro de Artesanía e Deseño. En total son dez traxes completos, dous de home e oito de muller de grande calidade. Un deles está feito cun tear tradicional, e empregaron para facelos fío, batista e lenzo, entre outros materiais. Chaman a atención especialmente os tres traxes dos denominados de picado e un de gala con cristais de Swarovski. Destes traxes dous levan dengue e un capa. É unha colección propia do CENTRAD, realizada a finais do século XX, con réplicas de grande calidade dos traxes típicos galegos e dálles máis realismo o feito de que levan tipo de complementos como cofias, bonetes ou panos.

Por outra banda, a Deputación quixo enviar esta fin de semana ata Meira o seu Barco Muralla unha iniciativa que pretende, a través dun vehículo con forma de barco, dar a coñecer o patrimonio natural da provincia. Deste xeito, os que se animen a entrar nas instalacións poderán participar en actividades de concienciación medioambiental para toda a familia e recibir información detallada sobre toda a riqueza natural de Lugo.

Música e gastronomía para completar o cartel
Coma tódolos anos os organizadores contan cun cartel completo de actividades que comezan dende a mañá cedo ata ven entrada a noite. Por todo o centro da vila se distribuirán as exposicións de artesanía e maquinaria antiga. Nos postos de venta poderemos atopar antigüidades e produtos alimentarios da zona, en canto a xornada estará amenizada por varios grupos musicais. A banda de música de Meira, a banda de gaitas, o grupo de pandereteiras e o de baile actuarán o longo do día tamén haberá tempo para o grupo folk Leña Verde e Tania e o seu acordeón. A xornada complétase cunha degustación gratuíta de buñuelos e viño á unha do mediodía e quen o desexe pode tomar un cocido típico da malla nunha carpa habilitada polos organizadores. Á noite celebrarase a tradicional queimada como peche a esta xornada de lembranza.

Orixe da festa
Os veciños de Meira souberon sacar partido ó trigo sementado por uns cazadores para atraer as perdices hai xa 23 anos. Cos excedentes decidiron facer unha malla tradicional e organizar unha festa para tódolos veciños. A cita foi a primeira das mallas que se celebraron como festa etnográfica e de recuperación da tradición en Galicia. En vista do éxito da convocatoria foron sumando actividades ata chegar este ano á XXII edición.